rúa da cancela
(texto en colaboración con eli ríos)
malpica (galiza), caldeirón, 2010
IV premio de poesía erótica illas sisargas
isbn: 978-84-614-4616-2
limiar de maría do cebreiro:
1.
No ano 1996 a documentalista holandesa Heddy Honigmann dirixiu o filme O amor natural, título homónimo dun libro de Carlos Drummond de Andrade. Partindo dos seus versos, a directora emprendía unha ambiciosa enquisa sobre o pracer sexual. O experimento consistía en pedirlles a unha serie de anónimos viandantes brasileiros que lesen en voz alta os poemas do Carlos Drummond. A medida que o filme avanzaba, os versos ían abrindo neles —e sobre todo nelas—as máis libres confidencias sobre esa dimensión física do amor que hoxe en día denominamos sexo. Mentres viviu, Drummond de Andrade quixo que O amor natural permanecese inédito, “por pudor”. Pensaría hoxe o mesmo? Que nome lle dariamos hoxe a ese pudor?
2.
Nós, que non fixemos o maio do 68, que herdamos dese mes? Non está probado que sexamos máis libres na cama, pero se cadra aprendemos a falar do que acontece na cama dun xeito algo máis libre. Fainos iso mellores? Se é certo que aínda somos unha mestura de Marx e mais de Freud -un postmoderno diría: de Althusser e Lacan-, en que sentido resulta liberadora a poesía? A poesía de Eduardo Estévez e Eli Ríos comprende que non todo pasa polo verso. Na Educación sentimental Flaubert comezou a debuxar a historia do desexo moderno. Kafka dixo que o moito ou pouco que aprendera sobre o amor estaba nese libro. A miúdo o desexo é unha cousa kafkiana.
3.
Nun escrito recente, a crítica arxentina Josefina Ludmer ensaia algunhas definicións do que ela denomina “literatura postautónoma”. Salvando o feito de que o prefixo “post-” xa non engade nada a aquilo que precede, o termo pode axudarnos a comprender mellor o estado da literatura no presente. Moito do que sucede en rúa da cancela é “postautónomo”. Léase: fluctuante, descentrado, e sobre todo non dependente dunha sanción externa —académica ou mediática— que o cualifique como alta ou baixa poesía. Libro de baixas paixóns, ou altas intensidades, chega dende o presente da escritura e viaxa, sen apenas mediación, cara o presente da lectura, porque estas escritas da diáspora non só atravesan a fronteira da “literatura”, senón tamén a da “ficción” [e quedan no exterior-interior das dúas fronteiras]. E isto acontece porque reformulan a categoría de realidade: non poden ser lidas como mero “realismo”, en relacións de referencia ou verosemellanza. Toman a forma do testemuño, da autobiografía, da reportaxe xornalística, da crónica, do diario íntimo […]. Saen da literatura e entran á “realidade” e ao cotián, á realidade do cotián [e o cotián é a TV e os medios, os blogs, o email, internet, etc]. Fabrican presente coa realidade cotiá e esa é unha das súas políticas.
4.
Debemos a Susan Sontag a intuición de que a literatura erótica é menos debedora do realismo que da literatura fantástica. Como en todas as sentencias agudas, hai nela algo de mentireiro. Porque se, como acontece neste libro, conseguimos insertar o real na fantasía, non sería a poesía erótica o xénero máis realista de todos? Sen dúbida, sempre hai que pagar un prezo pola conversión do corpo en texto. A pura presenza acaba por matar aquilo que, co seu talento para a metáfora, Walter Benjamin denominara “aura”. Esa “impresión de afastamento”, que os corpos deixan en nós unicamente cando parten, non pertence, definitivamente, á literatura erótica. “E que?”, semellan contestar os autores de rúa da cancela. “A poesía durará mentres dure o desexo”. Nestes tempos, pouco ou nada propicios á exaltación dos sentimentos, a literatura erótica non é máis que un pretexto para falar do amor.
(selección de textos)
leu o seu primeiro
mail
o sábado ao mediodía
cun resto pastoso
no sangue
releuno
de vagar
debullouno
atendendo os
movementos
da lingua en cada
letra
cos dedos
deseñou o seguinte
encontro
contactos na rede. non vin o seu rostro e anceio perfidias con g. loucura ou desexo enganado. para min: vale. 3 días sen resposta? aumentando ansiedade pero con máis misterio. desaparezo dentro da esquerda.
agardar
tecer dous días
antes da cita
e agardar
ter tempo
para deducir espazos
perfumes
sentar diante
da tele apagada
deixar que
o corpo
se impregne deses
veos
facer fotografías
imaxinarias
ordenalas nunha
secuencia morna
observar
as partículas de
suor
que nacen da pel
cando comece a
película
contactos na rúa. non penso o camiño e a tentación condúceme cara a ti ou o salitre na miña faciana. tempo: o dos pasos. estarás alí? as veas borbullan pero con marés internas. abro a porta.
observou
o seu rostro
a través do cristal
embazado
do vaso
o xeo
a porta do bar
ábrese e
intúe o xesto
inicial
o primeiro fotograma
levou
o gin tonic aos
beizos
e canda o
recendo da quinina
percibiu tenue
o sal dunha
pinga de suor
que facía real
o seu aceno
aparentemente
calmo
as mans de l
deixan marchar
a porta
e fican detidas
un intre
no aire
contactos no pub. non te coñezo e a forza da terra arrástrame á túa cadeira ou ao gin tonic bordeando as túas comisuras. erección: disimulada. a adrenalina dispara feromonas? reflectíndome nos teus ollos pero con sorriso tímido. ola, son l.
[…] no marco da cea das letras que organiza cada ano en malpica o concello e mais a asociación caldeirón, terá lugar este sábado á noite a entrega do premio de poesía erótica illas sisargas e a presentación do libro rúa da cancela co que eli ríos e mais eu gañamos o premio o ano pasado. agardamos que logo estea nas librarías pero, mentres tanto, tendes un pequeno adianto aquí. […]
[…] n’a nosa terra, x.m. eyré esténdese un algo máis na súa lectura de rúa da cancela. […]
[…] de engadir na páxina correspondente o limiar que fixo maría do cebreiro para rúa da cancela. agradecido estou pola lectura tan fina […]