Pasemos agora á parte das visitas culturais. A cidade de León ten varias cousas que se poden visitar pero eu destacaría sobre o resto dúas: a Catedral e o mosteiro de San Isidoro. Se lles puxésemos estrelas Michelín, terían tres cada un, que quere dicir que paga a pena viaxar a León aínda que só sexa para ver calquera destas dúas xoias.
Empecemos pola Catedral: é un edificio do gótico primitivo. A súa construción foi iniciativa do rei Ordoño II, quen cedeu os terreos que ocupaba o seu palacio e que anteriormente foran termas romanas, para que se construíse alí unha catedral como agradecemento a Deus pola vitoria na batalla de Gormaz. Aquela primitiva catedral foi parcialmente destruída por Almanzor no século X e rapidamente reconstruída. Pero no século XI, durante o reinado de Fernando I de León, iniciáronse no lugar as obras de construción dunha nova, en estilo románico, que foi consagrada a finais do século sendo rei Alfonso VI.
A Catedral actual é, pois, a terceira que tivo a cidade de León. Comezouse a construír no século XIII por iniciativa do rei Fernando III, chamado “o Santo” aínda que non está canonizado. O inicio das obras data de 1205 pero, por problemas nas cimentacións, non foi até 1255 que, co apoio do rei Alfonso X o Sabio, a fábrica obtivo o seu impulso definitivo.
Os autores do proxecto non se coñecen con certeza. O que resulta evidente é que o deseño bebe en grande medida do da veciña catedral de Burgos polo que é probábel que os artistas que deseñaron a de León e traballaron nela colaborasen previamente na edificación da de Burgos.
Até a inauguración do templo e a finalización das obras principais pasan poucos anos, arredor de cincuenta, o que fai que a estrutura principal do edificio posúa un estilo bastante uniforme. Os aportes posteriores máis relevantes son o claustro e as torres. O primeiro remataríase no século XIV e as torres, unha no XIV e outra no XV.
O templo está adicado á Virxe. No centro da fachada principal atópase unha imaxe coñecida como a Virxe Branca. Trátase dunha copia. A orixinal está na capela central do transepto. Aínda que actualmente non quedan restos, tratábase dunha escultura policromada e o rostro e as mans da Virxe eran extremadamente brancas, como o rostro e as mans das mulleres da nobreza da época, que non vían a luz do sol polo que a súa brancura de pel diferenciábaas claramente do pobo chan, habituado aos traballos da terra e aos efectos na pel do aire libre.
A reprodución da Virxe da fachada estaba acompañada dunha serie de esculturas que foron recentemente retiradas para estudar (e tentar deter e, acaso, reparar) os efectos da erosión na pedra. Algunhas destas figuras, así como unha explicación dos procesos de estudo que nelas se levan a cabo, poden verse na primeira capela lateral da esquerda, nada máis entrar na Catedral.
Tal como xa dixemos, trátase dunha catedral de estilo gótico. En concreto, do coñecido como gótico inicial ou primitivo: un edificio de liñas longas, naves altísimas sostidas por pilastras estreitas que soportan arcos oxivais, bóvedas de crucería limpas, muros relativamente delgados e arcobotantes exteriores que manteñen en pe a estrutura. Pero a característica sobranceira deste edificio son as súas vidreiras. O propósito didáctico que o románico adoitaba dar á escultura, nesta catedral está nos cristais, unha verdadeira festa de cor e imaxes alucinantes.
O programa iconográfico ocupa diferentes niveis: na altura do chan, uns pequenos arcos cegos simbolizan o mundo mineral. A continuación, temos unha serie de vidreiras que constan de lancetas decoradas con motivos vexetais e, na parte superior, rosetas con figuras humanas en actividades mundanas: os traballos, as virtudes, os pecados. Na altura do triforio, as vidreiras están decoradas con escudos: a clase nobre, situada por riba o pobo chan. E, na parte superior, as magníficas vidreiras de motivos relixiosos, con escenas da Biblia e dos Santos. En liñas xerais, as vidreiras superiores do lado esquerdo, representan escenas e personaxes do Antigo Testamento con predominancia de cores frías. Trátase do lado norte do templo, que nunca recibe a luz do sol polo que está decorada, simbolicamente, cos personaxes que non gozaron da luz de Cristo. Contrariamente, no lado sur, as imaxes da parte alta son as do novo testamento, a Virxe e os santos, iluminados pola salvación, con cores cálidas.
