ir ao contido →

máis imaxes

seguindo coa actualización da semana pasada, acabo de engadir algunhas das series de imaxes que ilustraban os diferentes exemplares da edición d’os veos da paisaxe que fixo en 2009 antonio piñeiro para a súa colección bourel.


os diferentes exemplares desa edición levaban cinco fotografías orixinais cada un (catro nos interiores e mais un na portada). as cinco fotografías que ían en cada exemplar eran unha serie única, quer dicir: non se repetía dun exemplar a outro, eran impresións dixitais en papel fotográfico semi-mate pegadas unha a unha en cadanseu sitio polo editor, quen tamén coseu a man cada un dos exemplares.


os penso que 80 exemplares da edición esgotáronse practicamente na presentación, que foi na galería sargadelos de ferrol. lembro que fixemos alí unha sesión aberta do obradoiro literario que coordinaba eu na biblioteca municipal de fene. asistiu á sesión antonio piñeiro para contarnos como era iso das edicións artesanais. despois fixen un pequeno recital e cada un dos asistentes levou un papeliño cunha reprodución dalgunha das fotos.


lembro a sesión con moito cariño. como case todo o que aconteceu naquel obradoiro fenés que durou once anos: entre 2001 e 2011. toda unha experiencia da que quedaron non poucas cousas boas: o actual premio pérez parallé e mais algúns grandes amigos son o mellor de todo.
podedes ver máis series facendo clic aquí.

publicado en etc presentacións recitais