xa non sei cando deixei de usar papel para escribir literatura -ou calquera outra cousa-. mesmo os primeiros apuntamentos dun poema hai tempo que non son quen de facelos a man.
hai anos erguíame da cama e acendía o ordenador. agora teño na mesa de noite o teléfono móbil e utilizo algún programa de notas, preferentemente algún que sincronice as notas na nube. a idea é poder editar despois as notas desde o ordenador sen ter que transcribilas pero tamén vale como modo de asegurar que a información estea ben resgardada.
pero hai un punto no proceso de corrección en que aínda preciso poñer os textos en papel para poder corrixilos. é como se algúns problemas do texto non fosen visíbeis na pantalla. non teño unha explicación razoábel para isto.
o caso é que estou nun punto do desenvolvemento do libro no que preciso empezar a procurar versións máis finas dos poemas.
(os que non evoluíron desde as notas iniciais é posíbel que nun prazo breve sexan retirados do libro: vacas, sereas, o que regresa da marea.) penso que co resto do material o libro podería estar ben.
xa que logo, montei os poemas nun documento de texto, imprimino e empecei a traballar.
non vou actualizar aínda ningún na rede porque quero darlles unha volta ás notas que fun tomando (e só tomei notas dos primeiros tres ou catro). pero si quería deixar constancia de que o meu silencio destes días non se debe a que abandonase o proxecto.
ademais, apetecíame amosar aquí unha páxina con notas. seguro que isto lle gustará a ramón nicolás.