O Espazo Caritel é unha desas pequenas alfaias agochadas que non sempre é doado atopar cando andas de viaxe. Situado no interior do concello mariñán de Foz, ao pé da Basílica de San Martiño, é un espazo orixinal e delicado que non deixa indiferente a ninguén.
Se pensamos en Foz, pensamos en praia, acantilados, o Cantábrico en todo o seu esplendor. Foz tamén é un concello atractivo para observadores de aves xa que a vila está situada a carón dun esteiro que, non por degradado -que o está- perdeu o seu atractivo. E, para os amantes da arquitectura, conta cunha das xoias da Mariña: a Basílica de San Martiño, unha antiga catedral románica do século XII, que foi sede da diócese de Mondoñedo até que foi trasladada máis ao interior (á actual vila de Mondoñedo) para arredarse dos ataques vikingos.
Ao pé deste monumento indispensábel está situado o Espazo Caritel. Foi creado polo artista Caxigueiro, escultor, especializado en cerámica artística pero que tamén desenvolve a súa obra en formato de instalacións e, máis recentemente, fotografía. Trátase dunha figura relevante no contexto da plástica galega actual e a súa obra fai parte de diversas coleccións de relevo como a d’A Fundación (antiga fundación das caixas de aforro galegas).
Caxigueiro ten aquí o seu obradoiro e preparou un espazo expositivo no que poden verse algunhas das súas obras máis emblemáticas. A un lado do obradoiro (e detrás da casa familiar) hai un xardín que o artista foi creando aos poucos durante moitos anos até acadar o grande interese botánico que hoxe ten.
A visita ao Espazo Caritel é guiada polo propio artista (ocasionalmente por Flor, a súa muller, quen se ocupa das visitas en inglés). Comeza polo xardín, onde explica de forma amena diferentes historias e curiosidades sobre a diversidade botánica que acolle.
Hai aquí árbores e plantas de case todos os continentes pero o xardín está especializado en camelias, hortensias e fentos.
Ten máis de 100 variedades de camelias polo que o inverno e o comezo da primavera son unha época moi interesante para achegarse até aquí. A continuación unha montaxe que fixen con algunhas das variedades que estaban en flor en abril do ano pasado.
Tamén ten unha grande variedade de hortensias que dan vida ao xardín en épocas de maior temperatura. Algunhas son moi curiosas e orixinais:
E unha boa selección de fentos, tanto autóctonos como foráneos. Na foto, un dos exemplares arbóreos cos que conta o espazo:
Durante o paseo, o xardín depara tamén sorpresas, xa que o artista ten algunhas das súas pezas situadas en espazos que se fan máxicos pero que el amosa e percorre con naturalidade. Por exemplo, esta instalación con libros no medio de fentos de diversas variedades.
Caxigueiro é un namorado do seu xardín e realiza a visita con mimo. E, cando atopa interlocutores interesados, a visita pode estenderse tanto como o visitante desexe. Pouco a pouco vaise un sentindo como na casa e realmente custa marchar dalí.
Con todo e seren camelias, hortensias e fentos as estrelas do xardín, eu teño especial querencia por algunhas das árbores: un exemplar de araucaria, árbore nacional de Chile e con moita presenza nos Andes austrais (na provincia de Neuquén en Arxentina, hai un fantástico bosque desta especie), un Ceibo, flor nacional da Argentina e a miña zona preferida: un pequeno recuncho xaponés con diversas variedades de arces coas súas follas de diferentes tonalidades que van do amarelo ou o verde fresco ao vermello escuro.
Para o final da visita queda a parte, ao meu ver, máis interesante: Caxigueiro percorre contigo o seu pequeno centro de exposicións, explica como traballa e dá claves sobre a súa obra que interesan tanto ás persoas familiarizadas con este tipo de expresións como ás máis novatas. É unha ocasión única para coñecer de primeira man a obra dun dos artistas máis importantes do panorama galego contemporáneo.
En suma, un espazo que, para min, ben xustifica unha excursión á Mariña.
NOTA: ten horarios variábeis dependendo da época do ano. Nalgúns meses, mesmo é preciso chamar antes para concertar a visita. A información de contacto está na páxina do Espazo Caritel en Facebook.
(Algunhas das fotografías fíxenas eu mesmo, outras están tomadas do Facebook do Espazo.)