A igrexa de San Martiño Pinario, en Compostela

(Actualizado 15/03/2018)

Fun de visita por primeira vez á igrexa de San Martiño Pinario hai algo máis dun ano. Tiña que redactar un pequeno traballo a aproveitei. A miña intención, nes primeira ocasión, fora facer a visita guiada pero, daquela, só se facían cando se xuntaba un grupo, e para a seguinte dixéronme que tiña que agardar unha semana ou dúas, máis ou menos: pero eu non dispoñía dese tempo.

Xa que logo, lin unhas notas nun libro (Guía de arte de Galicia, de Basilio Cegarra, editado por Galaxia) para non chegar de baleiro e fun por libre. A entrada dá acceso á igrexa e a algunhas dependencias contiguas que funcionan como museo. O mosteiro non se pode visitar.

Tiña tempo e percorrín a igrexa con calma. E, con calma, fascinoume.

San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – fachada

Como notas iniciais, cómpre dicir que a igrexa fai parte do mosteiro de San Martiño Pinario que, en conxunto, é o maior de Galicia e o segundo do Estado Español (despois do Escorial). Non están moi claras as súas orixes. Seguramente a primeira comunidade que o fundou era a que tiña como igrexa a pequena capela da Corticela (hoxe integrada dentro da Catedral). Pero o grande desenvolvemento edilicio da comunidade chegou no século XV, cando pasou a ser mosteiro bieito dependente do de Valladolid.

As ordes relixiosas comezaron a adquirir grande poderío nesta época e facían ostentación dese poder nos seus edificios. Compostela era xa un centro relixioso de máxima relevancia e todas as ordes querían ter aquí o seu escaparate. A de San Benito non ía ser menos e por iso foi que levaron a cabo esta obra. Habían ocupar o mosteiro até a desamortización de 1835. A partir dese ano o mosteiro tivo diversas funcións e, en 1868 foi adicado a Seminario Maior. Actualmente conserva ese uso e é, ademais, escola de Teoloxía e Traballos Sociais da Universidade de Santiago de Compostela e mais hospedaría.

Falemos, pois, da igrexa. Construíuse entre 1590 e 1642, aínda que a maior parte da obra xa estaba rematada nos primeiros anos do século XVII. Os planos iniciais, moi detallados, son do arquitecto portugués Mateus Lopes (en toda a documentación á que puiden acceder o nome e o apelido aparecen castelanizados).

Empecemos polo interior, que foi como o fixen: nada máis entrar, queda bastante clara unha planta de cruz latina cunha nave en cada brazo con bóveda de canón ornada con falsos casetóns. O tramo da bóveda que queda na capela maior está decorado con pinturas de factura posterior.

O brazo principal, entre a entrada e o cruceiro, ten tres capelas de cada lado. Na planta inicial había catro pero as primeiras, as que quedan debaixo do coro, cegáronse coa intención de que funcionasen como base das torres da fachada principal. A comunicación entre a nave central e as capelas é a través de arcos de medio punto e muros moi grosos. Unha vez atravesados eses arcos, hai unha especie de corredor que comunica as diferentes capelas. En realidade, o libro de Cegarra di que o brazo principal ten tres naves porque considera naves estes corredores. É outra forma de velo.

A cúpula situada no cruceiro é obra dun dos arquitectos que maior traza deixou na obra, ademais de Lopes: Bartolomé Fernández Lechuga. Aínda que o profesor Vigo Trasancos afirma que a cúpula xa estaba no proxecto inicial de Lopes e que Fernández Lechuga só introduciu na factura algunhas modificacións estilísticas. O que si é obra íntegra de Fernández Lechuga é o claustro procesional do mosteiro, que está na parte do edificio que só se pode visitar con guía.

Deteñámonos, pois, nas capelas do brazo maior. En orde, comezando pola esquerda e pola entrada, están adicadas a San Bernaldo, Santa Xertrude e o Cristo da Paciencia. Pola dereita, a Santa Catarina, Nosa Señora do Socorro e Santa Escolástica.

Para ilustrar a visita, cada unha das capelas, así como cada recanto da igrexa e o museo, ten un cartel con información boa, suficientemente detallada para alguén coma min, que teño algunha idea destas cousas pero non son especialista en arte. A información está en galego, castelán e inglés (nesa orde).

