San Martín de Frómista, Las Fuentes de Amusco e Catedral de Palencia

Tras abandonar a montaña palentina (da que falei nas tres entradas anteriores: parte I, parte II, parte III), seguimos cara ao sur pola N-611 en dirección a Frómista. A parada tiña como motivo visitar a igrexa de San Martín, máis famosa pola súa restauración que pola súa fábrica.

O templo data do século XI. Aparentemente hai unha manda testamentaria de 1066 que ordena a súa construción e as obras deberon realizarse entre 1080 e 1100, aproximadamente.

A igrexa pertencía a un mosteiro hoxe desaparecido que, entre os século XII e XIII foi dependente do priorado bieito de San Zoilo, en Carrión de los Condes. A partir do século XIII, abandonado xa polos monxes, foi pasando de man en man durante séculos. Sufriu diversas modificacións e engadidos (nomeadamente no século XV) até que, finalmente, queda abandonado. No século XIX o deterioro do templo fai perigoso o seu uso polo que se decide o seu peche, acusándose cada vez máis a ruina.

En 1894 a igrexa é declarada Patrimonio Nacional e a súa restauración encoméndase ao arquitecto Manuel Aníbal Álvarez Amoroso. Este arquitecto desmonta case completamente o templo e vólveo erguer desde os alicerces, eliminando todos os elementos que, ao seu entender, eran engadidos impropios da fábrica orixinal. Na procura da máxima pureza o resultado é, segundo os especialistas, case unha obra de ficción.

Citarei aquí un fragmento do libro El arte románico español, publicado en Madrid en 1934 (a cita provén da web artehistoria.com): “Esta iglesia lleva sobre sí una restauración tan demasiado a fondo, que parece toda nueva… Es nuevo el hastial [fachada] de poniente, en su parte medial íntegro, donde no parece seguro que hubiese puerta; lo son [nuevos] asimismo, el cuerpo alto de la torrecilla de hacia el SO, las arquivoltas interiores y tejaroz de la portada meridional, que además fue remetida; dos contrafuertes, a la cabeza del crucero, y el subir hasta lo alto los otros dos; el hastial íntegro del mismo hacia el N., donde entestaba una capilla gótica [eliminada], y todas las ventanas del meridional, donde hay una portadilla que no es primitiva”.

Segundo puiden ler, renováronse máis de 80 canzorros e máis de 10 capiteis, entre outras cousas. Suprimiuse a sancristía e uns contrafortes dos que hai constancia documental. No interior do templo, están marcados cun R vermello os capiteis novos. No exterior non vin marca ningunha que permita distinguir o material orixinal do inventado polo restaurador.

Con todo, penso que a visita paga a pena. O templo é precioso e está moi ben atendido. As historias que conta a audioguía sobre cada un dos elementos decorativos son interesantes e podemos supoñer cal sería o aspecto dun templo románico da época como se estivésemos alí daquela porque todo semella novo. Pero debemos tamén dubidar do que vemos. Non hai, na práctica, xeito algún de diferenciar o novo do vello e a intensidade das alteracións permítennos supoñer, coa mesma, que estamos diante dunha construción neorrománica do século XIX. Miramos, pois, un templo románico ou un decorado que o imita. Penso que, transcorrido máis dun século desa restauración (e sen que ningún político ou partido político corra risco de demandas por atentado ao patrimonio), as audioguías ben poderían facer referencia máis franca a esta controversia.

San Martin – Fromista – Vista xeral

San Martin – Fromista – Interior do templo

San Martin – Fromista – Imitación de capitel románico

Na estrada que conduce desde Frómista até a cidade de Palencia, fixemos un alto para ver por fóra a ermida de Nuestra Señora de las Fuentes, en Amusco. A igrexa atópase nas aforas da localidade, a carón do cemiterio. Sorprende saber que lle chaman ermida a este impoñente edificio de grandes dimensións. Pola documentación achada, sabemos que a súa construción data dos séculos XII ou XIII, que no interior está estruturado en tres naves e que, a pesar de que a planta é románica, a estrutura das naves xa ten todas as características propias do gótico: piares cruciformes con semicolumnas adosadas, arcos apuntados e bóveda de crucería.

As portas (tanto a da fachada sur como a do pé) son tamén góticas, con cinco arquivoltas apuntadas (máis apuntada a do pé) sobre columniñas con capiteis decorados con motivos vexetais.

Ermita de las Fuentes – Amusco – Palencia – canzorros na absida

Ermita de las Fuentes – Amusco – Palencia – fachada do pé

Ermita de las Fuentes – Amusco – Palencia – Porta sur

Ermita de las Fuentes – Amusco – Palencia – fiestra na ábsida

Ermita de las Fuentes – Amusco – Palencia – Vista xeral

A portada do pé estaba pechada por unha reixa polo que puiden obter esta foto da nave central na que se aprecia a estrutura de columnas adosadas nos piares, os arcos apuntados de estilo gótico e, ao fondo, o retablo barroco e un curioso altar soportado por columnas de aspecto románico.

Ermita de las Fuentes – Amusco – Palencia – Nave central (facer clic para ampliar)

Dirixímonos por fin á cidade de Palencia onde fixemos, para pechar a fin de semana, unha visita guiada á catedral. Trátase dun importante templo gótico, chamado popularmente “La bella desconocida” e ao que actualmente promoven como “La bella reconocida”.

