do papel (magalhães 1)

pouco toquei neste poema. só restruturar algunha imaxe, engadir aquí, quitar alá.
con isto remata esta etapa de revisións. só non toquei un dos textos (“enumerar motivos para debuxar unha balea”). por último, vou tachar no índice tres poemas que nunca pasaron de apuntamentos e semella que non pasarán. as imaxes de partida poden ser suxestivas pero creo que o resto do material abonda e sempre mellor quedar curto que excederse. os títulos que desaparecen son “vacas”, “sereas” e “o que regresa da marea”.
 

e o poema sobre magalhães
que no empeño por arrodear o mundo
e acadar as illas das especias
arribou sen sabelo
a terra de baleas

ou debería dicir
ao seu mar
 
 

sería inverno árido
ou acaso non é posíbel
imaxinarlle outros veos
a aqueles territorios
 
 

imaxina que cres que o mundo
é máis extenso do que ditan os mapas

colles un barco
un que pode destruírte
pero que é pequeno
se o comparas co horizonte
 

cal é a dimensión da túa certeza?

cal o límite da ousadía e do azar?
 

imaxina os ollos daquel home pequeno
ao chegar á araucania

toda aquela vastidade erma
 

podes velo diante
daqueles animais fantásticos
a deambular na enseada inhóspita
e súa
e preciosa
 

pavor ou calma
acompañarían o alborecer
arrodeado de vento e mar profundo
e os seus cantos?
 
 

pero o destino de magalhães
estaba aínda moi lonxe

(non tanto como desexaba
pero el non o sabía)

e decidiu resistirse
a aquela harmonía insólita
e continuar viaxe incerta
 

ou acaso atopara
ante aqueles seres inconmensurábeis
o límite do seu valor

e partiu
 

puxo proa máis ao sur
na teima do paso procurado

e atopouno
e herdoulle o seu nome
e nomeou pacífico
o océano que atopou do outro lado
 
 

imaxínate coas forzas no límite
despois de atravesar
todo o mundo coñecido

e ao contornar as marxes
atopas outro horizonte
aínda máis esgotador
 

aquel novo mar enfrontou magalhães

e dobregouno tamén
pero morreu sen sabelo
cando xa acadara outra vez
o mundo coñecido
 

no estrondo da batalla
na lanza que o atravesa
volveu escoitar
o canto das baleas

música de fondo para a mágoa
de quen morre privado da certeza
de que non fose aquel
ou si
o seu horizonte