Arquivo da categoría: textos

pequenos apuntamentos

en “epitafios” fixen dúas pequenas correccións semántidas:
nun dos epitafios puxen do revés o sentido dunha estrofa porque dicía xusto o contrario do que quería que dixese
noutro, engadín un matiz para reforzar o sentido que igual non estaba tan claro.

ás veces marcar moito a dirección da lectura non é boa idea porque é importante que o lector poida darlle ás cousas os matices que son de seu. pero hai veces en que unha palabra pode engadir un matiz que desperte posíbeis lecturas novas. ese equilibrio é unha das cousas máis difíciles da poesía.

en “vense baleas no horizonte…” facía falta reorganizar as imaxes para reducir os abaneos dun texto que xa abanea de seu.

en “varadura” quitei algúns versos que non engadían nada especial. como regra xeral, o que non aporta, distrae. (e as regras xerais están para ser transgredidas, pero estas transgresións deberían ser sempre conscientes e ter un propósito.) tamén reorganicei algunhas imaxe para quitarlle unha sensación de desorde que me daba a lectura do texto.

(pen)última oportunidade (2)

estoutro texto, que a semana pasada valorei eliminar, penso que tamén pode resucitar cun tratamento que consiste na utilización intensiva da tecla “supr”.
 
 

n falaba dunha flor
que facía parte
das construcións da memoria de m
 

pero no relato
deviña invasora
ocupábao todo
abafaba as árbores
até o exterminio
 
 

de improviso
a paisaxe da conversa
e a da memoria de m
eran outras

ou

o relato causaba
nas postais da infancia de m
un defecto de forma
 
 

m escoitaba
e debatíase entre o esforzo
de intercalar a novidade
nas súas propias fotografías
ou facer
resistir
a paisaxe
 
 

é máis cálida a memoria dun tempo
e un lugar inexistentes?

ou a certeza de sabermos deseñar
territorios novos
aínda que doian?
 
 

o poema é
o negativo dunha foto neboenta
 

e se procuras entender o presente
cuestionando a paisaxe
o mundo vólvese inestábel
 
 

son iguais as singraduras da balea

conservan memoria na pel
pero eses mapas son
invisíbeis aos seus ollos
 

(pen)última oportunidade

antes de tomar a decisión de retirar este texto, voulle dar unha nova oportunidade recurtándoo á mínima expresión (e, na práctica, retornando ás orixes do poema).
 
 

escapar ao lombo da balea

a estratexia consiste
en imaxinar a inquietude
a cada dobra do itinerario

cada prega da paisaxe

 
 

primeira fuxida

se cómpre fuxir
dun cárcere sórdido
a balea ten a cor das estradas
nas películas americanas

ocre e sol
area e o brillo no reflexo dun coche
que pasa a toda velocidade

como se existise o tempo
algunha dimensión do horizonte

 
 

segunda fuxida

se dun hospital psiquiátrico
tanto ten se é balea
ou tigre

navegar a pulso ao seu carón

atravesar a sabana
coa urxencia da fame

 

revisar ou retirar?

hai dous poemas no libro que, reléndoos con algunha distancia, non pechan.
podería tentar corrixilos, pero xa o fixen máis veces e seguen sen funcionar.
igual é o momento de retiralos.

son este e este.

voulles dar un algo de tempo máis a ver se lles atopo unha forma válida.
se dou, ben. e se non dou, quitareinos do libro sen mágoa: o poema só ten sentido cando pode competir co silencio. e algo deixarían ao seu paso.

retoques en “navegar a carón dunha balea”

reformular unha estrofa, simplificar algúns cortes de verso, …
pequenas correccións para mellorar a fluidez do texto.

