os veos da paisaxe
ribeira (galiza), edicións bourel, 2009
depósito legal: C 162-2009
edición sen isbn
son tempos
de pensar a ausencia
de gardarmos
nun caixón as bágoas
son tempos de ollar a chuvia
a través dos cristais
embazada a memoria
botar as redes
cubrirnos de vento
hai un país de catedrais
homes en silencio
longos camiños cara ao mar
a paisaxe ocúltase
detrás da vaga néboa
a paisaxe ten sete veos
e no fondo
núa
aniña a memoria
mira os barcos no peirao
como se xuntan
e se afastan coas ondas
mira as gaivotas
a se acochar unhas
contra as outras
os pescadores
co ollar detido
no horizonte
ondea a roupa no tendal
recibe outra vez o orballo
cos primeiros merlos
acordan os cans
os homes
pestanexan co sol
húmido do mencer
a auga que baixa
das montañas
corre polas rúas baleiras
nas casas só quedan
sombras
e algún ancián
que xa esqueceu o calendario
son tempos
de pensar a ausencia
o home vello á sombra
da aciñeira
conta as cabras
dálles nome
a vella muller na cociña
nomea os paxaros
os días e as dores
a campá non ten badalo
só o gorgolexo
das pombas toca a misa
ou a defunto
neste muro hai os prantos
de amor de moitas mozas
e homes vellos
e deuses
nos balcóns xa non quedan
xasmíns nin cravos nin rosas
morreron coa xeada
o último inverno
conta cada un
dos seus cabelos
coñece cada liña
cada movemento
cando ergue o sol
e orballa nas roseiras do patio
fíos de la acomoda en certos
e determinados lugares
elena
atada nos espellos
peitéase
todo o día
o mediodía
as cociñas
cheiran a ourego
os manteis vermellos
o vapor das cazolas
o golpe das culleres
os risos entre os muros
paxaros engaiolados
na mesa
unha cesta con froitas de louza
e teas de araña
fumegan os pratos
falan alto as mulleres na praza
por un momento
a paisaxe non ten veos
as follas secas baten
con dozura portas e fiestras
logo pérdense
non hai
ninguén para escoitalas
na cociña unha avoa
remexendo no caldeiro
no cuarto unha curmá de
quince anos
deitada co seu mozo
ás agachadas
a tarde
as horas son máis lentas
á sombra do limoeiro
e cando chove séntense
as gotas no tellado nas
pólas secas o pranto
nas paredes balorentas
os balcóns
énchense de flores co verán
unha moza corta o seu orballo
pono no xerro da sala
xunto á foto do pai morto
no patio
unha vella figueira de pólas longas
cubertas de ouricela
os soños
confúndense a esta hora
entre as follas
as árbores da infancia
inclínanse sobre o alxibe
buscan a súa imaxe reflectida
no espello de auga
esta terra perténceme
terra branca de séculos e cinza
acóugame esta terra
estas árbores de mans abertas
hai unha carballeira gris
un río nalgures que murmura
paxaros
néboa
recantos desta terra prometida
chega do río
o canto das lavandeiras
o vento procura
a idade nas follas
o silencio nas cortizas
detrás dos muros
unha moza esperou
todo o día
os días seguintes
o home que a levase lonxe
a algunha nova terra
e máxica
vestida de branco e
cun ramo de lirios nas mans
atoparasme no camiño
preto da última árbore
a derradeira
pérdense
as follas secas
vanse espallando
cara ao horizonte
que é como dicir
cara a ningures
na fiestra os últimos
efémeros fíos do sol
nas pólas máis altas
cando é tarde só quedan
pedras e poeira no camiño
a noite
unha bandada emigra da paisaxe
en leitos de ferro
detrás das cortinas
as rapazas agachan
os seus soños prohibidos
presos entre as sabas
os farois
arrandean co vento e no campanario
o moucho vixía
as casas silenciosas
espantallo
mantén afastadas as lembranzas
polas casas
a silueta dunha muller
sobre a paisaxe feminina
debrúzase a noite
a terra ten cansazo de auga
nas fendeduras
nos ritos do verán
o plenilunio
silencio
esta noite está pechada para os grilos
a paisaxe prega en silencio
pide perdón
antes de quitar o último veo
para ver algunhas das imaxes que ilustraron esta edición, fai clic aquí