Arquivos mensuais: Maio 2014

clavel del aire

un novo texto. foi madurando na miña cabeza durante uns días a partir desa imaxe do clavel del aire. non sei que nome ten esa planta en galego. nin mesmo sei se ese nome é o que se lle dá nalgún sitio diferente de arxentina. hai un tango con ese título. no meu caso particular, o tango é anterior, probabelmente, ao primeiro contacto consciente coa flor. en todo caso, deixeille á planta -e mais ao poema- o nome en castelán. xa veremos o que fago con iso.

para arnaldo, que foi quen me regalou a imaxe da que nace o poema, e tamén para mechita.

 

n falaba dunha flor
que facía parte
das construcións da memoria de m

 

eran lembranzas
afastadas

con todo
volvera vela unha vez
enleada nos ferros dun balcón
na cidade do frío

fora unha fotografía cálida
naqueles meses de intemperies

 

pero no relato de
n
deviñera invasora

ocupábao todo
abafaba as árbores
até o exterminio

 

a paisaxe que deseñaba n
era nova

ou tal vez sexa
máis preciso dicir
que o relato causaba
nas postais da infancia de m
unha distorsión inesperada

 

m escoitábao
e debatíase entre o esforzo
de intercalar esa novidade
nas súas fotografías
ou facer
resistir
a paisaxe

 

é máis cálida
a memoria dun tempo
e un lugar inexistentes?

ou a certeza
de sabermos deseñar
territorios novos
aínda que doian?

 

tentar reconstruír unha patria
con palabras estranxeiras

e descubrila en músicas
estremas cálidas

 

o poema son traducións
transposicións

o negativo dunha foto
neboenta

unha voz cálida
debulla milongas de borges
con sonoridade brasileira

e graves e fermosas
disonancias
nas cordas da guitarra

harmonías novas
describen a infancia
mellor do que dá albiscado
o esquecemento

son iguais
as habitacións da memoria

igual de volátiles
tan mornas

e se fas preguntas
sobre o pasado

se procuras entender o presente
cuestionando a paisaxe

o mundo vólvese
inestábel
diría caetano

 

nesa vacilación está
o equilibrio

 

son iguais
as singraduras da balea

conservan memoria na pel
pero eses mapas son
invisíbeis aos seus ollos

palabras repetidas

son consciente de que nestes textos hai palabras que se repiten demasiadas veces.
dun texto a outro e tamén dentro dun mesmo texto.

o proceso de escrita é moi diferente dunha persoa a outra. coñecín un escritor que dicía que dedicaba meses á escrita de cada poema. logo o proceso de construción dos libros ocupáballe anos.
os dous primeiros poemas de de baleas leváronme varios meses cada un. non meses de escrita pero si meses de remoer nunha idea inicial e ir dándolle forma.
e os meses de “hai festa” e os meses de “no muíño” non se superpuxeron. ben ao contrario, foron períodos moi separados un do outro.
cando rematei de escribir “no muíño” e decidín embarcarme nesta aventura de de baleas, os apuntamentos para os seguintes textos viñeron todos xuntos nun prazo de tempo pequeno.
noutras experiencias anteriores, o mesmo proceso de escrita durou pouquísimo tempo (algún dos meus libros está escrito en menos de dúas semanas) e os procesos de corrección (máis longos) facíaos en bloque.
neste caso, estou tentando desenvolver cada poema dun xeito individual: cando me poño a traballar nun texto, normalmente non revisou máis que ese texto. se é posíbel nesa sentada nin miro para os outros.
con todo hai unha serie de ideas centrais que, inevitábelmente, van transcorrendo duns poemas aos outros e iso leva a que haxa palabras moi repetidas.
mesmo descobrín algunha idea ou estrutura ou recurso que aparece nun texto como se fose un descubrimento novidoso cando a pólvora xa a descubrira eu mesmo nun poema anterior. (se é que aínda queda pólvora por descubrir na literatura.)

é evidente que neste libro haberá moitas “baleas” pero, a medida que vaia avanzando en versións máis finais do conxunto, irei limpando outras reiteracións non desexadas.
sédeme pacientes!

déixovos aquí un anaquiño que me parece moi revelador dunha entrevista ao narrador arxentino sergio chejfec que aparece no suplemento el asombrario do xornal dixital eldiario.es:

– En el primer relato, titulado “Vecino invisible”, dices que habitar el mundo produce cansancio y melancolía, y que vivir empeora las cosas. ¿Tenemos otra alternativa?
– Creo que una de las cosas buenas que tiene la literatura es que no se enfrenta a formulaciones que no tienen que ser necesariamente ciertas en términos de factibilidad, pero tienen un espesor de carácter abstracto. Me parece que esa es una de esas frases. Mucho tiene que ver con la creación de climas, desdoblamiento de caracteres, temperatura…, que yo podría suscribir subjetivamente de una manera relativa. No estoy afiliado a esa idea, pero me parece… (podedes ver o resto desta interesantísima entrevista aquí).

campás

no mesmo sitio do que quitara o apuntamento sobre o músico do que falaba no post anterior, tomei nota da historia de jacob van eyck que afinou todas as campás da cidade de utrecht.
velaquí unha nova versión do poema “navegar a carón dunha balea”, no que apareceu van eyck e a súa procura da perfección.
dubidei porque me gustaba esa versión inicial tan breve e precisa, pero creo que aquí o poema ergue unha cor diferente e suxestiva.

 

navegar
a carón dunha balea

sentirse á vez
feble e tranquilo

 

alongar a man
como se fose posíbel
percorrer a pel lisa e fría

 

 

a balea é
unha campá

treme no contacto
co frío

e resoa en harmónicos
imperfectos

 

no século dezaseis
as campás todas da cidade
de utrecht
estaban afinadas
con precisión milimétrica

ocupárase
da laboura obsesiva
van eyck jacobus
músico

 

e resultaba estraña
aquela harmonía

 

porque as campás teñen sempre
unha sutil imprecisión

a disonancia que as fai
únicas

 

 

pero van eyck procuraba
que fosen
reflexo
da imaxe que el tiña
do seu deus

da perfección
que ao seu deus
lle supoñía

 

o canto da balea
non é simétrico

non son puros
os harmónicos que produce
se a rozas

 

imaxina que apalpas
as costras que medran
no lombo da balea

 

semellan conservar memoria
de todas as singraduras

pero en realidade
esquecen mesmo a corrente
na que pairan

porque a memoria é náufraga
e doe

 

 

imaxina unha igrexa
de utrecht
tal como a representaría
un pintor flamenco

liñas rectas de luz
que se proxectan cara ao alto

igual que ascende a luz

e no seu símbolo
delimitan espazos de penumbra

igual que está feito
de liñas de luz
e sombra
o corazón dos homes
piadosos

 

navegar a carón dunha balea

sentir a fatiga toda
da viaxe
e o descanso de saberse
imperfecto

un músico, unha viaxe

hai pouco dei por azar cunha anécdota dun músico, penso que do renacemento, que adicou a súa vida enteira a compoñer e dar aulas. en toda a súa vida nunca saíu da pequena cidade na que vivía. só unha vez fixo unha viaxe até unha cidade próxima para mercar un instrumento musical.
logo decateime de que había un nexo interesante entre esa historia e o poema que empezou falando do encerro, despois parecía fixar o centro máis na fuxida e agora, outra vez, semella recuperar esa idea orixinal do estar pechado.
non conservo a fonte da historia nin tampouco o nome do músico. tanto ten.
aquí a nova versión do poema:

pensar nunha balea
como unha cuncha
escura
na que atravesar o mundo

desde dentro non se ve
a paisaxe o tempo
que medra sen pausa

 

a viaxe carece de inquietude

 

describir o itinerario
nas paredes interiores da balea

percorrer cos dedos
os muros rugosos

enumerar
ás apalpadas
unha paisaxe larga

e as pedras
do camiño que a atravesa

 

pensar nunha balea
para escapar do encerro

 

se é un cárcere sórdido
a balea ten a cor das estradas
das películas americanas

ocre e sol
area e o brillo
no reflexo dun coche
que pasa a toda velocidade

como se existise o tempo
algunha dimensión do horizonte

 

se é para fuxir
dun hospital psiquiátrico
require só dunha balea
ou tigre

navegar a pulso
ao seu carón

atravesar a sabana
coa urxencia da fame

 

imaxinar un músico
que non desexa saír
do seu pequeno espazo

por non contaminar
as súas composicións
coa disonancia do
imprevisíbel
que trae consigo toda viaxe

 

unha casa nas marxes
dalgunha pequena
vila medieval

a arte nace
de contemplar o mundo

pero tamén do estudo
a técnica
a introspección

 

só unha vez
cede ao impulso
e emprende a maior viaxe
de toda a súa vida

unhas cantas decenas
de millas
para mercar
nunha cidade próxima
un clave

 

imaxinar a súa inquietude
a cada dobra
do itinerario

a cada prega da paisaxe

 

pero sabendo que haberá
transcribirse
en harmonías novas
no novo instrumento

 

o músico nunca verá
unha balea

mesmo é probábel
que nin escoite falar
da súa existencia

 

non é preciso atribuírlle
unha viaxe a venecia
para explicar a cor
da auga que flúe
na disonancia que sobre o baixo
deseñan as frautas