Tocounos unha fin de semana chuviosa polo que o ceo gris repartía ben a luz tanto polas vidreiras do lado sur como polas do norte. Unha situación pouco frecuente no clima leonés. Pero o domingo pola mañá (ademais dunha nevarada respectábel) saíu o sol e puidemos ver como iluminaba as vidreiras do lado dereito dándolle ao edificio un aspecto brillante inesquecíbel.
No centro do templo está situado o coro que anteriormente estaba na cabeceira. Está pechado á parte occidental do edificio por un transcoro barroco (século XVI). Ten catro baixorrelevos realizados en alabastro por Esteban Jordán con escenas da Anunciación, o nacemento de Cristo e a Epifanía. O coro e o transcoro constitúen unha obra de grande factura pero realmente dá mágoa que estea situado alí porque produce un corte indesexábel na imaxe grandiosa daquela nave gótica limpísima.
Outras pezas escultóricas do templo que merecen ser sinaladas son:
os baixorrelevos polícromos do sepulcro do rei Ordoño II,
unha imaxe en pedra policromada da Virxe embarazada, escultura gótica de autor anónimo do século XV,
o retablo do altar maior, obra neogótica montada coas cinco táboas que sobreviviron do retablo gótico de Nicolás Francés do século XV ao que se lle engadiron outras táboas de diversa procedencia. O retablo do século XV fora substituído por un retablo barroco que se retirou ao realizarse a grande restauración do século XIX da que falarei máis adiante. A imaxe da Virxe que actualmente preside o retablo é a única peza que se mantivo do mencionado retablo barroco.
No altar maior, unha arca contén os restos do bispo San Froilán. É obra do século XVI do prateiro Enrique de Arfe.
Na xirola pódense observar algúns vitrais de preciosa factura:
O museo da Catedral merece a pena, por unha banda, pola interesante colección de arte sacro e, por outra, porque permite visitar o claustro: unha impoñente obra gótica, tan diferente dos claustros románicos aos que estamos máis afeitos en Galiza. Neste claustro están agora mesmo expostas as demais figuras que foron recentemente retiradas da fachada.
A visita á Catedral custa 6 € e inclúe unha audioguía. A entrada do museo é de 5 € pero presentando a entrada á Catedral accédese ao museo pagando unicamente un suplemento de 2 €.
Para visitar a Catedral tamén é posíbel contratar os servizos de guías turísticos que forman grupos nos soportais fronte á igrexa. Adoita haber nas columnas unhas follas plastificadas coa información destas visitas guiadas que custan entre 10 e 15 €, inclúen a entrada (sen audioguía) á Catedral e, ademais, unha visita a algúns edificios emblemáticos da zona histórica da cidade. Estas visitas duran aproximadamente dúas horas. Nós contratamos unha delas o sábado e o domingo pola mañá volvemos visitar a Catedral, desta volta coa audioguía. Hai que recoñecer que a audioguía non dá moita máis información que o guía pero si que se pode realizar a visita con outra calma.
