ir ao contido →

xira de baleas

(actualizado 29/03 22:27h)

hai xa algunhas semanas ando a voltas con presentacións do novo libro. a primeira foi, como non podía ser doutro xeito, en malpica. o día da tradicional cea das letras, na que se dá a coñecer o gañador (neste caso as gañadoras) do premio illas sisargas e preséntase o libro gañador do ano pasado (desta volta home invisible, de xavier queipo). foi un acto sinxelo porque ese día había unha morea de actividades e xusto a continuación da presentación había unha actuación de tino vaz.
foi unha semana intensa en malpica na que lembramos a paco souto e todo o que deixou sementado alí e segue a medrar.

a primeira presentación grande foi na chan da pólvora, en compostela. o 17 de novembro. acompañoume ariel ninas coa sanfona. a libraría estaba chea de amigos e amigas (e algúns parentes, como ben describía a szymborska no poema que hai anos lía miro villar nos recitais).

a seguinte escala foi en foz, o 1 de decembro na libraría bahía. o acto presentouno mar corbelle, en representación da asociación a pomba do arco que botou unha man grande na organización e difusión do acto. o libro introduciuno arsenio iglesias pazos (que ía de bilbo para maniños e fixo unha escala). (grazas cielo! gracias paula!)
dese acto hai un vídeo estupendo que fixo ignacio castro e que podedes ver aquí:

e aquí algunhas fotos.

o sábado 9 de decembro as miñas baleas e mais eu acompañamos a rodrigo costoya que presentaba o seu portosanto no porto do son, no marco dos cafés con libros que organizou a editorial toxosoutos (grazas, patricia!).

o 21 de decembro estiven en radio fene como convidado do clube de lectura que alí dirixe henrique sanfiz (con andrés c.m.riveira, esther val e diana castro).

o 2017 pechou por todo o alto en vigo. o 29 no café detrás do marco presentamos o libro acompañado por mig seoane, nacho muñoz (madamme cell) e macarena montesinos. meu irmán nico fixo algunhas fotos da sesión. son poucas pero son moi bonitas:

xaneiro comezou en lalín, o 3 no casino. celso fernández sanmartín fixo a presentación do libro e benxa otero puxo fermosa música.
as presentacións de celso sempre son improvisadas sobre un guión. e os apuntamentos que fai son, como os seus textos, unha fiestra aberta a mundos novos nos que moitas cousas cómpre volvelas crear (facendo clic, pódense ampliar):

o 11 de xaneiro estiven no mercado vello das pontes acompañado por, ana seijo, unha personiña á que moito quero e que fixo belezas coa súa sanfona de seu avó. foi moi moi bonito e estivemos arrodeados de amigos e amigas xenerosos.

ao día seguinte, 12 de xaneiro, en allariz, a xente de aira das letras, organizou unha interesante conversa sobre o libro con césar lorenzo, un dos editores do recentemente creado selo editorial que leva o nome da libraría. fan cousas preciosas nos seus libros. e conversamos moi a gusto na galería circular.

o 23 de xaneiro, o poeta e mariñeiro xosé iglesias acompañoume a presentar o libro no local da asociación veciñal agra do orzán, na coruña. estivemos moi a gusto e, ao remate, houbo xente que se achegou (non unha nin dúas persoas) a dicirnos o ben que o pasaran. eu crinlles e agradecinlles a súa xenerosidade de cariño, palabras e tempo. as baleas agasállanme estas cousas.

o 26 de febreiro paramos na libraría paz, en pontevedra. e tokio estivo alí debuxando baleas que viñeron para a casa comigo. velaquí dúas fotos que sacou marta dacosta na ocasión.

o 31 pechamos xaneiro en lugo, na libraría trama, onde volveu acompañarme ana seijo coa súa sanfona. as mellores fotos do evento compartiunas VivaLugo en facebook neste album: https://www.facebook.com/vivalugo/posts/333802427105181

o mes de febreiro tivo as seguintes paradas:

o 10 foi no salón da casa de rosalía en padrón. levei comigo a pablo seoane quen lle fixo as beiras ao piano no que tocaba a poeta. foi unha tarde preciosa, rodeados de amigos, e temos que agradecerlla a anxo angueira, presidente da fundación.

o 20, fixemos unha parada no clube de lectura que se reúne desde hai xa máis de dez anos no ateneo-valle-inclán de ribeira (1º andar do bar plaza). foi moi especial porque me acompañou fernando tomasenía, amigo meu de toda a vida, co seu acordeón transatlántico. fernando e o acordeó viñeron desde arxentina para a ocasión (máis ou menos). pasámolo tan tan ben…

e pechemos febreiro o 23 na libraría lea, en ferrol, acompañado por ariel ninas e presentado por andrés c.m.riveira. foi un encontro bonito nun espazo no que se trata os libros con cariño (e á xente, tamén). grazas, carmen!

marzo foi testemuña das tres últimas presentacións da “xira oficial”:

o 3 estiven na casa da cultura de outes, grazas á colaboración do concellaría de cultura e da a.c.terra de outes. presentou o acto ramón blanco, sempre cordial e compañeiro e sentinme como na casa porque outes vai sendo pouco a pouco iso para min. quen me coñece sabe que eu teño a sorte de poder sentirme na casa en moitos lugares de galiza. outes é un dos que máis motivos me brinda. o meu agradecemento para santi da maia, o técnico de cultura do concello, un dos imprescindíbeis -que dicía creo que brecht-, que encheu de baleas a saliña da primeira planta da casa da cultura.

a xente da a.c.terra de outes compartiu algunhas fotos: https://www.facebook.com/outesculturaemocidade/posts/1339960986150148

o 10 estiven en sarria. foi unha sesión vermú moi particular na travesía dos soños, acompañado por ana seijo e benxa otero, e que foi posíbel grazas á colaboración da a.c.ergueitos (en xeral) e de maría casar (en particular).

hai tamén unhas fotos en facebook que compartiu a xente de ergueitos: https://www.facebook.com/ergueitos.ac/posts/1527281447370823

e o 17 tivemos un fin de xira de altura en bueu, no museo massó, grazas ao traballo de fernando miranda (libraría miranda) e de míriam ferradáns. a xente do museo implicouse moitísimo na organización e deixounos unha sala fermosa chea de barcos e recendo a mar. o acto presentouno míriam, tokio estivo deseñando baleas en directo e fixeron unha sesión de impro desas que saben facer tan ben mig seoane, madamme cell e macarena montesinos.

marta dacosta, en funcións de deseñadora consorte, fixo unhas fotos da sesión e compartiunas no seu facebook: https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso/posts/1732512553499286

e, aínda que a xira oficial xa rematou, haberá algunhas presentacións máis “fóra de programa”:
na libraría komic de compostela
en rois,
ma laracha,
en moaña
e na biblioteca rego da balsa, de carballo.

aquí, o mapa

publicado en actualidade de baleas presentacións recitais

comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará