Arquivo da categoría: os soños de tuñón

algúns retoques n’o soño de tuñón

fixen algúns retoques n’o soño de tuñón: cambiei unha referencia xeográfica e alixeirei algunhas pasaxes.
nestes días tentarei preparar un poema máis. é un que levo gardando uns meses nun papel. o nacemento dese texto ten unha pequena historia que xa contarei.

a nova versión d’os soños de tuñón é esta:

sobre a mesa dun bar
o poeta raúl
gonzález tuñón espalla
fotogramas de infancia en boedo

(ou en calquera outro recanto
ou recordo)

 

na película hai rúas anegadas

(no soño tórnase venecia

e chámase noia ou fisterra)

 

pero tal vez o poeta confunda
historias de seu pai

ficcións doutra nostalxia

 

o relato é en branco e negro
e ten barcos nas rúas
e os nenos chapuzan e corren e rin

 

e acaso de fondo
poida intuírse na néboa
un porto baleeiro
e cadáveres de cachalotes

 

nunca navegou
balea
polo río que transcorre
debaixo da ponte

houbo algunha vez unha noria

pero agora é nome
e nos cabalos de madeira
non montan nenos tristes

 

resoa a pianola no empedrado
nos recordos (inventados) do poeta

e a chuvia
cando repenica sobre a inundación
eslúe a memoria
 

os soños de tuñón

cando o libro xa semellaba achegarse á súa forma final definitiva (aínda que tal vez nada sexa definitivo nas edicións dixitais) (o ritmo desta frase é intencionadamente paralelo ao de dúas estrofas de ulises), aparece este novo poema, “os soños de tuñón“.
engado a versión inicial e mais, cando vou preparar a páxina principal póñoo xa en verso e métolle as primeiras modificacións.
o poema é unha escusa para reflexionar sobre os espazos de indeterminación (as referencias imprecisas dos textos que deixan ocos para os engadidos do momento da lectura), ademais de para evocar algúns espazos (algúns tempos) deses que aínda que nunca fosen propios si que o son porque o son da memoria colectiva.

nota: esta é a versión do poema publicada o 18/01/2016