A historia

A través da A.C.Lúa Gris veño desenvolvendo obradoiros de lectura e escrita dende 1997.
Nos inicios foron en centros de ensino públicos (en Vilanova de Arousa, Ourense, Santiago de Compostela, Betanzos, …). Eran experiencias dunhas cantas sesións nas que faciamos exercicios de escrita a partir de consignas que tiñan como propósito pescudar nalgún aspecto concreto dos textos de diversos xéneros.

O primeiro obradoiro de maior duración para persoas adultas tivo lugar no pub Pepa a Loba de Santiago. Foi entre 1997 e 1999 e del saíron as primeiras andainas literarias máis resoantes: Ana Cibeira ou Marga Tojo pasaron por aquela mesa.

En 2001 iniciamos a que foi a máis extensa experiencia estábel: un obradoiro na Biblioteca Municipal de Fene que, con periodicidade semanal (e as correspondentes pausas estivais) seguiu en funcionamento ininterrompido até 2011. Podes les algo máis deste obradoiro aquí.

Entre 2005 e 2008 tivo lugar na Biblioteca Municipal das Pontes de García Rodríguez o meu outro obradoiro emblemático. Cóntoo con máis detalle aquí.
En 2017 iniciamos unha segunda etapa deste obradoiro que agardamos teña continuidade.

Durante ese tempo (e despois) desenvolvín outras experiencias riquísimas como, por exemplo, no CSC do Ensanche en Compostela ou na Biblioteca Municipal de Mugardos e un obradoiro de escrita e outro de blogs de creación nas bibliotecas municipais da Coruña.
Eu coordinei a maior parte destes obradoiros pero contei, en moitos momentos, coa colaboración doutras persoas: a escritora Rosa Aneiros estivo durante algúns anos co-dirixindo o obradoiro de Fene. Alí (e mais noutros obradoiros) botoume unha man grande tamén a poeta Antía Otero.

No curso 2016-17 iniciei unha nova andaina na libraría Chan da Pólvora de Santiago que continuará neste 2017-18, agardamos que co mesmo brillo que empezou.

E en 2017-18 agardamos iniciar tamén unha etapa na libraría Bahía de Foz na que temos moitas esperanzas.