chámome eduardo estévez. nacín en buenos aires en 1969 e non, non son fillo de galegos. só neto dun -como di meu pai- señorito coruñés que tivo que deixar os estudos de medicina en compostela para emigrar a arxentina hai máis ou menos un século.
arxentino, pois, de pais arxentinos. crieime en buenos aires e con case vinteún anos marchei.
tras un paso de catro anos por caracas, a comezos de 1995 instaleime en galiza e aquí sigo.
en buenos aires comecei a escribir como parte da miña participación nun obradoiro literario que coordinaba o escritor e xornalista daniel arias. alí naceu a literatura.
en caracas, outro obradoiro literario, coordinado polo poeta harry almela, aprendeume a valorar outros ingredientes. alí naceu o escritor.
xa en galiza, penso que debín vivir en máis concellos diferentes do que a maioría dos nativos. detesto as mudanzas. sempre digo que esta vai ser a derradeira pero nunca pasa de última.
ao chegar, estiven algo menos dun ano en compostela (no barrio de santasmariñas), despois vivín uns anos en framil, unha aldea do concello de ames. a continuación, da aldea á metrópole amiense: un ano en bertamiráns. de alí pasei a vivir unha tempada outra vez en compostela (no barrio das fontiñas) e de volta a bertamiráns e xa estamos en 2005.
pero en 2006 marchei á república da coruña onde vivín, no castro de elviña, até 2010. alí naceu, en 2007, o meu fillo -voltas da vida: outro coruñés, non tan señorito-. en 2010 trasladeime por unha tempada breve pero intensa a betanzos. e a comezos de 2011 volvín a bertamiráns nun paso fugaz antes de instalarme outra vez en compostela, no ensanche. agora as voltas da vida leváronme a outes onde teño unha fiestra con larga paisaxe.
gustaríame situar a traxectoria literaria en todos estes sitios pero non sei se poderei darlle a precisión necesaria. si teño algunhas imaxes claras:
os poemas d’os veos da paisaxe, cando menos os primeiros, escribinos en santasmariñas (a foto é da mesa do escritorio, un ordenador que arrancaba con disquetes e a fiestra cara ao val do sar, coas torres da catedral ao fondo)
tamén alí deille forma a só paxaros saíron desta boca
penso que lúa gris tamén viu luz neses primeiros intensísimos meses en compostela (algúns poemas de lúa gris escribinos nunha viaxe a portugal, hai unha foto dunha terraza dun café en nazaré e outra pola fiestra dunha pensión que daba aos tellados vermellos do porto)
o caderno apócrifo da pequena defunta (e postais e os mapas para describir a ausencia) son de framil (moitos dos do caderno escribinos no bus que me levaba a diario de framil a compostela, a ventá que está detrás dos mapas daba a unha horta con grelos, froiteiras e kiwis, o ordenador tiña de disco duro o 0,1% do que o ten de ram o meu móbil de hoxe)
derrotas ten o ceo dunha velux no barrio das fontiñas
construcións empecei a escribilo nunha viaxe a buenos aires (un dos poemas que máis leo nos recitais ocorréuseme indo nun colectivo da liña 41 e escribino ao chegar desde a fiestra do piso no que vivín toda a infancia e mais a adolescencia, onde o límite do horizonte é a nosa capacidade de visión). a maior parte do proceso de escrita fíxose en bertamiráns e os últimos poemas e mais a corrección foron xa na coruña
a forma final deilla nunha semana de traballo intenso -a única vez na miña vida que puiden escaparme de todo unha semana para escribir- en corme (pola fiestra da casa, unha rúa con gatos e unha imaxe da cristaleira dun bar que mira ao porto)
rúa da cancela está escrito, claro, na coruña. a imaxe é unha sala sen fiestras no polígono da grela e, mesmo así, o libro brilla
o primeiro poema deste “de baleas” escribino en betanzos (os fogos artificiais son os que acompañaban os caneiros e o globo dese ano)
o segundo en compostela: estaba á volta da esquina o traslado a outes pero non o sabiamos
outes será a paisaxe, penso, no que medrará o resto do libro
se precisades información máis precisa, podedes atopala aquí.