[sen-fin]
compostela (galiza), edicións positivas, 2019
depósito legal: C 8-2019
isbn: 978-84-949336-6-0
(selección de textos)
no visor da cámara
de alguén sentado
na fila de diante
a silueta da pianista
sobre fondo ocre
a beleza nace
ao intuír o encadre
o resto é técnica
ou mecánica
reproduzo o xesto
a intención
pero o impulso é van
non vou conseguir
a fotografía
cuarto de hotel
o movemento das pólas
detrás das cortinas
translúcidas
fai xogos de luz
no papel da parede
comezan a oírse voces
nun cuarto contiguo
discuten
a cámara permanece fixa
a medida que pasa o tempo
o intercambio sobe de ton
berran e
de súpeto
escóitase un golpe algo que
cae bate rompe
logo
sen que os ollos advirtan
ningunha alteración
recupérase o silencio inicial
deteste diante
dun pequeno bosque
e concéntraste no brión
que medra nas cortizas
observas pola fiestra
dúas violetas
ao pé dun castiñeiro
e aínda que non teñen flores
recoñeces
as pólas novas
que naceron este ano
sorpréndeste cun matiz
da luz do sol que penetra entre as follas
nesa forma oriental
de ollar arredor
de centrarse nos detalles
está a lírica
na conciencia do ineludíbel das mudanzas
a dor
miro na pantalla
unha fotografía
os recordos son
como as bólas
na árbore de nadal
dan brillo á follaxe escura
do esquecemento
pero rompen se caen
na baldosa fría
a lembranza non está no pasado
é un verso
na paisaxe do cotián