navegar a carón dunha balea

sentirse á vez
feble e tranquilo
 

estirarse como se fose posíbel
percorrerlle a pel
lisa e fría
 
 

a balea é metálica

treme no contacto coa man
e produce melodías grises
 
 

o músico jacobus van eyck
ocupouse nun tempo
de manter afinadas
con precisión milimétrica
as campás todas da cidade de utrecht
 

resultaba estraña aquela
harmonía
porque o toque das campás
adoita ser disonante

pero el procuraba
que fosen reflexo
da imaxe que tiña de deus

da exactitude
que ao seu deus lle supoñía
 
 

o canto da balea non é
simétrico
son impuros os harmónicos que produce
se a rozas
 

se a apalpas
os calos que medran no seu lombo
semellan conservar memoria
de todas as singraduras

pero a balea esquece
mesmo a corrente na que paira
 

porque a memoria é náufraga
e doe
 
 

imaxina unha igrexa de utrecht
tal como a representaría
calquera pintor da época

liñas que se proxectan cara ao alto
igual que ascende a luz
e delimita volumes

espazos de penumbra
 

igual que está feito de liñas de luz
e sombras
o corazón dos homes
 
 

navegar a carón dunha balea

sentir a fatiga toda da viaxe
e o descanso de saberse
imperfecto

manter algúns hábitos

na maioría dos meus libros, explícito ou non, hai algún texto a modo de arte poética. nalgún mesmo hai máis de un. este texto que engado hoxe quere ser algo así.

epitafios para un poeta inexistente

era demasiado novo e cría
que a literatura era un artificio

cando se fixo maior
comprendeu
que a literatura é
un artificio

 

tentou reducir o mundo
a versos mínimos
porque non sabía que as palabras
que faltan
son as que alargan a paisaxe

 

quixo afundir
raíces en terra estraña
ou non tanto
non tanto afundir
digo
ou terra
porque a poesía muda
navega

 

tentou que o verso
cobrase forma de pedra

non para lanzala
na fronte do poderoso
senón para crebar
a impasibilidade do espello

 

deseñou unha paisaxe
na pel tersa da balea

dous poemas nas orixes

Xa teño impresa unha segunda versión dos textos. Empecei a botarlles un ollo e apenas mudei unha palabra aquí, un verso aló.
Isto podería querer dicir dúas cousas non necesariamente contraditorias: unha, que o libro xa está case rematado; outra, que preciso deixalo pousar un tempo antes de volver revisalo.
O que si vai quedando claro é que os dous textos que serviron de xermolo ao libro (“hai festa” e “no muíño“) acaban por resultar bastante alleos ao resto do libro. Xa que logo, como primeiro paso, vounos recluír ao final, antecedidos por un título que deixe máis ou menos claro o que fan alí.
Nun futuro… veremos.

do papel (clavel del aire 1)

a clave para esta revisión dos textos parece ser “alixeirar”. tal vez sexa esta a clave para toda revisión. cando menos no meu caso. o momento da escrita é, ás veces, excesivo. e é o tempo o que deixa ver o celme do poema no medio das follas.
cando escribía ou revisaba (xa non lembro) este texto, a escoita dun precioso disco de vítor ramil fíxome intercalar algunhas reflexións adicionais no medio do poema.
agora esas ideas creo que permanecen, pero as referencias máis evidentes á fonte retireinas porque só engadían confusión á mensaxe.
non tomei aínda ningunha decisión definitiva sobre o asunto do nome da planta da que fala o poema. como ben apuntou no facebook elvira ribeiro, o que en arxentina se chama “clavel del aire” é unha tillandsia bergeri. en galego di elvira que se lle chama “herba das bruxas” ou “herba da envexa”. parécenme dous nomes preciosos pero demasiado atados á idiosincracia do país. resístome aínda a poñelos porque me parece que poden darlle ao texto un matiz significante que non ten nada que ver.
con todo, engadín dous versos ao final que apuntan a ese lado e, por outra banda, pechan mellor -penso- o poema.
 

n falaba dunha flor
que facía parte
das construcións da memoria de m
 

lembranzas afastadas
 
 

víraa outra vez
enleada nos ferros dun balcón
na cidade do frío

fóra unha fotografía cálida
naqueles meses de intemperie
 
 

pero no relato de n
deviñera invasora

ocupábao todo
abafaba as árbores
até o exterminio
 
 

de súpeto
a paisaxe que lle naceu
a m na conversa
era outra

ou tal vez sexa máis preciso dicir
que o relato causaba
nas postais da infancia de m
unha distorsión inesperada
 
 

m escoitaba
e debatíase entre o esforzo
de intercalar a novidade
nas súas propias fotografías
ou facer
resistir
a paisaxe
 
 

é máis cálida a memoria dun tempo
e un lugar inexistentes?

ou a certeza de sabermos deseñar
territorios novos
aínda que doian?
 