A capela de San Bernaldo é obra de Frei Plácido Camiña. As de Santa Xertrude, o Cristo da Paciencia e Santa Escolástica tamén, aínda que realizadas coa colaboración de Xosé Ferreiro. A Frei Plácido Camiña referireime máis adiante. Xosé Ferreiro é un dos maiores escultores galegos do barroco, autor, entre outras obras, do frontispicio do Pazo de Raxoi, na veciña Praza do Obradoiro. Nesta igrexa de San Martiño atópanse dúas das súas obras sobranceiras: a imaxe do Cristo da Paciencia e, sobre todo, a de Santa Escolástica.

San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – retablo de Santa Escolástica – Xosé Ferreiro

A capela de Santa Catarina é obra de José Gambino, mestre (e sogro) de Xosé Ferreiro.

Por último, a capela de Nosa Señora do Socorro é de Fernando de Casas e Novoa a quen se lle deben, tamén, os retablos dos cruceiros e do altar maior.

Imos deternos nestes tres retablos. Todos os tres foron trazados por Casas. Este artista é o maior arquitecto do barroco galego, autor dunha das obras máis representativas do barroco universal: a fachada do Obradoiro da Catedral compostelá. Nesta igrexa de San Martiño Pinario deseñou, como xa dixemos, os seus tres grandes retablos (entre outras cousas).

O do cruceiro esquerdo está adicado á chamada Virxe Inglesa. Consta de dous corpos. No inferior, de tres rúas separadas por columnas salomónicas, as esculturas pertencen ao obradoiro de Romay, agás a da virxe que chegou probabelmente de Inglaterra cos católicos que fuxían exiliados na época de Enrique VIII no século XVI. A presenza desta talla no mosteiro de San Martiño Pinario documéntase por primeira vez en 1607. O resto de figuras do retablo representan os diferentes membros da familia de Xesús: San Xosé co neno, San Xoán Bautista, San Xoaquín e Santa Ana. Rematan as rúas laterais as figuras de San Domingos de Guzmán e Santo Ignacio de Loyola, santos fundadores de Dominicos e Xesuítas.

San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – retablo da Virxe Inglesa de Fernando de Casas e Novoa

O retablo do cruceiro dereito foi proxectado a un tempo co do cruceiro esquerdo e ten a mesma estrutura. Está adicado a San Bieito. Foi trazado por Fernando de Casas en 1742 e consta de tres corpos: o inferior, de tres rúas separadas por columnas salomónicas e o superior, dunha soa rúa con fornela. Traballou nel Francisco de Casas como entallador e o labor escultórico débeselle tamén ao obradoiro de Miguel de Romay. A figura central é a de San Bieito cos seus atributos de autoridade e dignidade (o báculo e a mitra), o do seu labor lexislativo (a Regra) e o do seu poder de realizar milagres (un corvo cun pan no peteiro). Na parte superior, un interesante altorrelevo amosa a éxtase do santo. As outras catro figuras dos laterais son San Plácido, San Mauro, San Anselmo e San Tomé de Aquino. Santo Agostiño e San Francisco rematan as rúas laterais, este último leva o bastón de peregrino e a cesta de peixe que ten na man representa o tributo que os franciscanos pagaban aos bieitos pola cesión dos terreos nos que se ergueu a veciña igrexa e mosteiro de San Francisco.

San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – Retablo de San Bieito de Fernando de Casas e Novoa

Pero a maior obra de Casas nesta igrexa é, sen dúbida, o retablo do altar maior. Trátase dun dos cumios do barroco galego. Foi realizado entre 1730 e 1733 polo obradoiro de Miguel de Romay. As esculturas son do obradoiro de Benito Silveira. Era en orixe un retablo exento, ao estilo do da basílica de San Pedro, no Vaticano, pero foi unido posteriormente (aredor de 1760) ás paredes laterais cunha estrutura de portas, arcos e imaxes obra de José Gambino.

San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – Altar maior de Fernando de Casas e Novoa

A situación deste retablo, na embocadura da capela maior, obrigou a Casas a deseñalo con dúas caras: a que dá á nave central da igrexa e ao público e unha segunda que é a que dá ao cadeirado do coro. A iconografía de ambas as caras do retablo son diferentes e complementarias. Do lado da igrexa, un escudo de España e, no centro, a Asunción e Coroación da Virxe pola Santísima Trindade. Acompáñana as imaxes de San Pedro e San Paulo. Nos laterais, Santiago e San Millán, aparecéndose na batalla de Simancas. No templete da parte superior, a apoteose de San Martiño e unha versión da escena do mendigo e a capa da que falarei máis adiante ao referirme á fachada.

