ir ao contido →

“ellis island” de georges perec

antes de rematar o ano tiven nas miñas mans un exemplar de ellis island, de georges perec, editado en galego por franouren.

Ellis Island

son lector devoto de perec desde que, hai xa uns cantos anos, caeu nas miñas mans un exemplar de la vie, mode d’emploi na edición de compactos anagrama.

encantoume tamén el gabinete de un aficionado (descoñezo o título orixinal, lino tamén traducido ao español).

un día topei nunha libraría de buenos aires cun exemplar de ellis island. era unha edición arxentina. lin boa parte do libro alí mesmo e fiquei impresionado: ten ese xeito de explicar o mundo a través da descrición detallada, tan propio de perec, esa asombrosa facilidade para profundar nas emocións sendo aparentemente frío e matemático, obxectivo e fotográfico.

merquei varios exemplares e, á volta, regaleillo a algúns amigos.

o libro é a parte escrita por perec do guión dun documental feito para a televisión pública francesa sobre ellis island: un illote na entrada da bahía de nova york onde estiveron situadas durante moitos anos as oficinas do control de inmigración. todas cantas persoas tentaron entrar nos estados unidos durante a primeira metade do século XX pasaron por alí. alí eran identificados, inspeccionados, interrogados e, finalmente, aceptados ou rexeitados.

aquel edificio era, para os que chegaban, a porta (aberta ou pechada) a unha oportunidade que europa lles negara.

cando quedei sen exemplares tentei mercar máis e foi alí que descubrín que o libro, en toda a península, non estaba editado máis que en catalán. entón decidinme a traducilo e, cando o traballo estivo feito, coñecín á xente de franouren e… o resultado xa está nas librarías.

o guión está presentado en verso. non vou tentar aquí determinar se se trata de poesía ou prosa. eu lino como poesía e como poesía traducino. porque dei por suposto que ese modo de tentar explicar o mundo (un mundo, un dos posíbeis) só era abordábel desde unha visión lírica.

pero decidídeo vós mesmos. confío en que non vos ha defraudar.

 

publicado en ellis island publicacións

2 comentarios

  1. […] Pois ben, aquel guión literario ve agora luz en galego co título abreviado de Ellis Island da man de Franouren Edicións, selo de tan curta como interesante andaina, que nos ofrece aquí un texto referencial en pulcra tradución do poeta Eduardo Estévez. […]

os comentarios están pechados