Arquivo da categoría: encerro

revisar ou retirar?

hai dous poemas no libro que, reléndoos con algunha distancia, non pechan.
podería tentar corrixilos, pero xa o fixen máis veces e seguen sen funcionar.
igual é o momento de retiralos.

son este e este.

voulles dar un algo de tempo máis a ver se lles atopo unha forma válida.
se dou, ben. e se non dou, quitareinos do libro sen mágoa: o poema só ten sentido cando pode competir co silencio. e algo deixarían ao seu paso.

do papel (fuxida 1)

este poema, que anteriormente chamaba “encerro” e agora vou cambiar a -curiosamente- “fuxidas”, está a darme bastante que remoer. e cando eu teño que darlle moitas voltas a un texto, con frecuencia acabo facéndoo desaparecer do libro.
de feito, na versión en papel deste poema hai un “eliminar?” escrito ao comezo. e estiven a punto. pero hai uns días ocorréuseme darlle unha volta á estrutura, a ver se funciona mellor.
veremos…
 

preludio

unha balea para a fuxida

unha cuncha escura
e resistente
na que atravesar o mundo
 

a viaxe carece de inquietude
 
 

describir o itinerario
nas paredes interiores

percorrer cos dedos os muros rugosos

enumerar ás apalpadas
unha paisaxe larga
e as pedras
coas que imos trazando o camiño
 
 

primeira fuxida

se cómpre fuxir
dun cárcere sórdido
a balea ten a cor das estradas
nas películas americanas

ocre e sol
area e o brillo no reflexo dun coche
que pasa a toda velocidade

como se existise o tempo
algunha dimensión do horizonte

 
 

segunda fuxida

se dun hospital psiquiátrico
tanto ten se é balea
ou tigre

navegar a pulso ao seu carón

atravesar a sabana
coa urxencia da fame

 

digresión

houbo unha vez un músico
que por non contaminar as súas obras
coa disonancia do imprevisíbel
decidiu pecharse no pequeno
mundo de seu

unha casa nas marxes
dunha pequena vila medieval
 

a arte nace de contemplar o mundo

pero tamén do estudo
a técnica
a introspección

 

en toda a súa vida
só unha vez cedeu á incerteza
e emprendeu a maior viaxe
que nunca fixera

unhas cantas decenas de millas
para mercar
nunha cidade próxima
un clave
 

imaxinar a súa inquietude
a cada dobra do itinerario

cada prega da paisaxe

sabendo que haberá transcribirse
en harmonías novas
cando por fin teña entre as mans
o novo instrumento
 
 

aquel músico nunca viu unha balea

mesmo é probábel
que nin escoitase da súa existencia
 
 

non é preciso atribuírlle
unha viaxe a venecia
para explicar a cor da auga que flúe
na disonancia que sobre o baixo
deseñan as frautas
 
 

coda

quen precisa fuxir
navegará coa balea
aínda que só sexa en soños

o ceo limpo
é unha transcrición do infinito

un músico, unha viaxe

hai pouco dei por azar cunha anécdota dun músico, penso que do renacemento, que adicou a súa vida enteira a compoñer e dar aulas. en toda a súa vida nunca saíu da pequena cidade na que vivía. só unha vez fixo unha viaxe até unha cidade próxima para mercar un instrumento musical.
logo decateime de que había un nexo interesante entre esa historia e o poema que empezou falando do encerro, despois parecía fixar o centro máis na fuxida e agora, outra vez, semella recuperar esa idea orixinal do estar pechado.
non conservo a fonte da historia nin tampouco o nome do músico. tanto ten.
aquí a nova versión do poema:

pensar nunha balea
como unha cuncha
escura
na que atravesar o mundo

desde dentro non se ve
a paisaxe o tempo
que medra sen pausa

 

a viaxe carece de inquietude

 

describir o itinerario
nas paredes interiores da balea

percorrer cos dedos
os muros rugosos

enumerar
ás apalpadas
unha paisaxe larga

e as pedras
do camiño que a atravesa

 

