Románico na montaña palentina (II)

(A primeira parte deste traxecto podes lela aquí)

Desde San Salvador de Cantamuda regresamos até Cervera de Pisuerga para retomar a CL-626 novamente cara ao leste en dirección a Aguilar de Campoo. Aquí a oficina de turismo si que estaba aberta, tal como estaba previsto. Déronnos uns mapas, algunhas indicacións e marchamos a todo filispín (que dirían en Ferrol) para tentar chegar a Olleros de Pisuerga antes das 14h. Para isto, cómpre coller a N-611 en dirección Palencia.

En Olleros de Pisuerga atópase unha das igrexas máis curiosas da zona, aínda que, para o noso gusto, non a máis bonita nin mesmo a máis interesante e, en todo caso, non é unha igrexa románica: trátase da igrexa dos Santos Justo y Pastor, un exemplo do que se coñece como “arquitectura rupestre” xa que está escavada na rocha. É de orixe prerrománica e, no interior, está estruturada de xeito semellante a calquera pequena igrexa románica exenta: dúas naves cos teitos tallados como se fosen bóvedas de canón mesmo simulando os arcos, e dúas ábsidas semicirculares que non están moi aliñadas coas naves. A explicación, aparentemente, é que as naves seguen a orientación natural da pedra na que se escavaron pero as ábsidas (e, consecuentemente, o altar e o retablo) seguen a orientación canónica ao leste.

Santos Justo y Pastor – Olleros de Pisuerga – Palencia – nave esquerda

As columnas que separan ambas as naves tamén estaban, en orixe, talladas na pedra pero, nunha restauración posterior, dúas delas foron substituídas por outras novas xa que as orixinais estaban moi desgastadas debido á erosión. Como aconteceu con outros templos, unha epidemia de peste levou a que se decidise encalar os muros e as columnas. Aquí, ademais do efecto habitual de tapar a decoración mural, o efecto secundario foi que, en contacto coa arenisca da pedra na que estaba tallada a igrexa, o cal produciu unha reacción química (que descoñezo) que provocou unha importante erosión nestas columnas que forzou a mencionada substitución.

Nas proximidades do templo, poden verse numerosos ocos escavados na rocha que conforman unha verdadeira necrópole rupestre.

A outra característica singular desta igrexa é que a torre do campanario está situada a unha certa distancia da igrexa. Facía as funcións, ademais, de outeiro defensivo e de comunicación.

Santos Justo y Pastor – Olleros de Pisuerga – Palencia – torre

Moi preto de Olleros de Pisuerga chegamos ao pequeno núcleo de Mave e, a continuación, Santa María de Mave. Sobre a mesma estrada que vai de Mave a Santa María, paramos nun pequeno restaurante (que non só de románico viven o home e a muller). É un hostal que se chama La Llave. Non entramos no comedor, porque non queríamos parar moito tempo, pero comemos por menos de 20 € (en total entre os dous) unhas racións moi ben servidas e abondosas, con bebida e café.

Xa co bandullo cheo, seguimos até Santa María de Mave. Aquí, xunto a unha estación de tren, érguese a igrexa do antigo mosteiro hmónimo. Pouco puidemos ver desta igrexa. O mosteiro está reconvertido en hospedaría e, normalmente, acudindo a ela pódese ver a igrexa. Pero coincidiunos xusto o mes de vacacións e non puidemos ver nin unha cousa nin a outra.

Santa María la Real de Mave – Palencia

Seguindo pola mesma estrada (PP-6210), encontramos a uns 6 km a localidade de Pozancos. Achegámonos até alí para ver a pequena igrexa de San Salvador. Estaba pechada e, aínda que tiña un teléfono ao que chamar, tiña tamén un horario e cadraba xusto no descanso do mediodía. Vimos o templo desde fóra e chamounos a atención a decoración das ventás e os canzorros das ábsidas.

San Salvador – Pozancos – Palencia – Ventá da ábsida

San Salvador – Pozancos – Palencia – Canzorros na ábsida (facer clic para ampliar)

Xa estabamos subindo ao coche para marchar cando unha señora en bata de casa achegouse para preguntarnos se queríamos ver a igrexa por dentro. Pagou a pena porque dentro o templo conta con dous retablos barrocos moi bonitos, un deles recentemente restaurado.

San Salvador – Pozancos – Palencia – Retablo restaurado (facendo clic, vese un pouco máis grande)

Aquí, algunhas das imaxes deste retablo.

San Salvador – Pozancos – Palencia – imaxes retablo (facer clic para ampliar)

Pola mesma razón que o estivo a igrexa de Olleros de Pisuerga, todo o interior deste templo continúa encalado. Este é un dos casos nos que a cobertura de cal deixou debaixo unha profusa decoración pictórica que pode adiviñarse na cúpula dunha das ábsidas e nalgúns ocos no medio dos retablos que deixan ver o muro posterior (a existencia do retablo veu salvar as pinturas que están detrás).

A muller explicounos que uns técnicos (seica do Arcebispado) foran ver se era posible retirar o cal pero concluíron que, de facelo coas técnicas ás que tiñan acceso, ían levar consigo tamén as pinturas de debaixo, polo que preferían deixalo estar á espera de mellores condicións. E, coa mesma, explicounos a muller que ela mesma, “con un cuchillito” ía rascando o cal nalgúns sitios deixando ver a pintura de debaixo. Sorprende de que aínda quede algo do patrimonio en pé…

Na imaxe seguinte poden verse os dous retablos: á dereita, o restaurado, á esquerda o que está sen restaurar e, no centro, na metade inferior da pilastra, a parte na que esta señora estivo operando co seu “cuchillito”.

