catro ou cinco cambios nos cortes de verso e unha solución sinxela para alixeirar unha imaxe.
esas cousas que, cando as descobres, non entendes como non as viras desde o principio.
unha balea varada na praia
estarrece como a ruína dun imperio
é unha postal imposíbel
no centro da paisaxe
treme o aire que paira
inmóbil ao seu redor
e morre tan lento
que a súa agonía semella só
un simulacro
non ten
esa tensión do horizonte
senón acaso a conciencia de ser
ela mesma todo un final
a balea é un deus caído
pero non é o seu recendo o que estarrece
tal vez sexa o sabernos
tanto máis fráxiles
a expectación arrastra
un conxunto caótico de singraduras
océanos á espreita
non fose tan inmensa
e parecería estar a piques de fuxir
a balea é
unha espera deitada
se falas con ela
parecerá que escoita a túa dor
e devólveche preamar
uns nenos achéganse
pés na area fría
observan con distancia
a balea non pode moverse
pero non é o seu cheiro
o que estarrece
acaso sexa
a inmensidade da metáfora