non son nada nada fan das cadeas ou memes ou inventos análogos. pero penso que todos os que empezamos a responder a esta cadea dicimos algo semellante. como se fose preciso xustificar as cousas que un colga no seu blog. convídame a raíña vermella a este e non a vou deixar sen resposta.
1. o último libro que liches
digo a verdade ou saio correndo a ler un libro de poemas calquera para quedar ben? a verdade: rematei hai un par de días los pilares de la tierra (así estaba o título da versión que lin). literatura lixeira, entretida, desa que engancha. a continuación empecei a memoria da chuvia, de pedro feijoo pero téñoo interrumpido porque tiña agardando para ler o nº 15 de orsai que está moi ben. estouno acabando.
2. o libro que cambiou o teu xeito de pensar
non sei se hai un libro que cambiase o meu xeito de pensar. é que cambio de xeito de pensar tan seguido que non é doado saber a causa de cada cambio. podería dicir, si, algúns libros que cambiaron o meu modo de ver a literatura ou, con máis precisión, a poesía: los trabajos y las noches, de pizarnik, a poesía de kavafis, o libro sen título de celso fernández sanmartín ou un sendero nuevo a la cascada (vid. anterior aclaración entre parénteses), de raymond carver son algúns deles.
3. o último libro que che fixo chorar
así como podo chorar -e fágoo- con calquera película ou serie ou chorrada televisiva, non lembro ningún libro que me fixese chorar. si algunhas entradas do blog de hernán casciari. as vellas. así, sen pensar moito, escollo tres: esta e estas dúas que van fiadas.
4. o último libro que che fixo rir
de risa si que choro: o máis lonxe que lembro foi la vida exagerada de martín romaña (bryce etchenique) e, máis recentemente, el pibe que arruinaba las fotos (hernán casciari).
5. o último libro que prestaches e non che devolveron
non lembro… porque non presto libros nin me gusta que mos presten. non me gusta que mos presten porque os libros que leo quero que queden na casa. non os presto porque me esquezo e a maioría da xente non os devolve.
6. un libro que che emprestaran e que non devolveras
xa está respondido. con todo, lembro que unha vez, hai bastantes anos, prestei o Abecedario da desolación de miro villar e non mo devolveron. a cambio, a mesma persoa prestoume Las canciones de Bilitis, de pierre louÿs e non llo devolvín. el saíu gañando porque o libro de miro é magnífico e estaba autografado para min.
7. un libro que relerías
eses libros que dixen que cambiaron o meu modo de mirar a poesía linos moitas moitas veces. tamén a poesía de borges.
8. un libro para agasallar a cegas
o ático de arsenio iglesias, claro. o outono aquí de mario regueira, que dixo a raíña vermella, tamén.
9. un libro que te sorprendeu para ben
teño unha memoria pésima para o que leo. e son moi selectivo e despiadado: se non me convences na páxina dez déixote sen dubidalo. pero, curiosamente, lembro máis os libros que deixei que os que rematei. un que me encantou no seu día e pilloume por sorpresa foi morrer na herba, de aníbal malvar. por dicir algo.
10. un dos primeiros libros que liches na escola
libros, libros, así enteiros… unha cousa que se chama juvenilia, que me mandaron ler para o exame de ingreso ao instituto. non estaba mal pero non o relería. xa despois ficciones, de borges. os primeiros libros enteiros linos na casa. os dous que lembro con máis cariño son de maría elena walsh: cuentopos de gulubú e dailan kifki (este estámolo lendo meu fillo e mais eu polas noites).
11. un libro que roubaches
só lembro roubar un libro na miña vida: textos de sombra y últimos poemas, de pizarnik, nunha libraría da avenida corrientes, en buenos aires. preguntei o prezo dun libro, penso que era un de juan gelman, e dixéronme unha cifra tan obscenamente alta que me cabreei e roubei (outro, que non era cousa de roubar un libro demasiado caro). marchei da libraría cun agobio enorme que non se me pasara cando levaba bastante tempo camiñando entre a moita xente que hai sempre por corrientes.
12. un libro que atoparas perdido
non lembro tal cousa. hai pouco, iso si, collín un exemplar da memoria solar, de luz pozo, que estaba nun andel de “libros para coller” na porta da biblioteca do ágora, na coruña.
13. o autor do que máis libros tes
tería que contar pero teño moitas novelas de paul auster. case todas. mesmoa as malas. e é o único autor que agora mesmo me veña á cabeza ao que lle lin até o final mesmo as novelas que non me gustaron.
14. un libro valioso
teño dous exemplares da primeira edición de árbol de diana, de pizarnik. non sei se son moi valiosos porque se eu teño dous… pero é a cousa máis rara que teño. tamén teño fotocopiadas unhas edicións de pizarnik que estaban nunha biblioteca da universidade de buenos aires con adicatorias feitas pola autora.
15. o libro que estás a ler agora mesmo
isto xa o contestei máis arriba.
16. un libro que prohibirías
non, non. non prohibiría ningún libro. xente si: hai algunha xente que debería estar prohibida.
17. un libro que levas tempo querendo ler
en xeral o que quero ler, léoo sen máis voltas… sempre hai dous ou tres agardando na cola pero agora mesmo non me dou conta de ningún que sexa unha vella débeda.
18. o próximo libro que vas ler
sempre pode cambiar pero, cando termine con feijoo, seguramente lea más respeto que soy tu madre (de casciari). lino no blog pero agora teño o libro e quero volver lelo. estou casciari-adicto ultimamente. en xeral son bastante venado para a lectura: cando pillo unha teima, afundo nela ata fartarme. o de casciari está ben porque, ademais de todo, río moito. e iso é bo por onde se mire.
19. o libro que non lerías endexamais
non sei así, a bote pronto. pero eu non anatematizo libros porque, se son malos, como xa expliquei non me fan perder moito tempo: logo déixoos.
20. a túa triloxía ou saga preferida
o señor dos aneis, claro. lina completa, o hobbit incluído, varias veces (este podía entrar nesoutra pregunta anterior dos libros que relín, pero a resposta estaba tan poética que este quedou fóra).
feito. e penso que esta pola da cadea vaise cortar aquí aínda que iso signifique que vou ter unha enfermidade grave ou problemas no traballo nos próximos 7 días.