ir ao contido →

entrar na casa

construcións, o meu último libro individual publicado en papel, saíu do prelo hai xa case sete anos.
desde aquela pasaron moitas cousas: publiquei en papel un libro en colaboración, fixen unha reedición moi laboriosa e case artesana dun dos meus primeiros libros e, sobre todo, escribín unha serie de poemas semanais para culturagalega.org (non tentedes seguir o link porque está caído desde hai un tempo, póñoo na esperanza de que se restaure) e mais fixen o meu segundo libro-en-construción que xa está rematado e ao que estou a procurarlle o xeito de facelo navegar como penso que merece.
e isto por falar só das cousas “públicas” porque, en privado, seguín escribindo e non pouco. eran tres os libros rematados que permanecían inéditos e esta semana vai ter remedio o primeiro deles.
entrar na casa
entrar na casa é o froito dun moi feliz encontro co fotógrafo mariñán ignacio castro “nachok”. el leu o meu construcións, buscoume na rede e mandoume un mail que traía ao pé esa mesma ligazón que veño de lle poñer ao seu nome neste parágrafo. eu fun mirar onde me levaba e atopei un universo visual que, dun xeito ou doutro, tiña moito que ver coa maneira que eu quería mirar o mundo a través das palabras.
un tempo despois empezamos a escribir este libro, que é unha indagación sobre as pegadas que as persoas deixan nunha casa. os rastros.
non é un libro de poemas ilustrado nin é un libro de fotografías glosadas con textos. entrar na casa é unha construción a catro mans desde o alicerce (varios correos electrónicos nos que conversamos sobre os xeitos de andar o camiño) até o tellado (un sinfín de intercambios -con diversas aportacións externas moi enriquecedoras- sobre a mellor maneira de que todos os obxectos se distribuísen no espazo do papel).
todo o proceso levou, penso, máis de dous anos intensos. e, a continuación, un tempo non pequeno na procura dun editor que se vise capaz de facer un libro con fotos a cor.
e estaleiro editora atreveuse ao que non se atreveron as editoras grandes deste país. e igual é unha mostra de que o futuro (o presente) está neste tipo de iniciativas que son quen de moverse con axilidade neste mundo do libro que muda tan ás présas.
entrar na casa é hoxe unha realidade moi querible. un libro precioso -permítanme que o diga sen falsa modestia- que o ignacio e mais eu debémoslle a moitas persoas: en primeiro lugar, a paz e a maría que nos tiveron moita paciencia durante o proceso (e mais téñenola a diario). a continuación a caxigueiro e a ernesto gonzález torterolo que colaboraron connosco no proceso de atoparlle sentido á visualización de cada páxina e aos fluxos entre elas. tamén a flor que nos abriu sempre a porta da súa casa e alimentou as sesións de traballo non só con comida senón tamén -e sobre todo- con cariño. tamén a mig seoane, que fixo unhas musiquiñas para as presentacións. por último, á xente de estaleiro, en particular a alba viñas, coordinadora da edición, e a nadina b.s. que nos tiveron infinita paciencia durante todo o proceso de pre-produción.
agora empeza un itinerario de presentacións que vai estar partido en dous. neste mes de xuño faremos as dúas primeiras:

venres 05/xuño, 20h, libraría couceiro (en compostela)
venres 12/xuño, 20.30, libraría bahía (foz)

en setembro comezaremos unha pequena xira (ou non tan pequena) por diversos puntos do país.
a maioría das prazas aínda son só ideas e case todas precisan de conversar coas xentes dos locais que temos na cabeciña.
polo de agora nós pensamos (e, nalgúns casos empezamos a conversar) en lalín, a coruña, noia, vigo, malpica, lugo, ferrolterra e, outra vez, compostela.
aceptamos ofertas!

de todos modos, mellor ir aos poucos: este venres, compostela. agardo que poidades acompañarnos. e que vos acheguedes ao libro e que vos abra portas e fiestras novas (que, á fin e ao cabo, é o que debería facer sempre a literatura).

publicado en actualidade entrar na casa eventos presentacións publicacións