León (I) – De tapas

A fin de semana pasada estivemos en León e gustounos moito. Fomos facer turismo urbano o que, traducido a León quere dicir: visitas culturais e tapeo.

A cidade de León foi, en inicio, un campamento romano e, posteriormente, sufriu un despoboamento que aparentemente non foi completo e houbo diversas tentativas de repoboala e reconstruíla. En todo caso, non foi até o século IX que esta empresa se realizou con éxito, durante o reinado de Ordoño I, que a incorpora ao reino de Asturias.

Para inaugurar o capítulo gastronómico cómpre dicir que no casco histórico de León hai dúas zonas ou barrios adicados ao tapeo: o máis famoso, o Barrio Húmedo (o nome seica provén das bebidas que por el corren) e o Romántico. Ambos están separados só por unha rúa, a Calle Ancha, que é o eixo desta zona da cidade.

A trazo groso diría que o Húmedo é barrio máis de tabernas e o Romántico un pelín máis posto. Pero seguro que calquera que coñeza a cidade mellor ca min pode desmentilo.
O sistema en León, como xa viramos noutras cidades, é que ti pides unha bebida e danche a escoller entre un grupo maior ou menor de tapas gratis (entre unha e cinco ou seis). As tapas, máis ou menos elaboradas, inclúen sopas de allo, embutidos, morcilla e patacas fritidas que en león fanse en láminas como para tortilla. Pero tamén hai cousas máis curiosas.

A primeira noite estivemos no húmedo, arredor da praza de San Martín. Primeiro entramos en La Fábula: había pouca xente e podías tomar a tapa sentado, todo un luxo, e os camareiros estaban de cháchara cuns colegas que estaban na barra e, en conxunto, daban a sensación de frikis dos videoxogos ou dos cómics. Despois fomos a un clásico, La Bicha: un local moi pequeniño cun dono que ten fama de can mordedor; pedín un Rioja pero alí só teñen viños casteláns así que me decantei por un mencía do Bierzo que resultou imbebíbel; o local é célebre -ademais de polo dono- pola súa morcilla pero puxo unha rebanda de pan cun anaquiño de chourizo á sidra e non era cuestión de discutir. Pechamos esa noite nun local que non merece figurar en ningunha reseña.

O segundo día, ao mediodía paramos nun local do Romántico que escollemos só porque, despois de percorrer unha chea de sitios, foi o único no que nos deixaron entrar. Moral para quen visite León se queres escoller o sitio onde comer, planifica e reserva. O local chámase El Patio e sentamos na parte de diante (no restaurante non había mesa) e comemos de ración. Iamos pedir unha cazola de chourizo e unha ración de morcilla pero a camareira (atentísima) aconsellounos pedir media e media. E sobrou. Un despropósito de colesterol riquísimo.

Esa noite (aínda dixerindo o do mediodía) estivemos no Zuloaga, tamén no Romántico, a 20 metros da Catedral. Entramos porque na porta anunciaban unha tapa con pinta máis elaborada que obtivera un premio no último concurso local de tapas. E realmente estivo á altura: zamburiña á plancha en crema de porro con estaladizo de cecina. Moi ben. A seguir, cambiamos ao Húmedo e quixemos tentar as famosas patacas fritidas de El Flechazo pero estaba ateigado. Ese e os demais. Xa que logo, entramos nun local da Praza de San Martín, o mesón Jabugo con intención de buscar unha mesa e cear unha ración de embutido. Fixemos así. Coa bebida trouxéronnos a tapa correspondente (detalle que non sempre ocorre) que foi unha sopa de allos potente e picante e os embutidos estaban razoábeis.

O último día erguémonos xa tan fartos de graxas e colesterois que collemos estrada de regreso sen xantar. Pero, fieis ás nosas tradicións familiares, non podiamos marchar sen facer acopio de provisións: nun pequeno local da Calle Ancha compramos unhas bandexas de cecinas diversas (de touro, de cabra, de cabalo, de burro, de cervo, …) e chourizos (un de cerdo picantísimo e un de cervo).

Nas entradas seguintes ocupareime da Catedral, do Mosteiro de San Isidoro e dalgunhas outras cousiñas que vimos nesta viaxe.

2 thoughts on “León (I) – De tapas”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.