 

quen está preso
navegará coa balea
aínda que só sexa en soños

 

o ceo limpo
é unha metáfora da metáfora do infinito

juan e as baleas

este poema tal vez sexa a razón de existir deste libro.
non sei se é o mellor da serie. non sei sequera se é un bo poema. hai demasiadas interferencias como para estar certo de algo.
pero é un poema que me importa a min. que me marca a min.
isto non sempre é xusto para un lector.
eu só espero, coma sempre, que cada quen faga deste juan a súa patria.

e volveu macarena como un camalote
traída pola inundación

cando o río era maré opaca
e a esperanza non minguaba
juan poeta
só porque ti eras ti
e o mar tan triste

cando envías luz
mesmo a morte devolve
un violín un paxaro un
verso

 

a balea baixa
pola corrente do paraná
e ao chegar ao mar marrón
espállase en lianas e liques
cara a liña crecha do horizonte

 

macarena é tigre
extraviado no río

pero percorre as rúas
da cidade de silencios
coa calma de quen se sabe
collida da man morna das palabras

 

igual estabas ti
aquela vez única que nos vimos

o argazo do rostro iluminábase
coa brasa do cigarro
na penumbra da rúa fría das tabernas

e o porto non era o de tuñón
senón un escenario
sen os berros da carga
nin o xemido das grúas

 

a seguinte foto é nun bar

a luz que se espalla
a través dos vidros
dálle á imaxe un matiz irreal

como unha película

unha esperanza

 

dixeches coa mirada
unha frase de despedida

e a min despedíuseme unha patria

 

e ti fuches quedando
ancorado nalgún outro
porto de teu

 

na rúa aínda o fume
deseñaba a silueta
da balea errante na que viaxas

 

a que che leva no interior
como a xonás
juan
e os mortiños que arrastramos

cada un coa nosa maleta
pecha
para resgardar a memoria
e os ollos

coa vista no horizonte

non pensaba meterme con este texto aínda porque tiña a impresión de que ía ser un proceso duro. pero visto así, en verso, semella fluír con naturalidade.
as baleas están só no título porque non precisan estar dentro.
e tal vez sexa a única razón pola que acabe conservándolles títulos a todos os textos na versión final.

 

el aínda era novo
e ela xa regresara
unha vez da morte

ela construía preguntas
e el poñíase triste
cando unha palabra faltaba
ao encontro

esa teima tan súa
polos límites

 

ela navegaba
entre a serenidade do abismo
e a tensión do verso

e el anoábase ao mastro
para que non o arrastrasen as ondas

 

nun alto
fronte ao mar de vigo
os dous eran
tempestade calma

pero el teimaba en ancorar
nun seu pequeno
silencio descuberto

 

ela era pantera na espreita

quería velo todo

 

séntese fráxil quen
diante do mundo
só pode interrogarse

pero ten o poder da dúbida
a firmeza de non deixarse
aloumiñar polo afago

 

agora el vai máis vello
máis do que ela poderá ser nunca

e xa non procura respostas

 

aprendeu a catar
o recendo cálido do inesperado

que a poesía é disonante coas certezas

(pensou niso sen saber
que fora ela
quen o agasallara co sabor do vago
a beleza
das perspectivas imprevistas)

 

e nas palabras paira
cos ollos dela
enchoupados na roupa para sempre

axustes aquí e alá

no poema de magallães, fixen algúns pequenos cambios:
partín dous versos moi longos
retoquei algúns versos (unha palabriña aquí, outra alá)
reestruturei os cortes de verso da última estrofa.

no poema de ulises:
engadín uns espazos maiores entre algunhas estrofas
quitei un pequeno verso
partín en dous outro
e cambiei un “derradeiro” por “último” aínda que non estou moi seguro… o “derradeiro” érao para o ulises do poema, porque non sabía o seu destino. pero despois non o foi…

no da balea varada, deille unha voltiña a unha parte que non acababa de soarme de todo ben.

no poema do encerro (ou da fuxida):
modifiquei un verso para evitar a reiteración dunha palabra
e mais espallei un pouco unha imaxe para redondear o sentido e, de paso, mellorar o ritmo da estrofa
por último puxen un par de estrofas un algo máis á dereita e cambieinas a itálica para que a enumeración de ideas tivese un aquel de diálogo que lle dá máis fluidez, penso, ao poema

e a ver se este 1 de maio aínda dá para algo máis.