coa vista no horizonte

non pensaba meterme con este texto aínda porque tiña a impresión de que ía ser un proceso duro. pero visto así, en verso, semella fluír con naturalidade.
as baleas están só no título porque non precisan estar dentro.
e tal vez sexa a única razón pola que acabe conservándolles títulos a todos os textos na versión final.

 

el aínda era novo
e ela xa regresara
unha vez da morte

ela construía preguntas
e el poñíase triste
cando unha palabra faltaba
ao encontro

esa teima tan súa
polos límites

 

ela navegaba
entre a serenidade do abismo
e a tensión do verso

e el anoábase ao mastro
para que non o arrastrasen as ondas

 

nun alto
fronte ao mar de vigo
os dous eran
tempestade calma

pero el teimaba en ancorar
nun seu pequeno
silencio descuberto

 

ela era pantera na espreita

quería velo todo

 

séntese fráxil quen
diante do mundo
só pode interrogarse

pero ten o poder da dúbida
a firmeza de non deixarse
aloumiñar polo afago

 

agora el vai máis vello
máis do que ela poderá ser nunca

e xa non procura respostas

 

aprendeu a catar
o recendo cálido do inesperado

que a poesía é disonante coas certezas

(pensou niso sen saber
que fora ela
quen o agasallara co sabor do vago
a beleza
das perspectivas imprevistas)

 

e nas palabras paira
cos ollos dela
enchoupados na roupa para sempre