Fene 2001-2011

Entre xaneiro de 2001 e xuño de 2011 o Concello de Fene convocou na Biblioteca Municipal un obradoiro literario que é a maior referencia do meu traballo. Durante case once anos ininterrompidos (coas correspondentes pausas estivais), un grupo de persoas reuniuse cada venres para escribir, ler e comentar literatura.

Era un conxunto aberto: todos os anos incorporábase xente nova e outras persoas deixaban de vir. Algunhas persoas estiveron alí nove ou dez anos. Algúns viñeron un ano só ou mesmo só unhas semanas. Algún marchou e volveu tempo despois. Houbo desde rapaces e rapazas de once ou doce anos até persoas adultas de máis de sesenta.

A maioría escribía, dun xeito máis ou menos aberto, antes de chegar. Algúns xuraban que nunca o fixeran antes. En xeral todas as persoas que por alí pasaron tentaron facer algún texto. Pero algúns houbo que só querían ler e falar de literatura. Todos participaban (unhas máis que outras), todos e todas escoitaban con atención o que os demais tiñan para dicir.

Tivemos sesións de tres ou catro persoas e nun momento en 2002 cumpriu dividir o grupo en dous de tanta xente que viña.

Houbo días nos que cumpriu improvisar actividades novas e días nos que dúas horas non daban tempo a ler os textos que traían da casa.

O obradoiro coordinouno sempre eu pero, ao longo do tempo, contei en diversos momentos coa colaboración de Rosa Aneiros e de Antía Otero.

Unha das actividades que alí facíamos era convidar escritores e escritoras para que nos propuxesen actividades e intercambiasen as súas experiencias cos e coas participantes do obradoiro. Foron moitos os nomes de relevo que por alí pasaron. Estevo Creus, Celso Fernández Sanmartín, Antón Riveiro Coello, María Lado ou Vicente Araguas son só algúns poucos exemplos.

Sería imposíbel ou moi difícil enumerar a todas as persoas que pasaron unha tarde tras outra naquela saliña do primeiro andar do Museo do Humor con vistas á ría pero o resultado do traballo de algunhas delas merece un oco aquí:

 


Algúns dos textos d’A sombra das queirogas, escribiunos Dulce López Rivera durante os varios anos que estivo no obradoiro. Foi publicado en Libros da Frouma.

 


Os haikus todos de Pequenas paisaxes naceron dunha consigna que a Matilde Castro lle descubriu un lugar no que estaba a gusto. Mandouno a un premio literario que non gañou pero un dos membros do xurado levoullo á xente de Libros da Frouma e alí foi publicado.

 


ático, de Arsenio Iglesias Pazos, escribiuse en boa medida durante o tempo en que Arsenio estivo no obradoiro. Obtivo o premio Avelina Valladares e foi publicado por Edicións Positivas. Arsenio chegou ao obradoiro dicindo que non lle interesara nunca a poesía e aí está a proba e a maxia.

 


Vine hasta aquí para buscarte é unha edición de pouquísimos exemplares que Nuria García Gonzalo fixo toda a man para o obradoiro.

 


Cando o obradoiro xa rematara, Mariola Hermida viu por fin cumprido o seu soño de volver poñer versos en papel impreso. A edición correu a cargo de Vampirodelibros.

 


Este libro de Natalio Gómez é o único libro de relatos que naceu deste obradoiro. Algúns dos textos que o compoñen foron escritos para as sesións da Biblioteca Municipal, outros son posteriores.

Pero non só en libro están os froitos deste obradoiro. Algunhas das participantes mantiveron ou manteñen blogs nos que publican o que van escribindo e cónstanos que teñen lectores fieis que as seguen:

Mariola Hermida publica os seus textos desde hai moitos anos en “Cinamomo Rosa“.

Rosa Fernández Salanova ultimamente colga máis imaxes (tamén é pintora) pero tamén hai moitos poemas seus en “Hada Rosaura“.

Esther Val publicou durante anos en “Congo y yo” pero agora escribe sobre todo aquí e en Facebook.

E haberá máis dos que nin sabemos pero o que si nos consta é que o obradoiro de Fene creou un grupo humano riquísimo e heteroxéneo e amizades que perduran.