este poema tal vez sexa a razón de existir deste libro.
non sei se é o mellor da serie. non sei sequera se é un bo poema. hai demasiadas interferencias como para estar certo de algo.
pero é un poema que me importa a min. que me marca a min.
isto non sempre é xusto para un lector.
eu só espero, coma sempre, que cada quen faga deste juan a súa patria.
e volveu macarena como un camalote
traída pola inundación
cando o río era maré opaca
e a esperanza non minguaba
juan poeta
só porque ti eras ti
e o mar tan triste
cando envías luz
mesmo a morte devolve
un violín un paxaro un
verso
a balea baixa
pola corrente do paraná
e ao chegar ao mar marrón
espállase en lianas e liques
cara a liña crecha do horizonte
macarena é tigre
extraviado no río
pero percorre as rúas
da cidade de silencios
coa calma de quen se sabe
collida da man morna das palabras
igual estabas ti
aquela vez única que nos vimos
o argazo do rostro iluminábase
coa brasa do cigarro
na penumbra da rúa fría das tabernas
e o porto non era o de tuñón
senón un escenario
sen os berros da carga
nin o xemido das grúas
a seguinte foto é nun bar
a luz que se espalla
a través dos vidros
dálle á imaxe un matiz irreal
como unha película
unha esperanza
dixeches coa mirada
unha frase de despedida
e a min despedíuseme unha patria
e ti fuches quedando
ancorado nalgún outro
porto de teu
na rúa aínda o fume
deseñaba a silueta
da balea errante na que viaxas
a que che leva no interior
como a xonás
juan
e os mortiños que arrastramos
cada un coa nosa maleta
pecha
para resgardar a memoria
e os ollos