Na outra cara, o escudo da orde, San Bernardo, San Gregorio Magno, San Xosé e o neno Xesús. Cito a guía da igrexa: “Con esta obra compostelá Casas Novoa leva a evolución do retablo barroco galego ata límites impensables. Por unha parte transcende a tradición de Domingo de Andrade, profundando na idea da mobilidade da planta, do xogo de volumes e ocos e desmaterializando a impresionante masa piramidal do remate, levantada sobre unha complexa estrutura arquitectónica composta por dinámicas columnas salomónicas, quebrados entablamentos e ornamentadas pilastras, gracias ás valoracións dos xogos lumínicos que se producen na cabeceira e no cruceiro da igrexa.”

Deteñámonos agora no cadeirado do coro. É unha obra moi relevante de ebanistería barroca, realizada por Mateo de Prado entre 1639 e 1647. Está inspirado no da Catedral e composto de dúas ordes de asentos. Os relevos da parte inferior narran escenas da vida da Virxe e os da parte superior son imaxes de santos. O gardapó é unha serie adicada á vida e milagres de San Bieito.

Pasemos agora a describir algunhas das dependencias anexas á igrexa. As que podemos visitar son catro: a statio, a theca, a sancristía e a imprenta.

San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – plano de estancias anexas

A statio, construída no século XVII, alberga algunhas pezas relevantes como unhas portas pintadas por Manuel Landeira Bolaño ou varios anxos, obra de Xosé Ferreiro.

San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – portas de Manuel Landeira no museo

San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – anxos de Xosé Ferreiro no museo

A sancristía é unha interesante obra de Frei Gabriel de Casas e Fernando de Casas e Novoa realizada entre finais do XVII e comezos do XVIII. De cruz grega con pilastras toscanas que soportan unha cúpula ornada con casetóns, contén unha relevante obra de Xosé Ferreiro: o monumento ao Xoves Santo, composto por trinta e tres esculturas.

San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – sancristía

Na theca expóñense diversos elementos de antigas fábricas da igrexa: capiteis, columniñas, algunha escultura pétrea.

Por último, hei determe na imprenta xa que alberga unha exposición que me fascinou: pezas de gravado e obras realizadas pola chamada Imprenta do Seminario Conciliar: unha imprenta establecida aquí a mediados do XIX por iniciativa do Cardeal Miguel Payá e que realizou unha interesante obra da que aquí podemos ver unha mostra.

San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – imprenta
San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – imprenta

Antes de saír do templo e falar da fachada, cómpre indicar que, nas estancias superiores, pode visitarse un museo que contén diversas obras de arte, sobre todo pintura, unha mostra de taxidermia e clasificacións botánicas que son testemuño da actividade científica que se desenvolveu neste e noutros mosteiros. Pero o que máis interesa aquí é realizar unha visita á reconstrución do coro lígneo da Catedral.

Este coro, obra relevante do manierismo español de Juan Davila e Gregorio Español, foi encargado a comezos do XVII polo bispo San Clemente para substituír o coro pétreo do Mestre Mateo (a reconstrución deste coro pétreo pode visitarse no Museo da Catedral). O coro lígneo foi retirado da Catedral a mediados do século XX e San Martiño Pinario foi o seu primeiro destino. Pero, por motivos que descoñezo, en 1973 sofre un segundo traslado ao mosteiro de Sobrado dos Monxes. Alí, ademais de realizarse unha montaxe desordenada e gravosa para o estado xeral da obra, permaneceu en estado de case abandono durante algúns anos. Finalmente emprendeuse un interesante traballo de recuperación que permitiu volver localizalo no seu emprazamento actual, restaurado e recuperando a súa organización primitiva. Está instalado no coro alto de San Martiño e conta, ademais, cunha exposición na que se dá abondosa información sobre a obra, a súa historia e o proceso de restauración.

Vou saír, finalmente, ao exterior do templo e contar as últimas historias que fun sabendo del.

Como xa comentei, o arquitecto Mateus Lopes entregou á congregación bieita uns planos de grande detalle e é súa a responsabilidade da construción do templo durante os primeiros anos. Pero en 1601 (cando xa levaba traballando aquí uns once anos) marchou a Portugal, posibelmente por razóns de saúde e xa nunca regresou, falecendo no seu país de orixe en 1609. Pero deixou a obra nun estado avanzado de construción.

