Arquivos da etiqueta: clavel del aire

clavel del aire

un novo texto. foi madurando na miña cabeza durante uns días a partir desa imaxe do clavel del aire. non sei que nome ten esa planta en galego. nin mesmo sei se ese nome é o que se lle dá nalgún sitio diferente de arxentina. hai un tango con ese título. no meu caso particular, o tango é anterior, probabelmente, ao primeiro contacto consciente coa flor. en todo caso, deixeille á planta -e mais ao poema- o nome en castelán. xa veremos o que fago con iso.

para arnaldo, que foi quen me regalou a imaxe da que nace o poema, e tamén para mechita.

 

n falaba dunha flor
que facía parte
das construcións da memoria de m

 

eran lembranzas
afastadas

con todo
volvera vela unha vez
enleada nos ferros dun balcón
na cidade do frío

fora unha fotografía cálida
naqueles meses de intemperies

 

pero no relato de
n
deviñera invasora

ocupábao todo
abafaba as árbores
até o exterminio

 

a paisaxe que deseñaba n
era nova

ou tal vez sexa
máis preciso dicir
que o relato causaba
nas postais da infancia de m
unha distorsión inesperada

 

m escoitábao
e debatíase entre o esforzo
de intercalar esa novidade
nas súas fotografías
ou facer
resistir
a paisaxe

 

é máis cálida
a memoria dun tempo
e un lugar inexistentes?

ou a certeza
de sabermos deseñar
territorios novos
aínda que doian?

 

tentar reconstruír unha patria
con palabras estranxeiras

e descubrila en músicas
estremas cálidas

 

o poema son traducións
transposicións

o negativo dunha foto
neboenta

unha voz cálida
debulla milongas de borges
con sonoridade brasileira

e graves e fermosas
disonancias
nas cordas da guitarra

harmonías novas
describen a infancia
mellor do que dá albiscado
o esquecemento

son iguais
as habitacións da memoria

igual de volátiles
tan mornas

e se fas preguntas
sobre o pasado

se procuras entender o presente
cuestionando a paisaxe

o mundo vólvese
inestábel
diría caetano

 

nesa vacilación está
o equilibrio

 

son iguais
as singraduras da balea

conservan memoria na pel
pero eses mapas son
invisíbeis aos seus ollos