el aínda era novo / e ela xa regresara / unha vez da morte
ela construía preguntas / e el poñíase triste / cando unha palabra faltaba ao encontro
esa teima tan súa polas certezas

ela navegaba / entre a serenidade do abismo / e a tensión do verso
e el anoábase ao mastro / para que non o arrastrasen as ondas

era tempestade calma / e el teimaba en ancorar / nun seu pequeno silencio novo

ela era pantera na espreita // e quería velo todo

séntese fráxil quen / diante do mundo / só pode interrogarse
pero ten o poder da dúbida / a firmeza de non deixarse / aloumiñar polo afago

agora el vai máis vello / máis do que ela poderá ser nunca
xa non procura respostas // aprendeu a catar / o recendo cálido da incertidume
que a poesía é disonante coas certezas
(díxoo el hai pouco / e decatouse máis tarde / de que fora ela / quen o agasallara co sabor do vago / a beleza das perspectivas inesperadas)
e nas palabras paira / cos ollos dela / para sempre

(ir á versión actual)