ir ao contido →

itsaso guztiak, itsaso bera

esta fin de semana estiven en euskadi convidado pola asociación galizaleak, da que participa o meu amigo querido arsenio iglesias. facían tamén parte da expedición estevo creus e rosalía fernández rial.
a idea era facermos unha especie de recital-positivas e arsenio foi fiando e, finalmente, o recital organizouse dentro dun festival de promoción da lingua vasca que se celebra en ondarroa: literatur amuak.
cartaz
(o cartaz do festival…
cartaz_pola_rua
…que estaba repartido por toda a vila)

foi un recital moi bonito. fíxose nunha sala da escola de música de ondarroa o sábado pola mañá. a sala estaba chea e o público foi moi cálido. ondarroa é unha localidade mariñeira na que recalaron non poucos galegos. alí estaba entre o público unha ondarrotarra de apelido estévez que se achegou a min moi emocionada ao remate do acto: “como non vou entender, se as palabras máis bonitas que me dixo miña nai eran en galego”.
pero o resto do público era euskaldún. nós recitamos en galego e, en simultáneo, proxectábanse traducións dos textos feitas polo xornalista, tradutor e escritor iñigo astiz. mentres eu lía, vía o público moi atento tentando entender as palabras galegas e, de vez en cando, virarse á tradución para pillar un detalle que se escapaba.
encantoume recitar alí.
edu
abrino eu, a continuación recitou rosalía, coa súa alegría innata e recitou tamén arsenio en euskara e en galego o poema da biblioteca e outro máis e pechou estevo que di que é tímido pero cando se acomoda no escenario transfórmase.
editaron un pequeno folleto coas traducións para que a xente levase á casa.

da cálida recepción de pola noite o venres e do paseo por ondarroa ocupouse un tipo encantador e amante da súa vila: ibai muñiz.
na noite do sábado fomos para bilbo e repartímonos nas casas da xente de galizaleak. foron grandes compañeiros de paseo nocturno e charla e amabilísimos anfitrións o vigués brais pereira, o compostelán xosé balsa e a súa compañeira zaloa ipiña e, por suposto, arsenio e haizea.
na páxina web de asociación de escritores e escritoras vascos publicáronse as traducións que iñigo fixo dos nosos poemas. velaquí as ligazóns: os de rosalía, os de arsenio, os de estevo e mais os meus.
unha experiencia preciosa, unhas xentes encantadoras, unha fin de semana estupenda da que non nos imos esquecer.
foto_de_familia
(de esquerda a dereita, ibai, estevo, arsenio, rosalía, eu e iñigo)

publicado en actualidade eventos recitais

comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará