ir ao contido →

venecia abandonada

estas semanas pasadas viu luz un libro que levo moito tempo (moito) agardando ver impreso. venecia abandonada é un libro que escribín hai xa uns cantos anos (as “notas innecesarias” coas que pecha, algo posteriores ás primeiras versións do libro, son de 2015).

estiven dando voltas con el por moitos motivos pero xa hai dous ou tres anos que decidín encamiñalo a unha edición que sufriu diferentes atrancos e atrasos ata que por fin ve luz neste final de 2021.

é un libro de poemas un pouco diferente aos anteriores en moitos sentidos: por unha banda, os propios poemas teñen unha forma visual que se achega un pouco máis á prosa poética (sen ser de todo). por outro a temática é curiosa (polo menos no que respecta á miña obra ata aquí) porque utiliza a idea distópica dunha venecia baleira para reflexionar sobre o que significa abandonar un lugar.

por último, a aventura colleu, nos últimos anos, un pulo máis ou menos inesperado cando decidín incluír nela aos meus amigos queridos do grupo 1500 a quen lles encarguei que preparasen un repertorio de música veneciana do século XVI que é o espazo musical no que adoitan moverse.

o disco gravouse en outubro de 2020 na igrexa de santa maría de mezonzo, en vilasantar e mig seoane foi o técnico de son e fixo a mestura e o máster.

o resultado é este libro-cd que tende fíos entre a distopía e o renacemento, venecia e compostela, a poesía e a música (sempre boas veciñas).

o libro leva na portada un deseño precioso que foi a derradeira encarga que lle fixen a miña nai e que ela non chegou a ver impreso, cando menos non cos ollos deste mundo.

como todos os meus libros este ten tamén moitas persoas ás que cómpre agradecer: en primeiro lugar, a lorena souto e carme paz, que sempre me axudan na revisión dos textos. tamén a belén bermejo, andrés díaz e pablo ruibal, os músicos do grupo 1500 que fixeron posíbel esa outra cara do proxecto. e a paco macías, porque é un editor xeneroso, divertido, intelixente e entusiasta.

publicado en actualidade publicacións venecia abandonada

comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará