Información xeral
Desde a A.C.Lúa Gris, desenvolvo diversos tipos de obradoiros de lectura e escrita.
Obradoiros de escrita para persoas adultas
Entre 12 e 114 anos, estes obradoiros ofrecen ás persoas participantes un espazo no que desenvolver as súas habilidades na escrita literaria. Os textos producidos polas persoas participantes son postos en común e da súa lectura crítica van nacendo os fíos que permiten entender a estrutura do texto e as súas funcións.
A clave é ler, entender, descifrar, comentar, escoitar e medrar en grupo, potenciando o xesto construtivo e o respecto e a valoración da opinión dos/as outros/as.
Pretendemos formar escritores e escritoras. Isto non é un traballo dunhas poucas semanas, polo que gustamos de obradoiros extensos, estábeis: espazos nos que se van creando vencellos de confianza entre as persoas participantes que colaboran entre todas no crecemento do grupo e no individual de cada quen. Ofrecemos tamén obradoiros de iniciación cunha duración determinada (a partir de 6 sesións) e, cando non é posíbel formar un grupo, traballamos tamén de xeito individualizado tanto en modalidade presencial como a distancia.
Obradoiros personalizados
Gústanme sobre todo os obradoiros en grupo porque as lecturas plurais son moito máis enriquecedoras e as dinámicas colectivas axudan moito ao traballo do texto. Pero, se non tes ningún obradoiro en grupo que che coincida ben, vives lonxe de todo, tes horarios complicados ou precisas unha axuda máis persoal para un proxecto concreto, mándame un mail, cóntame quen es e cal é o teu proxecto e atoparemos unha maneira de traballar xuntos.
Obradoiros de lectura e escrita para persoas adultas
Nos obradoiros de lectura e escrita o obxectivo non é só formar escritores e escritoras senón tamén lectores e lectoras críticos/as. Traballamos a partir de textos das persoas participantes e mais de libros publicados na procura de atopar as claves que nos permitan mellorar a nosa relación co texto literario.
Obradoiros de lectura e escrita para nenas e nenos
Estes obradoiros, destinados e nenos e nenas de entre 9 e 12 anos, teñen como obxectivo axudar a descubrir o gusto polas palabras, que os libros poden ser divertidos e que é posíbel construír textos literarios dun xeito lúdico. Traballamos con grupos de entre cinco e quince nenos e nenas, preferentemente (pero non só) en bibliotecas e procuramos que as nenas e os nenos se familiaricen cos libros e descubran as ferramentas coas que abrirse a posibilidades creativas novas.
Por que non hai un obradoiro colectivo máis preto da miña casa?
Non teño ningún problema en ir facer un obradoiro alí onde haxa xente interesada. Podemos facelo en forma privada ou tentar involucrar algunha institución (o concello, unha biblioteca, unha asociación de veciños). Se pensas que na túa zona é posible xuntar un grupo mínimo de persoas interesadas en participar nun obradoiro literario, ponte en contacto comigo e buscámoslle unha solución.
Podes escribirme a correo [arroba] luagris [punto] net e facer todas as preguntas que queiras.