Covelo

Hai pouco estivemos pasando unha fin de semana en Covelo. Para quen non o saiba, é un concello situado ao sur-leste da provincia de Pontevedra, na comarca da Paradanta. A orografía do concello é a típica da montaña galega, de orixe paleozoica, moi desgastadas, polo que, en xeral, presentan un perfil de ondulacións suaves. En concreto, o concello de Covelo está situado na Serra do Suído.

Para empezar, aloxámonos na Rectoral de Fofe, un pequeno hotel rural situado nunha antiga casa reitoral que, segundo contan na casa, chegou a albergar sete curas. A restauración do edificio é coidada, o lugar é extremadamente tranquilo e as vistas sobre o val do Tea son espectaculares. Ten un pequeno restaurante que ofrece unha comida correcta nun menú curto de opcións pero caseiro e a un prezo razoable. A atención, tanto na casa como no restaurante, é moi coidada.

O noso plan para a fin de semana era facer rutas a pé pero tocounos chuvia polo que cumpría cambiar o plan. Na casa atopamos un par de libros interesantes: o volume adicado ao concello de Covelo da serie de guías de cruces, cruceiros e petos de ánimas, de Estanislao Fernández de la Cigoña e Andrés Sampedro Fernández editada pola Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía e un coidado volume publicado polo Bispado de Tui con todas as igrexas, capelas e ermidas do arciprestado de Montes-Mondariz no que están integradas as parroquias de Covelo: un libro cheo de fotos a cor e con detallada información de cada un dos templos da zona. Xa que logo, decidimos dar unha volta para ver en vivo as igrexas e mais os cruceiros que máis nos chamaron a atención.

San Salvador de Maceira

Non lonxe de Fofe atopamos esta igrexa. A estrada pasa polo lado e, atravesándoa, hai un interesante cruceiro atribuído a un tal “mestre Argibay” do que non atopamos outra referencia. A cruz é de brazos cilíndricos, polo lado da fronte o Cristo semella estar xa morto e un anxo achégalle un cáliz. No envés, unha imaxe da Virxe coroada por dous anxos que conserva algunha policromía.

San Salvador de Maceira – Covelo – Cruceiro (Cristo)
San Salvador de Maceira – Covelo – Cruceiro (envés)

A columna, de corte hexagonal, rematada cun capitel corintio de volutas, está decorada ao longo do fuste con diferentes figuras.

San Salvador de Maceira – Covelo – Cruceiro (figuras da columna)

Cruceiro de Covelo

Na praza situada diante do edificio do Concello e a un lado da igrexa parroquial, atópase o Cruceiro do Cristo dos Aflixidos, obra de Xosé Cerviño. Este mestre canteiro, autor do célebre Cruceiro de Hío (en Cangas), é acaso o máis afamado autor de cruceiros de Galiza. Dixo del Castelao: “Calviño foi xenial e revolucionario, capaz de trocar os sinxelos cruceiros en grandes calvarios, ao xeito dos que se erguen na Bretaña. Estaba posuído da súa xenialidade até o estremo de saír máis caro pol-o viño que bebía que pol-o diñeiro que cobraba” (As cruces de pedra na Galiza, texto citado na web do Concello de Covelo) (Castelao di “Calviño” pero é a Xosé Cerviño, tamén coñecido como Pepe da Pena, a quen se refire.)

A obra está repartida en tres niveis: na parte superior, no extremo da columna, sobre o capitel corintio, o Cristo morto, nunha cruz de brazos cilíndricos, como a de Maceira. No envés, como é habitual, a Virxe Dolorosa.

Cruceiro de Covelo (Cristo)

Ao pé da columna, cilíndrica, Adán e Eva expulsados do Paraíso, sobre unha peaña adosada nun lateral da columna.

Cruceiro de Covelo (Adán e Eva)

O cruceiro está situado sobre unha grande base. Encima desta base, catro figuras de bo tamaño representan a agricultura, a industria, a xustiza e as artes, alegorías profanas que representan o progreso. Estas figuras fan do cruceiro unha obra única en Galiza xa que non hai outro caso de representacións profanas en cruceiros. Existen, porén outras dúas interpretacións destas figuras: unha, tamén profana, que fai referencia ás artes liberais: a arquitectura, a escultura, a pintura e a música e unha última que as sitúa no estrito marco da imaxinería relixiosa, asignándolles a representación das catro virtudes cardinais: fortaleza, temperanza, xustiza e prudencia.

Cruceiro de Covelo (alegorías)

Santo Estevo de Casteláns

Esta pequena igrexa está situada ao sur da cabeceira do concello. Data do século XVIII, en concreto de 1766, ano en que foi derruída unha antiga ermida adicada a Santa Ana que había no lugar. O templo conserva os chans de pedra e foille retirado o cal das paredes deixando a pedra á vista. A nave ten bóveda de canón lixeiramente apuntada e o teito de madeira e cemento está encalado.

