Arquivos mensuais: Marzo 2014

a balea varada estarrece

despois de que susana aríns propuxese un diálogo co meu poema de ulises, decidín darlle unha volta ao da balea varada na praia a modo de respostar a un comentario que deixou ao pé do primeiro borrador.
aproveitei tamén para organizar un pouco o que non eran máis que notas moi caóticas (aínda así sigo tendo a sensación de que pode organizarse máis). e, claro, para poñelo en verso.

nota: teño un problema co theme de wordpress que me elimina algúns espazos maiores que quero poñer entre algunhas estrofas. a ver como o resolvo… (solucionado!)

 

unha balea varada na praia
estarrece como a ruína dun imperio

é unha postal imposíbel
no centro da paisaxe

 

a súa agonía
fai tremer o aire que paira
inmóbil ao seu redor

e morre tan lento
que a súa morte é só
unha suposición vaga

 

non ten
esa tensión do horizonte
senón acaso
a conciencia de ser
ela mesma todo un final

 

a balea é un deus caído
pero non é o seu recendo
o que estarrece

tal vez sexa o sabernos
tanto máis fráxiles

 

a expectación arrastra
un conxunto caótico
de singraduras

unha morea de océanos
á espreita

(non fose tan inmensa
e parecería estar a piques de
fuxir)

 

a balea é
unha espera deitada

 

se falas con ela
parecerá que escoita a túa dor
e devólveche a calma
da preamar

 

os nenos que se achegan
pés na area fría
observan con distancia

 

a balea xa non pode moverse
pero non é o seu cheiro
o que estarrece

acaso sexa
a inmensidade da metáfora

ulises en verso

teño moitas dúbidas con este poema. polo de agora míroo como un xogo a modo de homenaxe cos ritmos e as melodías dun poema de juan gelman. pero igual máis adiante decido que debe coller uns tempos máis seus.

por certo: gelman atravesa en moitas direccións estes poemas todos. hai un adicado directamente a el, pero é en xeral unha metáfora de paisaxes de meu que (dun xeito inconsciente ou non tanto) sempre estiveran lonxe dos meus poemas.

velaquí unha nova versión do poema de ulises:

 

cando regresaba ulises
dos restos calcinados de troia
foi tentado por sereas
atacado por ciclopes

pero por ningunha destas criaturas foi vencido

a sintaxe deste verso é de gelman

navegou ulises
con valor ou inconsciencia

navegaron
el e os seus compañeiros

moitos mares

e cando finalmente
decidiu encamiñarse cara a penélope

tornar á india
diría gelman
do naturalista francés aimé bonpland

cando colleu
ulises
camiño á illa de seu

ao lar
para deixarse morrer
nese seu acubillo

aínda que nunca se sabe se son de un
as cousas que deixamos atrás hai mil anos

nese seu derradeiro
camiño
atopou unha balea
e marchou detrás do seu ronsel

do ronsel que o seu canto
deseñaba nas ondas

é imposíbel
ríndome

por moito que procure a miña propia
melodía
o texto ten a do poema de gelman
ou non son de ninguén
as melodías do verso
son de todos
feble consolo

e navegou
ulises
outros mares

e acaso esqueceu a penélope

bonpland non esqueceu nunca
as flores no colo de nunu
xunto á boca do orinoco

e penélope envelleceu aínda máis
se isto é posíbel

e tamén morreu

e morreu ulises vagabundo
solitario

(porque a balea é libre
e un día ao alborecer xa non estaba
e deixou a ulises
extraviado para sempre)

no seu vagar sen norte
non esqueceu ulises
agradecerlle a ítaca a viaxe

como mandara o poeta

e á balea
porque elas viven
aínda máis eternamente
que os poemas

magallanes

engado hoxe os apuntes para un novo poema.

e o poema sobre magallanes / que no seu empeño por chegar / ás indias arrodeando o mundo / arribou á terra das baleas / ou debería dicir / ao seu mar / e divisou algúns daqueles / animais fantásticos / nunha enseada árida é preciosa
pero o seu destino estaba aínda / moi lonxe / (moi preto pero el non o sabía) / e decidiu non deterse / e continuar viaxe incerta /
e morreu sen chegar / ás indias / sen escoitar o canto das baleas / sen atopar a calma / sen coñecer o seu / verdadeiro / horizonte

axustes iniciais

no texto “navegar a carón dunha balea” había un fragmento que non correspondía:

os nenos achéganse
cos pés na area
e observan con distancia
a balea non pode moverse pero aterra

movino para o sitio correcto, que é “varadura” e mais aproveitei para darlle un retoque formal

unha balea / varada na praia / é como a ruina dun / imperio // unha postal imposíbel / no centro da paisaxe
o son / da súa respiración feble /
non parece que fose / morrer // cando menos non ten / esa tensión do horizonte / senón a conciencia de ser / ela mesma todo un final
o xesto da agonía da balea / ten unha morea de océanos / atenta /
un conxunto caótico / de paisaxes e aves / unha historia en suspenso / unha espera deitada /
se falas con ela / parecerá que escoita / a túa dor / coa calma da pleamar

os nenos que se achegan / pés na area fría / observan con distancia

a balea non pode moverse pero aterra

navegamos

comeza a súa andadura pública este libro en construción que hai un tempo empezou a medrar por entre os meus papeis ou, para ser exacto, nas pantallas dos meus trebellos.
podedes atopar unha explicación do proxecto aquí e un índice dos textos (con cadansúa ligazón á versión inicial) aquí.
confío en que me acompañedes na singradura cos vosos comentarios, suxestións, ideas, opinións ou, simplemente, coa vosa lectura, que xa será premio abondo para min.