nacín en bos aires, nunha zona do barrio de palermo na que, segundo di de pasada borges no seu evaristo carriego, comezaban a se instalar, alá polos finais do XVIII, os inmigrantes calabreses. a literatura traizooume e nun poema do meu libro lúa gris falo de casas xenovesas. pero de calabreses é que fala borges, e calabreses eran a maioría dos veciños, aínda que a familia da miña avoa viña dunha rexión diferente de italia, no centro, e meu avó era friulano.
a realidade é que nacín noutra parte de palermo, pero iso non fai parte da construcción da memoria.
pouco despois mudámonos a outro barrio, “máis fermoso e distante”. en coghlan crecín, mais a patria é palermo.
entre coghlan e o centro, onde fun ao instituto, e onde despois tamén traballaba, transcorreu o resto da miña vida porteña. e na zona norte. os últimos anos en bos aires estiveron moi marcados por “la manzana podrida” e despois “la zona”, unha emisora clandestina de radio con dous nomes e, sobre todo, por toda a xente que circulaba arredor.
uns poucos anos antes comecei a escribir os meus primeiros relatos. foi no obradoiro literario de daniel arias. el puxo os ingredientes para convertir o lector apaixoado que era nun proxecto de escritor con máis persistencia que talento (que é un concepto co que non acabo de estar a gusto).
naquel obradoiro pasei catro ou cinco anos e del xurdiu o meu primeiro libro. naceu un pouco por iniciativa dos meus compañeiros e foron eles, nomeadamente diego muzzio e fernando tomasenía os que me axudaron a xuntar, organizar e corrixir o material que tiña para tentar darlle algún sentido unitario. así naceu Catedrales de perfil.
outra cousa memorábel daqueles tempos foi a tempada que pasei aprendendo música e composición con gustavo mozzi. a práctica da música abandoneina hai tempo (non se pode estar a todo), pero hai cores nos meus poemas que teñen algo que ver co que aprendín daquela.
creo que non pasaron catro meses dende que saíu Catedrales… e eu marchei de arxentina.
a seguinte escala da viaxe foi caracas, onde vivín algo máis de catro anos. marchei de buenos aires o 17 de outubro de 1990, e vivín en caracas ata o 9 de xaneiro de 1995.
a etapa venezolana ten un papel importante na miña aventura literaria. alí, coa colaboración fundamental de harry almela, aprendín moito e dei os primeiros pasos para construír unha voz.
a finais de 1993 fixen unha viaxe iniciática. descubrín galiza, a súa lingua e a súa poesía. levei de regreso a caracas un par de antoloxías e dous libros de poemas que me regalaran a maiores.
un ano despois publiquei o meu segundo libro, ya tan deshabitado, e preparei unha tradución de catro poetas galegos: xavier rodríguez baixeras, xosé m. álvarez cáccamo, manuel forcadela e xela arias. os dous volumes publicounos harry almela na súa editorial la liebre libre.
á fin, en xaneiro de 1995 volvín cruzar o océano e instaleime definitivamente en galiza. primeiro na comarca compostelá, despois, na coruña e betanzos para regresar a compostela en 2011.
logo de aterrar tomei contacto con dúas persoas que me amosaron a porta da lingua e mais da poesía galegas: rafa villar e marta dacosta e, algo despois, miro villar. antón lopo fíxome sitio na “revista das letras” e empecei a escribir en galego antes de falalo.
traducín a modo de exercicion un libro que traía escrito dende caracas. o resultado deu en só paxaros saíron desta boca.
miro e rafa villar teimaron para que mandase o libro ao concurso no que foi finalista. foi o meu primeiro premio literario, un accésit na convocatoria de 1997 do premio miguel gonzález garcés. non estivo mal para empezar.
mentres remataba a reescrita de só paxaros… escribín o meu primeiro libro orixinal en galego: os veos da paisaxe. o libro publicouse en retagarda edicións e, posteriormente, na biblioteca virtual galega. en 2009 viu luz unha edición artesanal da man da colección bourel.
