alguén encerrado nun cárcere / ou hospital psiquiátrico / pensa nunha balea como unha cuncha / escura / na que atravesar o mundo // desde dentro non se ve / a paisaxe o tempo / a espallarse sen / límite // é unha viaxe sen desacougo / ademais / é unha viaxe imaxinaria // xa que logo / non fai falta / imaxinarlle un desacougo //
só unha cuncha / escura e morna / coas paredes de / papel para ir pintando o itinerario
percorrer cos dedos / os muros rugosos // describir a tentas / unha paisaxe larga / e o camiño que a atravesa
andar cos pes gastados / e ver como o corpo vai enchéndose / co po da estrada
escapar dun cárcere / ten a cor das estradas / das películas americanas // ocre e sol / area e o brillo / no reflexo dun coche / que pasa a toda velocidade / como se existise o tempo / para saber a dimensión do horizonte
fuxir dun / hospital psiquiátrico / é máis doado // require únicamente / a balea o tigre // e navegar / a pulso a carón dunha balea / ou gadoupar sabana
en calquera caso / a paisaxe ten sol / e o ceo é limpo / porque o azul / é unha metáfora da metáfora do infinito
