Arquivos da etiqueta: venecia

algúns retoques n’o soño de tuñón

fixen algúns retoques n’o soño de tuñón: cambiei unha referencia xeográfica e alixeirei algunhas pasaxes.
nestes días tentarei preparar un poema máis. é un que levo gardando uns meses nun papel. o nacemento dese texto ten unha pequena historia que xa contarei.

a nova versión d’os soños de tuñón é esta:

sobre a mesa dun bar
o poeta raúl
gonzález tuñón espalla
fotogramas de infancia en boedo

(ou en calquera outro recanto
ou recordo)

 

na película hai rúas anegadas

(no soño tórnase venecia

e chámase noia ou fisterra)

 

pero tal vez o poeta confunda
historias de seu pai

ficcións doutra nostalxia

 

o relato é en branco e negro
e ten barcos nas rúas
e os nenos chapuzan e corren e rin

 

e acaso de fondo
poida intuírse na néboa
un porto baleeiro
e cadáveres de cachalotes

 

nunca navegou
balea
polo río que transcorre
debaixo da ponte

houbo algunha vez unha noria

pero agora é nome
e nos cabalos de madeira
non montan nenos tristes

 

resoa a pianola no empedrado
nos recordos (inventados) do poeta

e a chuvia
cando repenica sobre a inundación
eslúe a memoria
 

do papel (fuxida 1)

este poema, que anteriormente chamaba “encerro” e agora vou cambiar a -curiosamente- “fuxidas”, está a darme bastante que remoer. e cando eu teño que darlle moitas voltas a un texto, con frecuencia acabo facéndoo desaparecer do libro.
de feito, na versión en papel deste poema hai un “eliminar?” escrito ao comezo. e estiven a punto. pero hai uns días ocorréuseme darlle unha volta á estrutura, a ver se funciona mellor.
veremos…
 

preludio

unha balea para a fuxida

unha cuncha escura
e resistente
na que atravesar o mundo
 

a viaxe carece de inquietude
 
 

describir o itinerario
nas paredes interiores

percorrer cos dedos os muros rugosos

enumerar ás apalpadas
unha paisaxe larga
e as pedras
coas que imos trazando o camiño
 
 

primeira fuxida

se cómpre fuxir
dun cárcere sórdido
a balea ten a cor das estradas
nas películas americanas

ocre e sol
area e o brillo no reflexo dun coche
que pasa a toda velocidade

como se existise o tempo
algunha dimensión do horizonte

 
 

segunda fuxida

se dun hospital psiquiátrico
tanto ten se é balea
ou tigre

navegar a pulso ao seu carón

atravesar a sabana
coa urxencia da fame

 

digresión

houbo unha vez un músico
que por non contaminar as súas obras
coa disonancia do imprevisíbel
decidiu pecharse no pequeno
mundo de seu

unha casa nas marxes
dunha pequena vila medieval
 

a arte nace de contemplar o mundo

pero tamén do estudo
a técnica
a introspección

 

en toda a súa vida
só unha vez cedeu á incerteza
e emprendeu a maior viaxe
que nunca fixera

unhas cantas decenas de millas
para mercar
nunha cidade próxima
un clave
 

imaxinar a súa inquietude
a cada dobra do itinerario

cada prega da paisaxe

sabendo que haberá transcribirse
en harmonías novas
cando por fin teña entre as mans
o novo instrumento
 
 

aquel músico nunca viu unha balea

mesmo é probábel
que nin escoitase da súa existencia
 
 

non é preciso atribuírlle
unha viaxe a venecia
para explicar a cor da auga que flúe
na disonancia que sobre o baixo
deseñan as frautas
 
 

coda

quen precisa fuxir
navegará coa balea
aínda que só sexa en soños

o ceo limpo
é unha transcrición do infinito