San Salvador – Pozancos – Palencia – interior

Aquí, unha ampliación da zona “intervida”.

San Salvador – Pozancos – Palencia – intervención amateur (facer clic para ampliar)

“Calquera día destes”, dixo a señora, “collo unha escaleira e póñome coa parte de arriba”.

Volvemos de Pozancos por Mave e Olleros de Pisuerga á N-611 e continuamos cara ao sur. Polo camiño detivémonos brevemente para ver por fóra a igrexa de San Vicente en Becerril del Carpio.

San Vicente – Becerril del Carpio – Palencia

O máis interesante desta igrexa é o dintel da fiestra central da ábsida, decorado con motivos vexetais de influencia árabe.

San Vicente – Becerril del Carpio – Palencia – Fiestra da ábsida (facer clic para ampliar)

Continuamos despois até Alar del Rei e alí collemos a P-223 en dirección outra vez noroeste e, a continuación, P-222 para achegarnos á abadía cisterciense de San Andrés del Arroyo. Nesta época do ano está pechada pero puidemos ver algo do templo de fóra. Aínda que, segundo a información que atopamos, o máis interesante aquí é o claustro.

San Andrés del Arroyo – Palencia – fragmento lateral

Continuamos ao norte por P-222 para coller P-227 ao norte. Pero, antes, dixímonos brevemente ao sur para achegarnos a Moarves de Ojeda onde cómpre ver a portada da igrexa de San Juan Bautista. Ten un traballo ben interesante na parte superior da portada sur: un friso co mesmo motivo que o primeiro que víramos na Igrexa da Asunción en Pisón de Castrejón: un apostolado situado aos lados dun Pantocrátor acompañado co Tetramorfos.

San Juan Bautista – Moarves de Ojeda – fachada meridional

Chama a atención a cor vermella da pedra. Esta cor non é natural da pedra senón que foi conseguida mergullando os bloques en auga cunha solución de óxido férrico. Ademais da cor, este tratamento, aparentemente, conferiu maior dureza á pedra permitindo que as imaxes se conserven nun estado de conservación moi bo.

Regresando ao norte pola P-227 está a igrexa de Santa Eufemia de Cozollos. É unha interesante construción románica moi ben conservada. Atópase no interior dunha propiedade privada pero pode verse chamando ao teléfono da porta e abonando unha entrada de 3€ por persoa. O guía é un home maior, moi atento, que vai explicando o templo cun discurso moi mecánico cheo de latiguillos rarísimos. Ademais da igrexa, pode visitarse un pequeno museo con pezas que a propia familia propietaria foi atopando na contorna da igrexa.

A existencia dun templo nesta localización data do século X. A igrexa actual, declarada Monumento Nacional, data do século XII. Ten pranta de cruz latina cunha única nave e tres ábsidas, a central de maior altura. No cruceiro, érguese unha cúpula. É unha igrexa bastante alta para o habitual neste tipo de templos. Pertenceu á orde de Santiago e a comunidade que aquí se instalou na fundación estaba formada fundamentalmente por membros da nobreza. O sarcófago da infanta Sancha Alfonso, filla de Alfonso IX consérvase no interior do templo.

Santa Eufemia de Cozollos – Olmos de Ojeda – vista posterior

Deixamos atrás Santa Eufemia e, pouco despois, desviamos ao nordeste pola PP-2131 para chegar a unha das alfaias do itinerario: a pequena igrexa de Santa Cecilia en Vallespinoso de Aguilar. A vista do templo desde a estrada xa é moi bonita e, ao achegarnos, podemos ver interesantísima decoración exterior que ten a particularidade de que, polas dimensións do templo, quedan moi ao alcance da man e poden verse con grande detalle. Aquí tampouco non atopamos ningunha opción de visitar a igrexa por dentro aínda que é posíbel que, preguntando no lugar, alguén tivese a chave.

Santa Cecilia – Vallespinoso de Aguilar – Palencia

A igrexa ten unha variada decoración en capiteis, arquivoltas e canzorros. Chamounos a atención este San Xurxo co dragón, situado a un lado da porta principal:

Santa Cecilia – Vallespinoso de Aguilar – Palencia – San Xurxo

E este músico tocando a fídula nun dos canzorros:

Santa Cecilia – Vallespinoso de Aguilar – Palencia – músico (facer clic para ampliar)

De Vallespinoso de Aguilar retornamos a Aguilar de Campoo para chegar a tempo da última visita guiada do día a Santa María la Real. Este importante mosteiro restaurado no último tramo do século XX pola Fundación Santa María la Real, dirixida por Peridis, é actualmente un centro público de educación secundaria. Chamounos a atención este uso para un monumento destas características. Realmente o edificio atópase bastante ben conservado e costa imaxinar que por eses corredores pasan a diario decenas de adolescentes. Si é certo que hai algunha pintada nas paredes pero o estado de conservación xeral é máis que correcto.

Este mosteiro pertencía á orde Premonstratense que, en xeral, é unha orde contemplativa pero ten algúns mosteiros que se ocupan en labores de educación, como fóra este caso. Velaquí o feito que inspirou á Fundación que o xestiona para emprender a restauración do edificio pensando en repoñerlle ese uso.

Santa María la Real – Aguilar de Campoo – Palencia – vista do claustro

Paga a pena a visita guiada, feita por investigadores da propia Fundación, porque, ademais de visitar as antigas dependencias monásticas e a igrexa, ofrecen unha interesante panorámica do fenómeno completo das igrexas románicas desta zona de Palencia. En concreto, parece unha boa idea comezar o percurso con esta visita.

Aquí rematamos o primeiro día. O que vimos no segundo, heino contar na seguinte entrada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.