O primeiro que chama a atención é que a propia estrutura urbana arredor da catedral semella querer agochala ao paseante. Existen dúas vistas parciais do templo: unha desde a praza de San Antolín (a este mártir está adicada a catedral) coa portada do pé e a outra desde a praza da Inmaculada.

A fábrica iniciouse no século XIV e estendeuse até o XVI pero o abano arquitectónico é ben maior. A parte máis antiga do templo, a cripta de San Antolín, data do século VII e no século XX realizáronse no templo importantes obras de reforma.

Catedral de San Antolín – Palencia – Vista desde a praza da Inmaculada

Nesa imaxe apréciase a torre, un dos elementos característicos do edificio, as ventás apuntadas e, á dereita da torre, un dos arcobotantes típicos do gótico que soportan a estrutura polo lado da cabeceira. Nesta praza da Inmaculada está a porta pola que se accede ás visitas turísticas.

Fixemos a visita guiada e pagou moito a pena porque as explicacións da guía amosaban interese e coñecemento.

O templo contén innumerábeis obras artísticas de relevo nas súas diversas capelas. Como pode apreciarse neste plano obtido de Wikimedia Commons, a construción ten unha estrutura estraña xa que diversos elementos (máis dos habituais) interrompen a nave central.

Planta da Catedral de San Antolín - Palencia

Situándonos nos pés do templo, a parte de construción máis recente, a vista vese interrompida, como temos visto xa noutros templos como, por exemplo, a Catedral de León, pola parte traseira do coro (referencia 22 no plano).

Ao pé deste trascoro, unha escaleira (23) conduce á cripta na que se gardan as reliquias de San Antolín. Cando a visitamos estaba parcialmente inundada e a luz, nesa zona, cortada.

Catedral de San Antolín – Palencia – Cripta de San Antolín

Detrás do coro (14) atópase a capela maior (12). Esta capela puido ser, en orixe, a ábsida da primitiva igrexa. Na actualidade posúe un impoñente retablo obra de Pedro de Guadalupe, tallista e escultor español. A estrutura do retablo é renacentista. Está organizado en once rúas verticais de catro niveis separadas por pilastras platerescas e nas que se sitúan multitude de tallas obra de Felipe Vigarny ou Felipe de Borgoña e Rodríguez de León, todas obras da primeira década do século XVI. Ademais, o retablo acubilla doce táboas de Juan de Flandes de grande valor. A imaxe de San Antolín no centro do retablo é do século XVIII, obra de Gregorio Fernández.

Catedral de San Antolín – Palencia – Retablo da capela maior (facer clic para ampliar)

Por detrás desta capela, atópase a capela do sagrario (8). Foi capela maior até que se construíu a de Pedro de Guadalupe. Posúe outro interesante retablo con relevos de distintos episodios da vida de Cristo.

Nesta capela hai outros tres elementos interesantes: unha mesa de altar, situada ao pe do retablo, que é de orixe románica, o sepulcro de Dona Urraca, situado na parte alta á esquerda do retablo e outro sepulcro, o de Dona Inés de Osorio, a nivel do chan tamén á esquerda da capela. Este último sepulcro está cuberto por dúas esculturas: unha xacente, que representa á nobre enterrada e outra de xeonllos que representa, como símbolo da fidelidade, unha doncela. A tradición manda que os estudantes palentinos soliciten axuda nos seus exames tirando da coleta da doncela. A deformación da tradición fai que o xesto sexa coñecido (erroneamente) como “tirar de la coleta a Doña Urraca” cando en realidade a quen se lle tira da coleta é á criada de Dona Inés.

Entre o coro (14) e a capela maior (12) atópase o cruceiro do templo, onde a nave central se cruza co paso entre as dúas grandes portas laterais do templo: no lado dereito, a de Santa María ou Del Obispo e, no esquerdo, a de San Juan ou De los Reyes. No espazo que comunica ambas as portas, sitúanse na actualidade os bancos que se utilizan para o culto, “improvisándose” un altar contra a porta De los Reyes (III) que aparece cuberta por importantes tapices. O uso cotián da catedral oriéntase, pois, de forma transversal no centro do templo. Isto é debido a que os diferentes elementos que interrompen a nave central fan que esta transversal sexa o espazo de maiores dimensións do edificio.

Catedral de San Antolín – Palencia – Tapices na porta De los Reyes

Innumerábeis tallas e altares descóbrense ao longo da visita ao templo. Voume quedar cunha anunciación sobre a que non atopei ningunha información pero que me pareceu dunha grande delicadeza:

Catedral de San Antolín – Palencia – Anunciación (facer clic para ampliar)

As dúas imaxes que compoñen o conxunto, de grandes dimensións, atópanse unha a cada lado do arco que comunica o cruceiro coa porta da dereita, de Santa María (II).

A maiores, cumpriría destacar unha imaxe da virxe branca ou a capela De los Reyes situadas ambas no deambulatorio, así como interesantes vidreiras distribuídas por todo o templo, sobre todo nas capelas do deambulatorio.

A visita guiada conclúe cun percorrido polo museo da Catedral no que poden apreciarse diversas obras de arte sacro e profano. Deixo aquí dúas imaxes dunha peza rechamante, obra de autor descoñecido, tal vez Luis Cranach, este retrato anamórfico do emperador Carlos V ten un aspecto ben diferente se o miramos de fronte ou se o miramos polo pequeno furado que existe na parte lateral da caixa:

Catedral de San Antolín – Palencia – Museo – Retrato anamórfico de Carlos V
Catedral de San Antolín – Palencia – Museo – Retrato anamórfico de Carlos V

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.