O retablo e a capela principal foron reconstruídas tras un derrubamento acontecido nos anos 70 do século pasado.

Santo Estevo de Casteláns – Covelo

No interior da igrexa destaca unha táboa de ánimas que puido pertencer a un dos retablos perdidos e unha pía bautismal policromada. A carón da igrexa hai un clube social onde estaba reunido un animado grupo de veciños e veciñas. Alí preguntamos e unha das veciñas, que tiña a chave, abriunos o templo e contounos algunhas destas cousas.

Conxunto parroquial de Barciademera

Existen referencias á actividade relixiosa en Barciademera (escrito todo xunto ou, tamén, separado) desde o século XII. Houbo na contorna da igrexa actual un mosteiro dos monxes bernardos, dependente do de Melón, pero as terras foron cedidas no século XVII ao Condado de Salvaterra. A finais do século anterior hai constancia de que o estado da igrexa era deplorable. A partir de 1616, cando as achegas monetarias desde as colonias americanas comezan a facer prosperar novamente os templos, inícianse os proxectos de construción da actual igrexa parroquial de San Martiño. Os traballos da fábrica comezan en 1676 e desenvolveranse en dúas fases: na primeira, até 1733, érguese a maior parte do templo. A segunda etapa remata sete anos máis tarde e inclúe a construción das bóvedas, da cuberta e mais da sancristía. En 1992 realizouse unha restauración das pinturas e das cubertas.

Barciademera – Covelo – Igrexa parroquial de San Martiño (Fachada)

Todo o templo é barroco. Na fachada, sobre a porta rectangular enmarcada en pilastras, unha fornela acolle a imaxe de San Martiño cos atributos episcopais. Sobre a imaxe, unha ventá, enmarcada tamén en pilastras semellantes ás da porta pero máis pequenas. Todos os elementos teñen pequenas decoracións vexetais e os típicos remates piramidais con esferas. No remate da fachada, nunha pequena fornela con remate venerado, unha imaxe de Santa Bárbara.

Barciademera – Covelo – Igrexa de San Martiño (Imaxe do santo na fachada)
Barciademera – Covelo – Igrexa de San Martiño (Imaxe de Santa Bárbara na fachada)

A planta do templo é de cruz latina, cunha capela maior bastante grande, do mesmo largo que o da nave pero máis alta. É de factura esvelta, con bóvedas de cruzaría estrelada. A nave está dividida en dous tramos de diferente lonxitude separados por arcos faixóns. Ten decoración de policromía, restaurada nos traballos de finais do século XX. Na imaxe seguinte pode apreciarse ao fondo a diferenza de altura entre a nave e a capela maior.

Barciademera – Covelo – Igrexa de San Martiño (nave) (faga clic para ampliar)

As claves están decoradas con baixorrelevos e policromadas. Represéntanse nelas cinco personaxes: San Martiño con báculo e mitra e os padres da Igrexa: San Xerome, Santo Ambrosio, San Gregorio e Santo Agostiño.

Barciademera – Covelo – Igrexa de San Martiño (clave de San Martiño)

Todo o templo ten interesantes retablos cheos de cor. Nos laterais da nave, dous retablos enfrontados están adicados respectivamente á Virxe do Carme e a San Xosé. Son análogos, diferenciándose notablemente pola paleta cromática. No da Virxe do Carme aparecen tamén os santos xesuitas Ignacio de Loiola e Francisco Xavier. San Xosé está acompañado por San Brais e San Roque. Non se coñece o autor destes retablos pero teñen unha inscrición que data a súa fábrica en 1808.

Barciademera – Covelo – Igrexa de San Martiño (retablo de San Xosé)
Barciademera – Covelo – Igrexa de San Martiño (retablo do Carme)

No brazo sur do cruceiro hai un fermoso altar e retablo da Virxe do Rosario no que a Virxe aparece acompañada, nas fornelas das rúas laterais, polas imaxes de seus pais, San Xoaquín e Santa Ana.

Barciademera – Covelo – Igrexa de San Martiño (altar e retablo da Virxe do Rosario)

No brazo norte do cruceiro sitúase o altar e retablo de Ánimas ou do Santo Cristo. Tanto este retablo como o anterior son obra do mestre Francisco Alonso de Castro, veciño de Porriño, autor tamén do retablo das reliquias da Catedral de Tui.

O Cristo, de tamaño case natural, aparece no centro do retablo, enmarcado nunha profusa decoración dourada e policromada con motivos vexetais. No centro, debaixo do Crucificado, un altorrelevo das Ánimas. Nas fornelas laterais hai unha imaxe de San Xoán e outra de San Lázaro que, a todas luces, non corresponde aquí. No seu lugar debeu haber en orixe unha Virxe Dolorosa.

Barciademera – Covelo – Igrexa de San Martiño (altar e retablo de Ánimas ou do Santo Cristo)

Para poder visitar a igrexa houbemos achegarnos un pouco antes da hora da misa, o domingo pola mañá.

