(pen)última oportunidade (2)

estoutro texto, que a semana pasada valorei eliminar, penso que tamén pode resucitar cun tratamento que consiste na utilización intensiva da tecla “supr”.
 
 

n falaba dunha flor
que facía parte
das construcións da memoria de m
 

pero no relato
deviña invasora
ocupábao todo
abafaba as árbores
até o exterminio
 
 

de improviso
a paisaxe da conversa
e a da memoria de m
eran outras

ou

o relato causaba
nas postais da infancia de m
un defecto de forma
 
 

m escoitaba
e debatíase entre o esforzo
de intercalar a novidade
nas súas propias fotografías
ou facer
resistir
a paisaxe
 
 

é máis cálida a memoria dun tempo
e un lugar inexistentes?

ou a certeza de sabermos deseñar
territorios novos
aínda que doian?
 
 

o poema é
o negativo dunha foto neboenta
 

e se procuras entender o presente
cuestionando a paisaxe
o mundo vólvese inestábel
 
 

son iguais as singraduras da balea

conservan memoria na pel
pero eses mapas son
invisíbeis aos seus ollos