Arquivos da etiqueta: juancito caminador

do papel (juancito caminador 1)

algúns cambios nos cortes de verso e unha enumeración ao modo dos cartóns fixos do cine mudo para encabezar cada unha das tres imaxes das que fala a introdución do poema.
 

tres imaxes de juancito caminador

contounas así o poeta
que viviu os seus soños
e mais soñouno vivo
e morto
e aínda así
non soubo del
nin a metade da imaxinación do mundo

 
 

unha

na barra dunha taberna
en ingeniero white

o ilusionista escoita
a historia marabillosa e certa
do mariñeiro que avistou unha balea
no trebón

semellaba vagar
tan extraviada coma o barco
no centro da chuvia mesta
das ondas salgadas do vento
irreflexivo
da bruma que recende a argazo

a curva gris do lombo
era unha luz
no negror do vendaval

erguíase brillante e
volvía sumir
no mar coma un destino
 
 

dúas

no centro da pista
unha mesa unha caveira un coello

o ilusionista vende
soños por dous pesos

e cando a carpa do circo
fica baldeira de asombros
o home agocha
o seu tremor no abrigo raído
e mergulla na noite
na xenebra
no poema
 
 

tres

a nena con vestido de domingo
que esculca desde a primeira fila
cada movemento do prestidixitador

e cando se apagan as luces
e a carpa fica baldeira
a nena some
deixando tras de si
un ronsel pálido

tres imaxes nos ollos de tuñón

o poema de juancito caminador é un regreso a modo de homenaxe aos ollos de raúl gonzález tuñón, un dos poetas que máis influíron na miña maneira de mirar o mundo.

tres imaxes
de juancito caminador

contounas tal vez o poeta
que viviu os seus soños
e mais soñouno vivo
e morto
e aínda así
non soubo del
nin a metade da imaxinación do mundo

 

na barra dunha taberna
en ingeniero white

o ilusionista escoita
a historia marabillosa e certa
do mariñeiro que avistou unha balea
no medio do trebón

semellaba vagar
tan extraviada coma o barco
no centro do centro da chuvia mesta
das ondas salgadas do vento
irreflexivo
da bruma que recende a argazo

a curva gris do lombo
era unha luz
no negror do vendaval

erguíase brillante e
volvía sumir
no mar coma un destino

 

outra imaxe

no centro da pista
unha mesa unha caveira un coello

o ilusionista vende
soños por dous pesos

e cando a carpa do circo
fica baldeira de asombros
o home agocha
o seu tremor no abrigo raído
e mergulla na noite
na xenebra
no poema

 

e unha imaxe máis

a nena con vestido de domingo
que esculca desde a primeira fila
cada movemento do prestidixitador

e cando se apagan as luces
e a carpa fica baldeira
a nena some
deixando tras de si
un ronsel pálido