antonte tiven nas miñas mans (fugazmente) un exemplar deste libro que vén de saír do prelo e, segundo me comentan, xa está nas librarías (ou, cando menos, en couceiro).
a autora é anabel alonso, activísima bibliotecaria municipal nas pontes de garcía rodríguez.
participou (os lectores dirán se con ou sen proveito, eu voto por “con” e “con nota”) do obradoiro literario que coordinei nas pontes durante uns anos.
pero o mérito é dela, que xa traía consigo material abondo para enfrontar a tarefa de sacar adiante este feixe de relatos nos que pequenos xestos trazan con delicadeza e precisión tanto o perfil dos personaxes como o fío de historias construídas ao estilo clásico, coa tensión narrativa exacta para arrastrarnos sempre até o final e deixarnos na última liña o regusto do texto ben resolto.
o libro está editado en morgante e chega a tempo para ser un bo presente de nadal.
e eu estou máis contento e orgulloso que se fose eu o autor.