pensar nunha balea
para escapar do encerro

 

se é un cárcere sórdido
a balea ten a cor das estradas
das películas americanas

ocre e sol
area e o brillo
no reflexo dun coche
que pasa a toda velocidade

como se existise o tempo
algunha dimensión do horizonte

 

se é para fuxir
dun hospital psiquiátrico
require só dunha balea
ou tigre

navegar a pulso
ao seu carón

atravesar a sabana
coa urxencia da fame

 

imaxinar un músico
que non desexa saír
do seu pequeno espazo

por non contaminar
as súas composicións
coa disonancia do
imprevisíbel
que trae consigo toda viaxe

 

unha casa nas marxes
dalgunha pequena
vila medieval

a arte nace
de contemplar o mundo

pero tamén do estudo
a técnica
a introspección

 

só unha vez
cede ao impulso
e emprende a maior viaxe
de toda a súa vida

unhas cantas decenas
de millas
para mercar
nunha cidade próxima
un clave

 

imaxinar a súa inquietude
a cada dobra
do itinerario

a cada prega da paisaxe

 

pero sabendo que haberá
transcribirse
en harmonías novas
no novo instrumento

 

o músico nunca verá
unha balea

mesmo é probábel
que nin escoite falar
da súa existencia

 

non é preciso atribuírlle
unha viaxe a venecia
para explicar a cor
da auga que flúe
na disonancia que sobre o baixo
deseñan as frautas

 

quen está preso
navegará coa balea
aínda que só sexa en soños

 

o ceo limpo
é unha metáfora da metáfora do infinito

axustes aquí e alá

no poema de magallães, fixen algúns pequenos cambios:
partín dous versos moi longos
retoquei algúns versos (unha palabriña aquí, outra alá)
reestruturei os cortes de verso da última estrofa.

no poema de ulises:
engadín uns espazos maiores entre algunhas estrofas
quitei un pequeno verso
partín en dous outro
e cambiei un “derradeiro” por “último” aínda que non estou moi seguro… o “derradeiro” érao para o ulises do poema, porque non sabía o seu destino. pero despois non o foi…

no da balea varada, deille unha voltiña a unha parte que non acababa de soarme de todo ben.

no poema do encerro (ou da fuxida):
modifiquei un verso para evitar a reiteración dunha palabra
e mais espallei un pouco unha imaxe para redondear o sentido e, de paso, mellorar o ritmo da estrofa
por último puxen un par de estrofas un algo máis á dereita e cambieinas a itálica para que a enumeración de ideas tivese un aquel de diálogo que lle dá máis fluidez, penso, ao poema

e a ver se este 1 de maio aínda dá para algo máis.

fuxir dentro dunha balea

hoxe botei man do poema do encerro.
agora que me dispoño a publicar a nova versión reléoo e pregúntome até onde a influencia do día de sol na resolución do texto.

 

pensar nunha balea
como unha cuncha
escura
na que atravesar o mundo

desde dentro non se ve
a paisaxe o tempo
a espallarse sen límite

 

a viaxe carece de
inquietude

 

describir o itinerario
nas paredes interiores da balea

percorrer cos dedos
os muros rugosos

describir a tentas
unha paisaxe larga
e o camiño que a atravesa

andar cos pes gastados
e ver como o corpo vai enchéndose
co po da estrada

 

pensar nunha balea
para escapar do teu
encerro

 

se é un cárcere
sórdido
a balea ten a cor das estradas
das películas americanas

ocre e sol
area e o brillo
no reflexo dun coche
que pasa a toda velocidade

como se existise o tempo
para coñecer a dimensión do horizonte

 

se é para fuxir
dun hospital psiquiátrico
é máis doado

require só dunha balea ou tigre

navegar a pulso
a carón dunha balea
ou gadoupar sabana

en calquera caso
a paisaxe ten sol
e o ceo limpo
é unha metáfora da metáfora do infinito