Arquivos da etiqueta: jacob van eyck

campás

no mesmo sitio do que quitara o apuntamento sobre o músico do que falaba no post anterior, tomei nota da historia de jacob van eyck que afinou todas as campás da cidade de utrecht.
velaquí unha nova versión do poema “navegar a carón dunha balea”, no que apareceu van eyck e a súa procura da perfección.
dubidei porque me gustaba esa versión inicial tan breve e precisa, pero creo que aquí o poema ergue unha cor diferente e suxestiva.

 

navegar
a carón dunha balea

sentirse á vez
feble e tranquilo

 

alongar a man
como se fose posíbel
percorrer a pel lisa e fría

 

 

a balea é
unha campá

treme no contacto
co frío

e resoa en harmónicos
imperfectos

 

no século dezaseis
as campás todas da cidade
de utrecht
estaban afinadas
con precisión milimétrica

ocupárase
da laboura obsesiva
van eyck jacobus
músico

 

e resultaba estraña
aquela harmonía

 

porque as campás teñen sempre
unha sutil imprecisión

a disonancia que as fai
únicas

 

 

pero van eyck procuraba
que fosen
reflexo
da imaxe que el tiña
do seu deus

da perfección
que ao seu deus
lle supoñía

 

o canto da balea
non é simétrico

non son puros
os harmónicos que produce
se a rozas

 

imaxina que apalpas
as costras que medran
no lombo da balea

 

semellan conservar memoria
de todas as singraduras

pero en realidade
esquecen mesmo a corrente
na que pairan

porque a memoria é náufraga
e doe

 

 

imaxina unha igrexa
de utrecht
tal como a representaría
un pintor flamenco

liñas rectas de luz
que se proxectan cara ao alto

igual que ascende a luz

e no seu símbolo
delimitan espazos de penumbra

igual que está feito
de liñas de luz
e sombra
o corazón dos homes
piadosos

 

navegar a carón dunha balea

sentir a fatiga toda
da viaxe
e o descanso de saberse
imperfecto