ir ao contido →

chega do río

o ano pasado presentei entrar na casa en buenos aires. foi moi especial porque nunca recitara os meus poemas en público na miña cidade natal.
o acto tivo lugar despois de encontrarse moitas casualidades e grazas á colaboración de diferentes persoas, mesmo algunhas ás que non coñecía de nada. o artífice de todo foi fernando tomasenía, un dos meus amigos da alma, compañeiro de moitas batallas desde hai xa moitos moitos anos.
e entre moitas cousas incribles que conseguiu argallar fernando unha das máis sorprendentes foi a participación no acto de georgina hassan. ela é unha cantante que fai música difícil (para min) de etiquetar pero que diría que circula arredor do folk arxentino pero coa ollada posta tamén noutros horizontes. así, ela xa gravara nalgún dos seus discos un tema en galego, como ten tamén un en euskera, froito dunha colaboración con kepa junquera.
o caso é que, cando fernando a convidou, ela colleu uns versos do meu libro os veos da paisaxe e púxolles música abríndolles uns horizontes que eses versos nunca soñaran. ese día tocou a canción, acompañada pola miña querida valeria donati que chegou ao “museo del libro y de la lengua” en son de comadre e acabou subida ao escenario para axudar a georgina que (dicía que) non estaba ben da gorxa. o resultado é este que vedes a continuación. o son non é o ideal pero abonda, penso, como documento.

hoxe escribiume georgina e contoume que onte, en radio nacional (a de arxentina) estivo tocando o tema en vivo con marina santillán e luvi torres, un trío que chaman “cantoras” que adoptou este tema no seu repertorio habitual.
estou moi contento. os meus versos chegaron á miña terra e quedaron e xermolan.
igual pronto temos unha nova versión que compartir desta canción. prometo emocionarme como da primeira vez porque estas tres mulleres fan unha música moi moi bonita.

pd: o vídeo montouno o meu primo pablo dal pra, que ese día manexaba tamén a cámara. moitas grazas, pablo! queremos máis! 😉

publicado en actualidade entrar na casa presentacións

comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará