Arquivos da etiqueta: délibab

do papel (clavel del aire 1)

a clave para esta revisión dos textos parece ser “alixeirar”. tal vez sexa esta a clave para toda revisión. cando menos no meu caso. o momento da escrita é, ás veces, excesivo. e é o tempo o que deixa ver o celme do poema no medio das follas.
cando escribía ou revisaba (xa non lembro) este texto, a escoita dun precioso disco de vítor ramil fíxome intercalar algunhas reflexións adicionais no medio do poema.
agora esas ideas creo que permanecen, pero as referencias máis evidentes á fonte retireinas porque só engadían confusión á mensaxe.
non tomei aínda ningunha decisión definitiva sobre o asunto do nome da planta da que fala o poema. como ben apuntou no facebook elvira ribeiro, o que en arxentina se chama “clavel del aire” é unha tillandsia bergeri. en galego di elvira que se lle chama “herba das bruxas” ou “herba da envexa”. parécenme dous nomes preciosos pero demasiado atados á idiosincracia do país. resístome aínda a poñelos porque me parece que poden darlle ao texto un matiz significante que non ten nada que ver.
con todo, engadín dous versos ao final que apuntan a ese lado e, por outra banda, pechan mellor -penso- o poema.
 

n falaba dunha flor
que facía parte
das construcións da memoria de m
 

lembranzas afastadas
 
 

víraa outra vez
enleada nos ferros dun balcón
na cidade do frío

fóra unha fotografía cálida
naqueles meses de intemperie
 
 

pero no relato de n
deviñera invasora

ocupábao todo
abafaba as árbores
até o exterminio
 
 

de súpeto
a paisaxe que lle naceu
a m na conversa
era outra

ou tal vez sexa máis preciso dicir
que o relato causaba
nas postais da infancia de m
unha distorsión inesperada
 
 

m escoitaba
e debatíase entre o esforzo
de intercalar a novidade
nas súas propias fotografías
ou facer
resistir
a paisaxe
 
 

é máis cálida a memoria dun tempo
e un lugar inexistentes?

ou a certeza de sabermos deseñar
territorios novos
aínda que doian?
 
 

o poema é tradución
transposición

o negativo dunha foto neboenta
 

harmonías novas
describen a infancia
mellor do que albisca o esquecemento
 
 

son volátiles
as habitación da memoria
 
 

e se preguntas polo pasado

se procuras entender o presente
cuestionando a paisaxe

o mundo vólvese inestábel
diría caetano
 

nesa vacilación está
o equilibrio
 
 

son iguais as singraduras da balea

conservan memoria na películas
pero eses mapas son
invisíbeis aos seus ollos
 

e o clavel del aire
que nos mantén a salvo da tristeza