así enunciábase o exercicio cando estaba eu na primaria (alá lonxe no tempo e na distancia). e, afinal, ten moito que ver cunha actividade que me tocou, nos últimos anos (e non tan últimos) desenvolver algunhas veces.
onte, conversando con yolanda castaño, que veu convidada ao obradoiro que coordino en fene, volveume o tema e estiven dándolle voltas.
cando me chaman pedíndome un “texto sobre”, acabo dicindo case sempre que si. despois (cando a encarga é con tempo) paso pola etapa do arrepentimento: boto días adiando o asunto, doulle infinitas voltas que non parecen levar a ningures, empezo unha ducia de borradores inútiles, falo do tema con xente coa esperanza de abrir unha conversa que dea luz (isto é unha das mellores fontes para este tipo de textos). pero, en síntese, sempre dá moitísimo traballo, moitísima comedura de cabeza.
supoño que a dificuldade está na falta de práctica, porque un está afeito a escribir sempre sobre o que lle apetece. pero, ao final, resulta ser un exercicio interesante. cómpre mergullar en sitios da cabeza polos que non andas decote, exercitar a capacidade de evocación das cousas…
afortunadamente (para min) o resultado destas aventuras adoita deixarme bastante satisfeito. xa non digo pola calidade do texto (iso déixovolo), senón por esa sensación boa de que fun quen de saltar o valado, de chegar ao final do camiño, cando menos a un final.
hai pouco publiquei aquí un poema escrito por encarga: o que aparece no volume pel con pel editado por galaxia e fedegalma para promocionar a lactancia materna.
quero deixar agora outros dous.
o primeiro está publicado na rede. foi escrito por encarga da xente de vieiros (r.i.p.) e o “tema” era “o 11-s”. por obra da tecnoloxía e do copy-left por defecto ten varias versións na rede (todas, agás a primeira, coa mesma gralla). hai tamén unha edición en papel, no nº 29 (penso) da revista dorna.
a única escenografía
que se require
é un sofá
a guerra televisada é
deus contra deus
din que recollen
cadáveres
entre os cascallos
que diferencia hai
entre un morto e dez mil?
os mortos
non teñen cara na tele
e se son
americanos
subirán aínda máis
as accións
da industria armamentista?
baixarán
iso si
as das liñas aéreas
lembrádeme que fale disto
co meu axente
de viaxes
para as próximas vacacións
que faga as reservas
en autobús
e co de bolsa tamén
que venda e compre
venda
e compre
agora teño que ir
a por galletas
que se acabou o paquete
foi xusto cando a torre
norte
ruía para sempre
na tele
teño que estar preparado
por se mañá alguén
ataca o meu sofá
por decisión ou erro
a miña morte
non vos preocupedes
pasará por danos colaterais
e a victoria será de deus
tanto teñen as cores
da súa bandeira
o segundo poema saíu publicado no volume polifonías 2, que editaron, con motivo do día de loita contra a violencia de xénero, espiral maior e a dirección xeral de igualdade da xunta na época do bipartito (tamén r.i.p.).
habitación 204
día 1
m estivo aquí
dúas semanas despois da súa voda
ao outro día tiña que visitar un cliente
día 2
b ficou unha noite
viaxaba na procura de
localizacións para unha película
día 4
g chegou tan canso
que quedou durmido
cos zapatos postos
día 6
t e mais x pasaron aquí a súa
primeira noite xuntos
día 9
r estivera decote no hotel
pero nunca antes lle deran este cuarto
día 10
c chorou toda a noite
porque a súa muller
acababa de deixalo
día 11
j durmiu aquí os seis días que durou
o tratamento de súa irmá
nunha clínica veciña
día 18
w caeu na bañeira e fíxose
unha pequena ferida na fronte
día 20
h durmía profundamente
a noite do terremoto
día 23
a non desfixo sequera a cama
chegou tarde e pasou
toda a noite escribindo
día 24
k quería agardar esperta
unha chamada importante
pero o teléfono arrincouna
dun sono intranquilo
día 25
d bateu en h
ata a inconciencia
e deambulou pola cidade sen rumbo
o resto da noite
día 26
b e n reuníronse aquí
e aquí pecharon
un acordo comercial proveitoso
día 28
f pasou toda a noite
falando por teléfono
co seu pai doente
día 29
a g cambiárono para esta habitación
a última noite
porque no seu cuarto
estaba obstruído o desaugue
día 30
v desfixo a maleta ao chegar
deitou durmiu catro horas
e volveu facer a maleta pola mañá
antes de irse