 

o poema é tradución
transposición

o negativo dunha foto neboenta
 

harmonías novas
describen a infancia
mellor do que albisca o esquecemento
 
 

son volátiles
as habitación da memoria
 
 

e se preguntas polo pasado

se procuras entender o presente
cuestionando a paisaxe

o mundo vólvese inestábel
diría caetano
 

nesa vacilación está
o equilibrio
 
 

son iguais as singraduras da balea

conservan memoria na películas
pero eses mapas son
invisíbeis aos seus ollos
 

e o clavel del aire
que nos mantén a salvo da tristeza

do papel (juancito caminador 1)

algúns cambios nos cortes de verso e unha enumeración ao modo dos cartóns fixos do cine mudo para encabezar cada unha das tres imaxes das que fala a introdución do poema.
 

tres imaxes de juancito caminador

contounas así o poeta
que viviu os seus soños
e mais soñouno vivo
e morto
e aínda así
non soubo del
nin a metade da imaxinación do mundo

 
 

unha

na barra dunha taberna
en ingeniero white

o ilusionista escoita
a historia marabillosa e certa
do mariñeiro que avistou unha balea
no trebón

semellaba vagar
tan extraviada coma o barco
no centro da chuvia mesta
das ondas salgadas do vento
irreflexivo
da bruma que recende a argazo

a curva gris do lombo
era unha luz
no negror do vendaval

erguíase brillante e
volvía sumir
no mar coma un destino
 
 

dúas

no centro da pista
unha mesa unha caveira un coello

o ilusionista vende
soños por dous pesos

e cando a carpa do circo
fica baldeira de asombros
o home agocha
o seu tremor no abrigo raído
e mergulla na noite
na xenebra
no poema
 
 

tres

a nena con vestido de domingo
que esculca desde a primeira fila
cada movemento do prestidixitador

e cando se apagan as luces
e a carpa fica baldeira
a nena some
deixando tras de si
un ronsel pálido

do papel (baleas no horizonte 1)

a versión que hoxe vos deixo deste poema remateina nunha cafetaría moi linda. tivese unha así preto da casa e tería esta mesa reservada 24 horas para min soíño. chámase, creo, “la esquina” e está en arzúa.
canto á versión, ademais dos axustes nos cortes de verso que veñen sendo habituais estes días e un par de imaxes ás que lles quitei peso, deille unha volta grande a unhas estrofas polo medio que non acababan de cadrarme.
o outro cambio importante é que as baleas, que antes só estaban no título do poema, pasaron a formar parte do texto. así, gaña puntos a idea de que, na versión final, os poemas todos perderán o título.
 

el era aínda novo
e ela xa regresara unha vez
da morte
 

ela construía preguntas
e el poñíase triste
cando unha palabra faltaba ao encontro

esa teima súa
pola precisión das fronteiras
 

ela navegaba
entre a serenidade do abismo
e a tensión do verso
 

el anoábase ao mastro
para que non o arrastrasen as ondas
 
 

desde un alto
fronte ao mar de vigo
avistaban baleas no horizonte
e as palabras eran
calma navegante

pero el tornaba a vista á terra
e teimaba en ancorar
no seu pequeno silencio descuberto
 
 

ela quería velo todo
 

séntese fráxil
quen diante do mundo
albisca soamente interrogantes

pero ten o poder da dúbida
a firmeza de non deixarse
aloumiñar polo afago
 
 

agora el vai máis vello
máis do que ela poderá ser nunca
e xa non procura respostas
 

aprendeu a catar
o recendo cálido do inesperado

que a poesía é disonante coas certezas
 
 

tardou en saber que fora ela
quen o agasallara coa beleza
das perspectivas imprevistas

e nas súas palabras paira
cos ollos dela
enchoupados na roupa para sempre