despois veu lúa gris na colección ablativo absoluto de edicións xerais. o libro foi finalista do premio tívoli europa, un premio que daban en italia ao mellor libro de poesía publicado por autor europeo menor de 35 anos.
a partir de alí houbo unha pequena paréntese até que un novo libro atopou o seu camiño: derrotas obtivo en 2002 o VI premio de poesía concello de carral. o libro publicaríao espiral maior en 2004.
quedaban dous libros no medio. un deles, caderno apócrifo da pequena defunta, levou no mesmo 2002 o XV premio de poesía eusebio lorenzo baleirón. publicouno ediciós do castro en 2003.
o outro, postais, escrito en colaboración con carolina erlich, publiqueino finalmente na miña páxina persoal en 2005. do mesmo xeito (e ao mesmo tempo) viu luz mapas para describir a ausencia.
a finais de 2005 un grupo de amigos e mais eu preparamos unha especie de antoloxía coral dos meus textos. titulouse itinerarios e publicárona conxuntamente o concello de santiago, a asociación de escritores en lingua galega e editorial compostela. acompañáronme na aventura estevo creus, marta dacosta, celso fernández sanmartín, maría lado, maría do cebreiro, antía otero, baldo ramos e rafa villar.
en 2006 iniciei a aventura “en construción”. os primeiros pasos da construción dun libro de poemas postos nun escaparate para que a xente o vise e participase. estiven dez meses publicando o blog e retireime, despois, co material, para traballar en solitario. os froitos recollinos nun libro, construcións, co que me outorgaron (e despois quitáronme) o premio de poesía miguel gonzález garcés. o libro publicouse, finalmente, en edicións positivas. todo aconteceu en 2008.
entre outubro de 2008 e maior de 2009 levei a cabo a experiencia esca e pedra, unha seire de trinta poemas escritos a partir de artigos da wikipedia escollidos de xeito aleatorio e que se publicou semanalmente en culturagalega.org.
en novembro de 2009, eli ríos e mais eu gañamos o 4º Certame de poesía erótica “Illas Sisargas” con convocan a asociación Caldeirón e o Concello de Malpica polo libro rúa da cancela, que viu luz en 2010.
en marzo de 2014 comecei a publicar “de baleas“, un novo proxecto de libro en construción que acabei de escribir e revisar en 2015. en setembro de 2017 o libro viu luz na editorial caldeirón, da asociación homónima. foi un proxecto que argallamos xuntos o meu querido paco souto e mais eu e que finalmente tiven que rematar eu só, coa axuda de paco de tano. o libro saíu acompañado por un comic (ilustrado por tokio) e un cd con músicas de baleas nos que participan macarena montesinos, o dúo tiberevi, benxa otero, estevo creus, daniel quaranta, ariel ninas, pablo seoane e gabriela acosta, mónica de nut, mig seoane, madamme cell e belén bermejo, acompañada por andrés díaz
. un luxo de colaboracións que nacen todas da amizade e da xenerosidade de todos estes artistas.
en 2015 tomou forma en papel un proxecto que o fotógrafo mariñán ignacio castro “nachok” e mais eu foramos facendo aos poucos desde 2010: o libro chámase entrar na casa e publicouno estaleiro edicións.
da miña obra hai pequenas mostras traducidas ao español, ao inglés, ao italiano e mais unha tradución efémera ao polaco.
despois de que, por dicilo dalgún xeito, quedase claro que había quen quería falar da xeración dos 80 e da xeración dos 90, inventamos letras de cal, para publicar libros de autores inéditos ou case.
foi un proxecto ilusionante, que levou á rúa 14 títulos, e gañou un espacio relevante, coido eu, na edición de poesía galega. unha experiencia colectiva da que me sinto orgulloso.
tamén creamos retagarda edicións, pero o proxecto logo quedou durmido.
