Románico na montaña palentina (I)

Esta fin de semana fixemos unha viaxe ao norte da provincia de Palencia. Contra a cara sur da Cordilleira Cantábrica sitúase a rexión chamada “montaña palentina”. Tres son as localidades principais desta rexión, do leste ao oeste, Aguilar de Campoo, Cervera de Pisuerga e Guardo.

Reserváramos un hotel nesta última, Guardo. Trátase dunha vila cun pasado mineiro e un presente con central térmica, pero o noso obxectivo non era o turismo industrial así que non nos detivemos nin mesmo a preguntar se era posíbel visitar as minas (unha opción sempre interesante). Simplemente durmimos alí e, pola mañá do sábado, emprendemos camiño cara ao leste, pola CL-626.

Guardo – Palencia – central térmica

Esta estrada vai bordeando o Parque Natural Fuentes Carrionas y Fuente Cobre polo sur. Segundo puidemos saber, este parque ten un interesante trazado de roteiros a pé pola montaña e algúns hoteis dispoñen de GPS que che prestan para poder guiarte nos camiños (aínda que, seica, están moi ben sinalizados). Outra aventura para a próxima ocasión.

Parque Natural Fuentes Carrionas y Fuente Cobre – Cordillera Cantábrica

A primeira parada prevista era Cervera de Pisuerga. O día anterior chamara á oficina de turismo para confirmar que estaría aberta. A intención era obter alí algún mapa e unha identificación das igrexas e mosteiros máis relevantes para poder comezar a visita con algo de orde.

Pero xa de camiño detivémonos en Pisón de Castrejón para ver a igrexa da Asunción. Desta construción do século XIII destacarei sobre todo a portada gótica da súa cara sur. A porta está enmarcada con cinco arquivoltas de arcos apuntados, o maior deles decorado con motivo xeométrico de panal de abella.

A Asunción – Pisón de Castrejón – Palencia – Portada gótica

Sobre a porta, sitúase un friso tardogótico (probabelmente do século XV) cun Pantocrátor (Cristo en maxestade, sentado no trono celeste, coa destra ergueita impartindo bendición e na sinistra, neste caso, unha esfera -noutros casos sostén un libro que representa os evanxeos-).

O Pantocrátor adoita vir, como nesta ocasión, acompañado do Tetramorfos (alegoría dos catro evanxelistas: o home que representa a San Mateo, a aguia que representa a San Xoán, o león que representa a San Marcos e o touro que representa a San Lucas).

A Asunción – Pisón de Castrejón – Palencia – Pantocrátor

Aos lados do Pantocrátor, doce esculturas pétreas dos doce apóstolos. Cada unha está situada sobre unha peaña na que aparece tallada unha cabeza que penso que representan personaxes do pobo, artesáns ou pequena nobreza. Sobre cada apóstolo, un dosel tamén moi tallado.

A continuación, un detalle do apostolado do pórtico no que podemos ver:
– á esquerda, San Bartolomé (identificado por un coitelo coa folla cara a arriba e unha cadea pola que suxeita o demo que, segundo a lenda, expulsou do corpo da filla do rei de Armenia).
– á dereita, San Tomé (identificado polo cartabón xa que era arquitecto)
– non dei identificado aínda o apóstolo que aparece no centro da foto. Podería ser San Xoán, que moitas veces se representa sen barba, porque era o máis novo dos doce.
– nas peañas que sosteñen a cada un dos apóstolos, pódense ver a decoración de figuras da época.
– na parte superior da imaxe, pode verse os doseis tallados sobre cada un dos apóstolos
– e, por último, o deterioro e, tal vez, burda tentativa de restauración da cabeza de San Tomé (aspecto semellante teñen algunhas outras partes deste friso)

A Asunción – Pisón de Castrejón – Palencia – detalle apostolado

Esta igrexa depara aínda algunha outra sorpresa como a decoración dalgúns canzorros, de factura sinxela pero moi expresivos e ben conservados e a decoración axedrezada e floral dos arcos das ventás da ábsida.

A Asunción – Pisón de Castrejón – Palencia – Selección de canzorros
A Asunción – Pisón de Castrejón – Palencia – Fiestra da ábsida

Seguimos adiante e logo decatámonos de que en todo o camiño hai pequenas igrexas ou paisaxes nas que poderías deterte, garantindo que non vas chegar a Aguilar de Campoo até a noite. Esta construción mineira en Castrejón de la Peña, localidade que ten unha igrexa gótica adicada a Santa Águeda, é só un de tantos exemplos posíbeis.

