a xente do clube de lectura do ies moncho valcárce das pontes ten un blog onde manteñen diversa información sobre as cousas que fan.
no blog hai unha sección “microrrelatos“. a idea é ofertar pequenas lecturas para que se poidan facer directamente no blog, a maiores doutras que se fan en libros e no blog só se comentan.
a curiosidade está en que, nesa sección, incluíron un par de poemas do meu libro construcións. sempre dixen que, a estas alturas da historia da literatura, os límites entre os xéneros son ben discutíbeis, difusos e mesmo innecesarios ou inútiles.
e a min pregúntanme con frecuencia por que digo que construcións é un libro de poesía e non de relatos.
a mirada sistémica diría simplemente que construcións é poesía porque levou un premio de poesía, porque está editado nunha colección de poesía, etcétera. quer dicir: se o sistema o asume como poesía, éo.
eu digo que a poesía está na metonimia que implica a mirada nos detalles. e na preocupación dos textos por plantexar preguntas no canto de ofrecer respostas.
pero o que eu diga pouco importa. o importante é que os lectores collan eses textos e os transformen, os manipulen. os queiran.