tamén fixen unha vez unha exposición de fotos, co material que utilizara para a edición de bourel de os veos da paisaxe. e participei despois no proxecto “fóra de campo“, con caxigueiro, ernesto gonzález torterolo e nachok.
entre 1998 e 2016 traballei no sector das novas tecnoloxías. actualmente estou reorganizando a miña vida laboral. un proceso necesario e sempre interesante.
coordino obradoiros literarios. empecei con paco souto alá por 1996 e despois voei eu só (ou acompañado, segundo as circunstancias). dirixín obradoiros en varios centros de ensino de galiza, no centro sociocultural do ensanche en santiago, durante uns anos na biblioteca municipal das pontes e, entre 2001 e 2011 na biblioteca municipal de fene en colaboración con rosa aneiros e antía otero. en 2009, tamén con antía, levei adiante unha nova experiencia de obradoiro de blogs de creación en colaboración co servizo de bibliotecas municipais da coruña. actualmente estou levando adiante tres obradoiros de escrita: un na biblioteca municipal das pontes, un na libraría bahía de foz e un específico de poesía na libraría chan da pólvora de santiago.
títulos publicados
– Catedrales de perfil (buenos Aires, rundinuskín editor, 1990)
– Ya tan deshabitado (maracay, venezuela, la liebre libre, 1994)
– só paxaros saíron desta boca accésit do premio de poesía miguel gonzález garcés 1997 (a coruña, deputación provincial, 1998)
– lúa gris finalista do premio tivoli europa 1999 (vigo, edicións xerais, 1999)
– os veos da paisaxe (compostela, retagarda edicións, 2000; ribeira, edicións bourel, 2009)
– caderno apócrifo da pequena defunta xv premio de poesía eusebio lorenzo baleirón (concello de dodro) (sada-a coruña, ediciós do castro, 2003)
– derrotas vi premio de poesía concello de carral, 2002 (a coruña, espiral maior, 2004)
– Postais texto escrito en colaboración con caro erlich (edición web, 2005)
– mapas para describir a ausencia (edición web, 2005)
– itinerarios antoloxía coral de textos de eduardo estévez realizada por estevo creus, marta dacosta, eduardo estévez, celso fernández sanmartín, maría lado, maría do cebreiro, antía otero, baldo ramos e rafa villar (santiago de compostela, editorial compostela-concello de santiago-asociación de escritores en lingua galega, 2005)
– construcións (santiago de compostela, edicións positivas, 2008)
– rúa da cancela premio de poesía erótica illas sisargas (malpica, galiza, caldeirón, 2010)
– entrar na casa en colaboración con ignacio castro “nachok” (santiago de compostela, estaleiro editora, 2015)
– de baleas (malpica, caldeirón, 2017)
obra traducida
– “three poems” (tres poemas de construcións), “3:am magazine”. Trad.: Steve Porter
– “subprime lending” (un poema da serie “esca e pedra”), no blog de jonathan dunne. Trad.: Steve Porter
– un poema de construcións en “bibliomanie.it“. Trad.: Roberto Righi
– tres poemas en español en Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía gallega contemporánea. Madrid, Ediciones Endymion (ed. Antonino Nieto Rodríguez). Trad. Eduardo Estévez
– catro poemas en euskera en uberan.eus
proxectos web
– “en construción”
– “esca e pedra” (actualmente esta páxina non está en liña)
– “de baleas”
traducións realizadas
– cecilia meireles, El estudiante empírico (maracay, venezuela, la liebre libre, 1992)
– chico buarque, Construcciones (maracay, venezuela, la liebre libre, 1993)
– affonso romano de sant’anna, Epitafio para el siglo XX (caracas, fundarte, 1994)
– xosé maría álvarez cáccamo, xavier rodríguez baixeras, manuel forcadela, xela arias, Finis Terrae (maracay, venezuela, la liebre libre, 1994)
– nuno júdice, Antología poética (caracas, angria ediciones, 1996)
– georges perec, Ellis Island (ourense, franouren, 2011)
[…] http://eduardoestevez.blogaliza.org/sobre/ […]