Castrejón de la Peña – Palencia – Construción mineira

Un empéñase en seguir adiante pero tampouco non é doado resistirse e, por exemplo, en Cubillo de Castrejón detivémonos a ver a pequena igrexa de San Vicente na que nos chamaron a atención uns pequenos capiteis de madeira na portada.

San Vicente – Cubillo de Castrejón – Palencia – capitel lígneo

Xa en Cervera de Pisuerga puidemos comprobar que a oficina de turismo estaba pechada (grrrr para os concellos e as súas oficinas de turismo pechadas cando deberían estar abertas. E “deberían” non é unha expresión de desexo: se chamas a véspera e dinche que van estar abertas, deberían estar abertas, ou, se teñen un cartel na porta cun horario de apertura, bo sería que nese horario abrisen). É unha mágoa porque a vila semella merecer unha pequena visita pero cando me esnafro contra a (mala) administración ofúscome e quítanseme as ganas.

Aínda así, antes de marchar de Cervera de Pisuerga achegámonos a ver a igrexa de Santa María del Castillo, situada nun alto, sobre un rochedo enorme. Esta igrexa foi declarada en 1971 Monumento Histórico Artístico pero a nós non nos chamou nada a atención (non ten que ver co ofuscamento mencionado). Seica no interior ten unha interesante figura da Virxe, policromada, do románico tardío pero a igrexa tamén estaba pechada e non puidemos vela.

Isto das igrexas pechadas é un tema. Pero cómpre recoñecer que, no caso das desta zona, moitas tiñan un cartel na porta cun horario e un teléfono ao que acudir. Non probamos con todas pero, en xeral, a experiencia foi boa, como irei contando.

De Cervera de Pisuerga collemos un desvío cara ao norte pola estrada que vai a Potes. Tras un pequeno paseo duns 15 km chégase á pequena localidade de San Salvador de Cantamuda, dominada pola igrexa do mesmo nome. Nesta bonita construción exenta domina unha espadana con catro campás. Non había cartel ningún na porta pero preguntamos nun supermercado próximo e déronnos a referencia dunha veciña que nos abriu a igrexa. Esta muller non daba explicacións do edificio pero, cando lle preguntamos, aínda nos contou algunha historia.

San Salvador de Cantamuda – Palencia

A igrexa é do século XII. Ten planta de cruz latina (isto é: o brazo que vai dos pés á cabeceira é máis longo que o que o atravesa de esquerda a dereita), cunha soa nave con cruceiro e cabeceira de tres ábsidas. Foi colexiata e mosteiro de San Salvador de Campo de Muga (o topónimo “Cantamuda” provén da deformación deste “Campo de Muga” e non de ningunha señora muda que se puxese a cantar por mor dun milagre do Noso Señor).

Na seguinte imaxe pódense apreciar as bóvedas de canón, o cruceiro na intersección dos dous brazos e a ábsida central rematada en bóveda semiesférica. Albíscanse tamén, aos lados, os pasos ás outras dúas ábsidas.

San Salvador de Cantamuda – Palencia (nave)

Un dos atractivos artísticos desta igrexa é o altar, sostido por unha serie de columnas románicas cos seus fustes e capiteis decorados todos de forma diferente.

San Salvador de Cantamuda – Palencia – columniñas do altar

Outros detalles son unha decoración en madeira policromada que cobre a ábsida dereita (esta ábsida fai funcións de sancristía).

San Salvador de Cantamuda – Palencia – cúpula decorada

Segundo nos comentou a nosa guía informal, este tipo de decoración de madeira estaba por todo o templo e bastante deteriorada, polo que, nunha restauración máis ou menos recente foi retirada, deixando este anaco probabelmente como mostra. A ela parecíalle mal (que retirasen o que retiraron, non que deixasen o que deixaron). Eu xa vira algunha solución de restauración polo estilo na igrexa do mosteiro de Oseira: retirar intervencións posteriores para recuperar o aspecto orixinal do edificio. Imaxino que sempre que se acomete un traballo de restauración cómpre tomar decisións e sempre haberá quen estea de acordo e quen non. A opinión desta señora ou a miña non son relevantes polo que deberemos descansar na decisión dos técnicos. Por outra parte, que remedio nos queda!

O último detalliño no que me deterei é unha figura do Pantocrátor, o Salvador, que preside o templo detrás do altar e da que non conseguín de momento maior información pero que me pareceu moi bonita.

San Salvador de Cantamuda – Palencia – Pantocrator

Despedímonos da señora e collemos camiño de regreso a Cervera de Pisuerga.

Continuará…

(O mapa a continuación ten indicados tanto os lugares que se mencionan nesta entrada como os que mencionaremos nas entradas seguintes.)

2 thoughts on “Románico na montaña palentina (I)”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.