os soños de tuñón (versión do 18/01/2016)

sobre a mesa dun bar
en boedo montmartre ou lavapiés

(que é como dicir
en calquera lugar ou recordo)

o poeta raúl
gonzález tuñón espalla
fotogramas dunha infancia en barracas

 

eu non sei se é barracas
ou calquera outro país
a súa cuna

 

na película hai rúas anegadas

(no soño tórnase venecia)

e chámase noia ou fisterra

 

pero é posíbel que o poeta confunda
historias de seu pai
ou as ficcións doutra nostalxia

 

o relato é en branco e negro
e ten barcos nas rúas
e os nenos chapuzan e corren na auga e rin

 

ou acaso un porto baleeiro
e cadáveres de cachalotes

 

a barracas non chegou nunca unha balea
nunca navegou unha balea
polo río que discorre diante da noria

e a noria xa non xira
e os cabalos de madeira non teñen nenos tristes

 

resoa a pianola no empedrado
o da memoria do poeta

a chuvia repenica sobre a inundación
eslúe a memoria
 

>> os soños de tuñón
>> versión inicial