Xa na súa ausencia, en 1603, o abade encarga ao mestre maior da Catedral unha revisión dos planos. Ocupaba o cargo na catedral o arquitecto e construtor Ginés Martínez quen propón algúns axustes de proporcións que se executan só na parte da fábrica que estaba sen rematar: o cruceiro e a capela maior. Trátase fundamentalmente de axeitar as proporcións da obra ao canon clásico imperante.

Como digo, non son un especialista en arte nin en arquitectura pero, segundo conseguín entender dun par de artigos que lin ao respecto (sobre o arquitecto e esta obra, do profesor Alfredo Vigo Trasancos), a pretensión dos monxes de contar cun mosteiro impoñente traduciuna Lopes nunha sorte de esaxeración das dimensións que transgredía as proporcións que o barroco entendería como correctas. Estas desproporcións poden apreciarse na fábrica actual da nave principal e os especialistas descóbrenas corrixidas no cruceiro e na capela maior.

Se Lopes deixou a fachada rematada ou non é tamén materia de discusión. Vigo Trasancos atribúe a Lopes a maior parte da fachada e aos seus continuadores só algúns elementos decorativos. Outras teorías, citadas polo mesmo autor, outorgan maior importancia á pegada dos sucesores.

O caso é que a fachada da igrexa está organizada en tres rúas e a central está ocupada por un retablo pétreo de estilo plateresco que recorda moito á fachada de Santa María Maior, en Pontevedra, obra que Lopes debía coñecer ben. O plateresco (tamén chamado proto-renacemento) era xa algo arcaizante na época da construción desta igrexa pero, neste caso, atópanse xa algúns signos de incipiente manierismo italiano.

No frontón podemos ver a icónica escena na que San Martiño dá a un pobre a metade da súa capa. Tal como comentei anteriormente, esta escena reprodúcese no altar maior de Casas e Novoa. Conta a lenda que, sendo San Martiño aínda un militar, nas portas da cidade de Amiens, un mendigo esfarrapado pediulle esmola e el, que non tiña diñeiro que darlle, partiu a súa capa en dous e deulle unha metade (a outra conservouna porque non era súa senón que era propiedade do exército romano). Remata a lenda contando que, na noite seguinte, Cristo apareceuse ao santo vestido só con media capa.

As tres rúas da fachada están separadas por pilastras decoradas con “almofadado”: eses relevos con forma de almofada, dispostos como se se tratase de ladrillos ao longo das pilastras.

Un dos elementos máis rechamantes, cando nos achegamos á igrexa de San Martiño Pinario, son as escaleiras de círculos concéntricos que permiten salvar o desnivel entre a rúa e a porta do templo.

San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – escaleiras exteriores

Non estaban no deseño inicial da igrexa, senón que os fixo Frei Plácido Camiña entre 1770 e 1773. A obra requiriu que se rebaixase o nivel da praza situada diante da igrexa. A parte superior da antiga porta reconverteuse na claraboia semicircular que aínda se pode ver encima da porta actual.

San Martiño Pinario – Santiago de Compostela – portas

Antes da reforma, o desnivel entre a praza e o interior do templo salvábase cunhas escaleiras interiores, probablemente de madeira, das que só quedan referencias literarias:

“Partieron desde aquí a la magnífica anchurosa Iglesia del convento (de San Martiño Pinario), bajando por la admirable escalera, sobre la qual se registra aquella Tribuna de piedra, pendiente del ayre, y arrancada de la admiración…”.

O fragmento pertence á obra Theatro Moral y Político de la Noble Academia Compostelana (1731), citado por Alfredo Vigo Trasancos nun dos artigos aos que me referín antes.

Outras dúas obras de certo impacto houberon de realizarse na fachada, ambas da autoría de José de la Peña de Toro: as ventás que se abren nas rúas laterais e as torres. Ambos os proxectos foron realizados a mediados do XVII, cando a igrexa xa estaba inaugurada. As torres comezaron a construírse pero, como no proxecto orixinal quedaban a maior altura que as da Catedral, o Cabido impúxose e impediu o remate das obras. Quedaron, pois, construídas, só até a altura do frontón da fachada, dándolle á igrexa ese aspecto orixinal que actualmente ten.

A igrexa pode visitarse durante case todo o ano. Non abre todos os días pero si a maior parte deles (o calendario varía segundo a época). Pode visitarse libremente ou realizarse unha visita guiada que permitirá coñecer tamén algunhas dependencias que de forma libre non se poden visitar (como, segundo comentei, o claustro procesional).

Un edificio de grande relevancia en todo sentido, non tan coñecido como debería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.