Nesta igrexa desenvólvese no verán un ciclo de concertos, iniciativa do cura con quen tivemos ocasión de conversar. Un home novo, amable e interesado en darlle vida á comunidade e ao templo.

Contigua á igrexa atópase a que fora casa reitoral. O edificio ten unha fachada barroca moi decorada. A casa está abandonada.

Barciademera – Covelo – Reitoral

Baldomar

Por último, faremos mención a dúas pezas interesantes situadas neste lugar ao sur do núcleo de Covelo. En primeiro termo, no camiño de acceso á igrexa de Santa Mariña, un cruceiro de interesante factura. A cruz, como nos anteriores, é de brazos cilíndricos. Na parte dianteira, o cristo xa morto tamén está acompañado polo anxo que lle brinda o cáliz. No envés, a imaxe da Virxe Dolorosa. Dous personaxes aparecen sobre a Virxe pero corresponden á parte dianteira da escultura: un co martelo e o outro que ten na man o INRI que vén de retirar da cruz.

Nosa Señora ao pé da Cruz – Baldomar – Covelo – Cruceiro (Cristo)
Nosa Señora ao pé da Cruz – Baldomar – Covelo – Cruceiro (envés)

A columna comeza circular pero despois faise hexagonal. Remata nun capitel piramidal invertido con decoración de follas de acanto e volutas.

No pé da columna, do lado da Dolorosa, unha representación das Ánimas. Na parte inferior, algúns rostros aparecen rodeados de lume. Enriba, un grupo máis numeroso cos rostros tranquilos mirando case todos cara ao Salvador que se encontra xusto enriba delas.

Nosa Señora ao pé da Cruz – Baldomar – Covelo – Cruceiro (representación das Ánimas)

Non hai constancia da autoría do cruceiro pero a súa similitude co de Maceira permite atribuílo ao mesmo autor.

Próximo á igrexa de Santa Mariña e ao cruceiro, no lugar das Óseas, atópase o Santuario da Nosa Señora ao pé da Cruz ou igrexa da Santa Cruz. Para poder visitala, acompañounos un veciño ao que localizamos na súa casa, preto do cruceiro.

As primeiras novas deste templo datan de 1711. As obras non rematarán até mediado o século XVIII. Con todo, o culto público non se concede até ben avanzado o século XIX. Entre 2000 e 2006 fíxose unha restauración completa do santuario aínda que os veciños comentan que a obra non quedou ben rematada e seguen a ter problemas de humidades na cuberta.

Na fachada chama a atención o reloxo que ten un mecanismo de contrapesos que pode verse (e escoitarse) dentro do templo.

Santa Cruz de Baldomar – máquina do reloxo

O paso á nave está pechado por unha reixaría de madeira policromada.

Santa Cruz de Baldomar – Reixería interior

A planta é de cruz latina. A bóveda da nave é de madeira. A bóveda do cruceiro é de cruzaría. Os nervios susténtanse en ménsulas esquinais. A clave está decorada cun altorrelevo policromado cun sol. Nos cuartos que forman os nervios, próximos á clave, sitúanse unhas pedras talladas e policromadas con representacións florais en tres delas e, na cuarta, o Espírito Santo e unha media lúa.

Santa Cruz de Baldomar – Clave da bóveda do cruceiro

A capela maior, algo máis alta que a nave central, ten bóveda de canón con casetóns decorados con policromía. O retablo, exento, é un interesante exemplo de imaxinaría popular. Todas as figuras son escenas relativas á paixón de Cristo.

O camarín central mostra a escena do descendemento, con Cristo nos brazos de súa nai. Nos laterais, a coroación de espiñas e a oración en Xetsemaní. Na parte traseira, a flaxelación.

Santa Cruz de Baldomar – Descendemento na parte dianteira do retablo
Santa Cruz de Baldomar – a oración no horto de Xetsemaní nun dos laterais do retablo
Santa Cruz de Baldomar – Flaxelación na parte posterior do retablo (facer clic para ampliar)

Nesta igrexa, como en moitas outras de Galiza, celébrase cada ano en Venres Santo a cerimonia do desencravo. O privilexio desta celebración está na orixe da edificación do templo.

A paisaxe

Igrexas como estas e cruceiros máis ou menos interesantes hai en diferentes lugares da Galiza. O que engade interese a estas do concello de Covelo é a contorna na que están situadas, na Serra do Suído. A paisaxe é, pois, un elemento fundamental.

Como xa comentei, o noso plan para esta fin de semana era facer sendeirismo pero o tempo non acompañou. Porén, aquí deixo unhas poucas imaxes da paisaxe na zona. Sempre hai opción de quitar algunha foto.

Cabalos salvaxes na estrada preto de Barciademera
Río Tea – Covelo
Camiño desde Barciademera á igrexa de San Martiño
Val do río Alén desde a igrexa de San Martiño – Barciademera – Covelo

https://drive.google.com/open?id=1vb511cKbaZt7VtQavXDbmmGOMJU&usp=sharing

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.