Moito máis cá historia do topo, da que falan todas as guías e que podedes ler en calquera lado (poñede en Google “topo catedral”, sen as comillas, e xa sae), a historia que paga a pena coñecer desta catedral é a da súa agonía e resurrección. A fraxilidade da estrutura gótica (extremadamente alta e sostida en columnas estreitas e muros delgados con profusión de aberturas) logo comezou a dar problemas. Pero a causa non estaba no deseño orixinal senón nas modificacións posteriores. No século XV, engadíronse unhas pequenas torres nos lados sur e norte para axudar a conter a presión pero non foi suficiente. No século XVI incorporáronse na fachada occidental uns remates en estilo plateresco excesivamente pesados. No XVII ruíu parte da bóveda central do cruceiro e a desopilante solución do arquitecto real (Juan de Naveda, sendo rei Felipe IV) foi cubrir o cruceiro cunha grande cúpula. O peso desta cúpula sobre a estrutura gótica logo ameazou dar co edificio enteiro no chan. A principios do XVIII Juan de Churriguera tentou resolver o problema levantando catro grandes pináculos arredor da cúpula o que agravou aínda máis os problemas de estrutura. O terremoto de Lisboa de 1755 produciu no edificio danos relevantes. Diversos arquitectos de renome desfilaron pola cidade tentando resolver o problema pero os desprendementos eran continuos e non parecía haber resposta. No XIX declárase a Catedral Monumento Histórico Nacional. Foi o primeiro edificio en recibir tal declaración, que tiña como obxectivo que o Estado adicase á súa salvación a maior cantidade de recursos que fose posíbel. Pero continuaron as intervencións desastrosas. A última delas, do arquitecto Matías Laviña, en 1859. O traballo de Laviña e do seu sucesor Hernández Callejo centrábase en ir desmontando o edificio para procurar -sen éxito- estabilizalo. A salvación chegou da man do arquitecto Juan de Madrazo, coñecedor da arquitectura gótica, quen, para conter o problema e, ao tempo, proceder á súa reconstrución, montou dentro do templo un complexo sistema de andamios e suxeicións, feitas en madeira, desde o chan até o alto das bóvedas. Esta estrutura permitiulle soster todos os sistemas de carga do templo mentres se reconstruía o cruceiro desmontado e a fachada sur, necesarias ambas para restaurar o equilibrio dos arcos da estrutura central. Madrazo modificou as bóvedas do cruceiro sur, imitando as do cruceiro norte: a idea, en resumo, foi restituír a estrutura orixinal gótica co seu fino xogo de contrapesos, eliminando todos os elementos posteriores. A cúpula, xa desmontada, foi substituída por unha bóveda de crucería ao modo da orixinal. A estrutura de madeira do interior do templo retirouse en 1878 e o edificio volveu descansar nas súas dinámicas orixinais tal e como podemos velo na actualidade.
Aínda tiña Madrazo traballos por realizar pero discrepancias políticas e ideolóxicas co Cabido, o bispo e a sociedade conservadora leonesa fixeron que fose destituído, morrendo poucos meses despois. As obras, con todo, continuaron na mesma liña. Desmontáronse os engadidos platerescos do século XVI e acabaron de reconstruírse as bóvedas do cruceiro e da nave central. Por último, en 1895 comezaron a recompoñerse as vidreiras que levaban moitos anos desmontadas e almacenadas, sufrindo grave deterioro. Instaurouse para isto un obradoiro de vidrería de estilo medieval para traballar na reconstrución das vidreiras sobrevivintes e na creación doutras novas.
Nos últimos anos estase levando a cabo, novamente, un intenso traballo de limpeza e restauración das vidreiras. Retíranse, límpanse con técnicas modernas para evitar o deterioro non tanto do cristal canto da grisalla que lles dá o seu aspecto característico, e restáuranse. No sitio do que se retiran as vidreiras, colócase uns cristais translúcidas que serven de peche do templo, illamento e protección das vidreiras e os paneis orixinais que, unha vez restaurados, colócanse no interior do templo, nunhas estruturas metálicas próximas ás ventás, de xeito que teñan o mesmo efecto que colocadas no seu sitio orixinal e, ao tempo, se manteñan protexidas dos axentes externos, tanto do clima como da contaminación. A pequena separación entre as vidreiras e os cristais exteriores permite a circulación do aire e que as vidreiras queden protexidas dos cambios de temperatura típicos do clima da cidade.
Segundo nos contaron, os andamios que se colocan para o traballo de desmontar e montar as vidreiras, ocuparan os últimos anos o centro da nave. O traballo continúa e a nós tocounos ver eses andamios unicamente na parte do coro alto polo que apenas interferían na visión xeral do templo.
A última cousa que quero contar desta catedral é que en 2013 estreou un novo órgano. O instrumento é, segundo os entendidos, unha xoia da organeiría contemporánea. As súas características técnicas poden verse nesta páxina e pode escoitarse nos frecuentes ciclos de concertos para este instrumento que se organizan cada ano.
3 thoughts on “León (II) – A Catedral”