algúns cambios nos cortes de verso e unha enumeración ao modo dos cartóns fixos do cine mudo para encabezar cada unha das tres imaxes das que fala a introdución do poema.
tres imaxes de juancito caminador
contounas así o poeta
que viviu os seus soños
e mais soñouno vivo
e morto
e aínda así
non soubo del
nin a metade da imaxinación do mundo
unha
na barra dunha taberna
en ingeniero white
o ilusionista escoita
a historia marabillosa e certa
do mariñeiro que avistou unha balea
no trebón
semellaba vagar
tan extraviada coma o barco
no centro da chuvia mesta
das ondas salgadas do vento
irreflexivo
da bruma que recende a argazo
a curva gris do lombo
era unha luz
no negror do vendaval
erguíase brillante e
volvía sumir
no mar coma un destino
dúas
no centro da pista
unha mesa unha caveira un coello
o ilusionista vende
soños por dous pesos
e cando a carpa do circo
fica baldeira de asombros
o home agocha
o seu tremor no abrigo raído
e mergulla na noite
na xenebra
no poema
tres
a nena con vestido de domingo
que esculca desde a primeira fila
cada movemento do prestidixitador
e cando se apagan as luces
e a carpa fica baldeira
a nena some
deixando tras de si
un ronsel pálido