ir ao contido →

dous poemas por encarga

nesta última tempada escribín dous poemas por encarga. o primeiro encargoumo baldo ramos para a exposición que estaba montando con pepe cáccamo no museo do pobo galego.
a obra de baldo sobre a que debía traballar titúlase “palabras para un baleiro” e é este:

baldo ramos_palabras para un baleiro
(pódese ampliar facendo clic na imaxe)

e o poema que lle fixen é este:

teatro de luz
un disparo un golpe / calculado / de azar

o poema como / a porta da sala
un oco polo que deixar arrastrar os sentidos / até o centro da escena

un reflexo do espectador no universo simulado

e alguén que observa / atento e perplexo
considera pausas ou diálogos interrompidos

e alguén outro que semella acougo / letargo
sostén da estrutura

a porta descobre unha extensión de area / unha fotografía da estepa / a entrada dun museo de esquecementos

un disparo (no alvo) un calculado
golpe de azar

nas vitrinas do museo ordénanse / silencios expectantes

a area transforma os límites / en ocaso / sinfonías en suspenso
e o calígrafo deixa a súa pegada no muro / asina a ferida

a segunda encarga chegoume a través de paco souto. desde a asociación cultural caldeirón estaban a preparar unha exposición con obra de tres artistas plásticos moi relevantes do panorama da pintura galega actual: xulio maside, xoán pardiñas e fernando ribeiro. o catálogo da exposición leva unha selección das pezas expostas, acompañando cada peza con un poema. correspondeume escribir sobre unha obra de pardiñas titulada “fóra do límite”. a obra é esta:

pardiñas_fóra do límite
(pódese ampliar facendo clic na imaxe)

e o poema vai en formato imaxe por tentar manter a estrutura en dúas columnas do texto.

fora do límite
(pódese ampliar facendo clic na imaxe)

coma sempre, escribir por encarga é complexo pero o resultado, cando sae, é satisfactorio. neste día das letras de 2016, poesía, poesía, poesía.

publicado en actualidade recitais

comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará