(pen)última oportunidade

antes de tomar a decisión de retirar este texto, voulle dar unha nova oportunidade recurtándoo á mínima expresión (e, na práctica, retornando ás orixes do poema).
 
 

escapar ao lombo da balea

a estratexia consiste
en imaxinar a inquietude
a cada dobra do itinerario

cada prega da paisaxe

 
 

primeira fuxida

se cómpre fuxir
dun cárcere sórdido
a balea ten a cor das estradas
nas películas americanas

ocre e sol
area e o brillo no reflexo dun coche
que pasa a toda velocidade

como se existise o tempo
algunha dimensión do horizonte

 
 

segunda fuxida

se dun hospital psiquiátrico
tanto ten se é balea
ou tigre

navegar a pulso ao seu carón

atravesar a sabana
coa urxencia da fame