ir ao contido →

o meu poema en pel con pel

tiven este soño

 
 

ánimo
un esforciño

achégate sinte
o recendo

abre a boca

onde o límite entre a vontade e o instinto?

colle o bico e
zuga con forza

como se che fose
a vida niso

 
 

a escena está disposta
butaca branca
a lámpada tenue deseña
nas paredes unha cor
morna

na mesiña da sala
tres candeas de lavanda

sen tardar teremos que
quitalas
para que non te queimes
para afastarte da
dor

mantén os ollos
pechos

o mundo seguirá
aí para ti
cando chegues

en que momento o instinto devén
escolla?

a luz reduce
o espazo

foi por que te sentises
acubillada

e non te perdeses tan
pequena

pero non atendas
para min
e come que é
o teu traballo

facerte maior
facerte forte

 
 

fóra
voces

levan todo o día
trasfegando balbordo

e de súpeto

fiussssssss

e

bummmmmm

e abres os ollos

e soltas a teta

respiras

sabes?
fóra están
facendo festa
por ti

fiussssssss fiussssssss

bummmmmm

e entre fogos de
artificio
a sirena dun barco

 
 

baleeiros xa
non quedan

durante uns anos houbo un
agardando o
desmantelamento

levárono despois a
noruega seica

e fixeron del un museo

 
 

xa tes os ollos
outra vez
pechos

e dubidas
como se por un
intre
a nugalla puidese máis
có instinto

sentirá a cría das
baleas
o quentor da pel tersa?

ou será que a súa
calma
está feita dese tacto
brillante e
esvaradío

 
 

e ti sorrís
sen mover os beizos

igual ca o sorriso da
balea cando
canta

que non ri pero
sabes que
celebra

 
 

espertei
o vento africano destes días
deixárame o corpo enchoupado

sentín que pasara a noite toda

pero

fiussssssss fiussssssss

bummmmmm

levanteime

na sala baldeira aínda
unha das velas non
se consumira

incluido no volume pel con pel, galaxia-fedegalma, 2010

publicado en Sen clasificar

2 comentarios

  1. […] saltar o valado, de chegar ao final do camiño, cando menos a un final. hai pouco publiquei aquí un poema escrito por encarga: o que aparece no volume pel con pel editado por galaxia e fedegalma para promocionar a lactancia […]

  2. […] grande e por iso houbemos ler os textos nun pequeno estrado, con atril e micro. eu teño nese libro un texto algo difícil de ler en alto porque é bastante fragmentario e xoga con varias voces. e, a pesar de […]

os comentarios están pechados